Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Alcaldía

Pedir perdón e seguir adiante

Cando a burbulla inmobiliaria saltou polos aires en 2007, os culpables da crise económica botáronse enriba das persoas máis vulnerables para cobrarlles a factura do desastre. A paisaxe volveuse desoladora: familias endebedadas, salarios incapaces de facerlle fronte ás hipotecas, bolsas de pobreza até entón descoñecidas, recortes en servizos públicos esenciais, un índice de desemprego desbocado e especialmente cruel entre a xente moza, e un mercado inmobiliario voraz e sen contrapesos como resultado de lustros sen políticas públicas de vivenda. Ese era o deserto no que resoaban as voces, ás que debemos tanto, do 15M e da Plataforma de Afectadas pola Hipoteca (PAH), cuxa proposición de lei de emerxencia habitacional se debate por fin este martes no Congreso dos Deputados.

Entre 1997 e 2007 construíronse no estado español 6,6 millóns de vivendas e hoxe o 14% están baleiras. O aluguer social, que na Unión Europea representa entre un 15% e un 18%, redúcese nas nosas vilas e cidades a un exiguo 2%. Na Coruña a situación dista moito de ser mellor: temos máis de 19.000 vivendas desocupadas, o 18% do total, logo dunha década negra, a pasada, na que medraron un 12%, e o parque municipal co que facerlle fronte a situacións de emerxencia consta apenas de 400 pisos. Conscientes da situación, e no marco dun paquete de medidas máis amplo que comezou coa aprobación do Plan de Acceso a un Hábitat Digno, en 2017 puxemos en marcha un programa pioneiro destinado a ampliar o parque municipal de vivenda e poñer ao servizo das políticas sociais algúns dos pisos baleiros que temos na cidade. Mediante un concurso público ao que se podía presentar calquera e a través dunha comisión técnica encargada de valorar as ofertas, pretendiamos que o Concello adquirise vivendas a un prezo reducido, por debaixo do mercado, e as puxese decontado a disposición das persoas que as necesitasen.

Como resultado do concurso, o Concello mercou seis vivendas. A alguén poderían parecerlle poucas, e son, efectivamente, menos das que nos tería gustado adquirir. Pero non son tan poucas se temos en conta que a meirande parte das políticas públicas son progresivas e que nos preceden varios mandatos con poucos ou nulos avances neste campo. E non son insignificantes, tampouco, se as miramos cos ollos cos que miran día a día as traballadores e os traballadores dos nosos servizos sociais, que hoxe mesmo descentralizamos cumprindo un novo compromiso: unha vivenda é unha familia, unha noite ao quente, unha alternativa á rúa, unha oportunidade de futuro.

Lamentablemente, hoxe sabemos que o concurso foi francamente mellorable na súa execución, que se cometeron erros na valoración dos inmobles e que o procedemento non reuniu as garantías suficientes. Os ditames do Consello Consultivo de Galicia, que puxemos a disposición de toda a veciñanza na páxina web municipal a semana pasada, cuestionan seriamente os resultados do programa pero deixan intacta a nosa vontade de ampliar o patrimonio público de vivenda. Por iso dei instrucións para que a Xunta de Goberno Local anulase dúas das adquisicións e por iso lle pedimos ao Consultivo que chegue até o final e revise outras tres. Porque creo, e agardo non equivocarme, que é preferible renunciar agora a esas vivendas, malia ao sacrificio que supón para quen as necesita, se iso serve para sentar criterios xurídicos e técnicos máis consistentes e precisos de cara ao futuro.

Cando unha persoa se esforza e obra de boa fe pero non consegue aquilo que se comprometera a conseguir, debe recoñecelo, pedir perdón e aprender do acontecido para obter mellores resultados a próxima vez. Un alcalde é unha persoa, alguén que asume durante un tempo unha función singular diante das súas veciñas e dos seus veciños e que se compromete a levar adiante un programa de mellora da vida en común. Nesa medida, como alcalde e como persoa, sinto que o concurso público de compra de vivenda para fins sociais non estivese á altura dos obxectivos que perseguiamos nin dese os resultados agardados. Asumo á vez a responsabilidade e o compromiso de que non se repita, e quero agradecer sinceramente o traballo que hai detrás, tanto o do persoal funcionario como o da directora da Asesoría Xurídica e o dos concelleiros de Rexeneración Urbana e Contratación.

Este tropezo, sabémolo, ten que servirnos para seguir avanzando nas políticas públicas de vivenda, tal e como vimos de facer coa mellora da ordenanza de rehabilitación e o incremento das axudas. Hai moito por facer, e nesa tarefa está implicado todo o equipo de goberno, podo aseguralo. Un alcalde pode equivocarse. Un alcalde pode recoñecer un erro. Un alcalde pode pedir perdón. Pero o que non pode facer un alcalde, o que non podo nin quero facer, é renunciar a aquilo no que creo e que me trouxo até aquí: pelexar por unha cidade solidaria, acolledora e comprometida co dereito á vivenda.

Procura de entradas do blog

Buscador avanzado

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?