Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Alcaldía

Por sempre Riazor

Trofeo Teresa Herrera no Estadio Municipal de Riazor. Agosto de 2016.

Trofeo Teresa Herrera no Estadio Municipal de Riazor. Agosto de 2016.

O relato sentimental da vida de milleiros de coruñeses e coruñesas (entre eles eu) non sería o mesmo sen un nome que forma parte da nosa historia: Riazor. Ten valor como praia, como mar ou como barrio, pero é a súa acepción de estadio de fútbol a máis coñecida e dimensionada. Estou seguro de que nunha enquisa na que a cidadanía elixise o lugar da Coruña onde foron máis felices, Riazor estaría moi arriba na táboa. Desde logo, eu neses postos o colocaría.

Riazor é unha xoia a coidar. O seu carácter municipal convérteo en patrimonio de todos e todas non só no emocional senón a todos os niveis. Como símbolo popular da cidade podemos equiparalo ao seu principal inquilino: o Dépor. Ambos levan décadas da man. E A Coruña con eles. Non podiamos arriscarnos a perder esa proveitosa alianza.

Riazor supón falar de recordos excepcionais e dun coñecemento internacional, pero tamén moito máis. A súa cercanía ao mar confírelle un valor adicional que proxecta imaxe alén da nosa área de influencia e amosa de preto as nosas marabillas a aqueles que nos visitan por motivos futbolísticos. Nese aspecto atopamos outras das referencialidades do Estadio Municipal de Riazor: os beneficios que xera no comercio e hostalería local.

Na infinidade de páxinas, minutos de radio e televisión que se adicaron nos últimos tres meses ao peche do Vicente Calderón* apenas se tratou unha das cuestións máis relevantes do traslado do Atlético: o seu impacto económico negativo nos preto de 100 locais de hostalería dos arredores dese estadio, que en moitos casos ven inminente o cese de actividade.

Na Coruña, unha moi ampla área económica que vai desde Rubine e o Paseo das Pontes ata o Conservatorio e a Ronda de Outeiro benefíciase da media de 22.000 persoas que cada dúas semanas acoden a Riazor a ver o Dépor. Ademais, moitas delas -que de seguro serán axiña moitas máis- fano andando, xa que outra das calidades do noso estadio é a sostibilidade, posto que se pode acceder a el andando desde boa parte da municipio. Non ocorre isto xa en moitas cidades.

Por iso, a tendencia que debemos evitar é xusto a que se comeza a impoñer no fútbol de elite, cada vez máis dirixido cara estadios afastados da cidade, case illados e onde o modelo comercial que se impón vén sendo o mesmo dos aeroportos: as franquicias de grandes empresas; deixando atrás ao tecido local. Non é ese o noso modelo. Por iso decidimos coidar a Riazor e ás súas xentes. E iso tamén pasa por coidar o Dépor e apoialo na súa vertente emocional, deportiva e económica, xa que falar do club branquiazul -do que son donos milleiros de coruñeses e coruñesas- é facelo tamén dun motor de actividade do que se beneficia toda a cidade.

Se lle vai ben ao Dépor e ao deportivismo, vaille ben á Coruña. E a nosa obriga como Concello é coidar da cidade; por iso desde María Pita afrontamos unha obra histórica de rehabilitación das cubertas do estadio municipal, que suporá finalizar cunha eiva de longa traxectoria -e que namentres estamos a minorar cun contrato de mantemento que antes non existía- e asegurar unhas cubertas acordes aos tempos para moitos, moitos anos.

Nesa liña, consideramos tamén que a relación entre o Concello e o Real Club Deportivo tiña que dar un salto adiante. Por iso, tras varias conversas e buscando o beneficio común, asinamos ambas institucións unha addenda ao convenio do ano 2000 que, entre outras cousas, completa o Riazor do século XXI xa que o club se compromete a realizar -buscando unha unidade coas novas cubertas- as obras de mellora necesarias no interior e no exterior do estadio co fin de dotalo dunha nova imaxe e maior comodidade (e co tempo seguro que novas prestacións para a cidade, como pode ser a dun museo). Precisamente, este novo marco tamén intensificará a relación entre Concello e Deportivo en términos comunicativos e, o que é aínda máis importante, establece unha nova relación ao por primeira vez comprometerse o Club a colaborar co deporte base municipal e as súas escolas, e non só en fútbol.

Neste diálogo que mantivemos cos máximos responsables do Real Club Deportivo, desde o Concello tamén tivemos sempre claro que deberiamos ser flexibles á hora de buscar que o Dépor dea un salto de calidade. Trasladousenos a posibilidade dunha importante operación que aceleraría esas obras de mellora no interior e exterior do estadio; beneficiaría tamén á canteira do Dépor e ao seu equipo feminino e axudaría a novas aspiracións do primeiro equipo masculino na Liga. Esa operación requería que dende o Concello désemos a nosa autorización ao uso comunicativo dun nome comercial engadido ao de Riazor naquelas competicións oficiais nas que participe o Deportivo. Valorando os pros e as contras desa decisión, chegamos á conclusión de que o mellor para a nosa cidade era colaborar no salto de calidade que o Dépor estará en condicións de dar.

Todos e todas temos grandes esperanzas depositadas no Dépor 17/18 e máis alá. Concello e Club van da man como case nunca foron, como o proba a íntima vinculación entre equipo e cidade que se amosou na presentación da nova tempada, celebrada nun recinto municipal e ao pé da Torre de Hércules, emblema coruñés que viaxará por todo o Estado e chegará a todo o mundo nas propias camisetas. Esa implicación coa cidade tamén se verá no amigable que disputarán este sábado contra outro conxunto coruñés: o Silva, emblema actual da proxección do noso fútbol afeccionado. Insisto, se o Dépor crece todos e todas nos beneficiaremos. E milleiros de coruñesas e coruñeses volveremos sentir as maiores emocións nese histórico e marítimo lugar da Coruña, o Estadio Municipal de Riazor.

*Non podo citar o Vicente Calderón sen pedir unha vez máis -e coa esperanza recuperada polos últimos acontecementos- xustiza para Jimmy.

Procura de entradas do blog

Buscador avanzado

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña.
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?