Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Alcaldía

Uns orzamentos para medrar con vós

Aprobación definitiva dos orzamentos no Pleno

Aprobación definitiva dos orzamentos no Pleno

Nun momento de incerteza, sen orzamentos xerais do Estado no horizonte, e cunha Xunta que non está a tratar á Coruña do xeito que se merece, como primeira cidade de Galicia, o Pleno municipal aprobou este luns de forma definitiva os presupostos do Concello para este ano: os maiores da década, se exceptuamos os anos electorais, nos que foi tradición engordar as contas.

A boa nova é que os e as coruñesas temos 246,8 millóns de euros (un 3,1% máis que en 2017) que servirán para darlle un novo impulso a nosa cidade. Unha cantidade que non estará destinada a enriquecer a uns poucos, senón a favorecer a moitos e moitas. Unhas contas pensadas para a maioría social e non para as elites. Uns presupostos para todos os barrios, e non só para o centro.

A aprobación destes orzamentos demostra que o goberno local da Coruña chega a acordos con quen quere chegar a acordos: por iso incorporamos 1,3 millóns de euros da Deputación da Coruña, e por iso contamos cun proxecto de cidade sólido e viable --Coruña Próxima-- que recibiu unha inxección de 15 millóns de euros de fondos europeos. A Coruña merece este orzamento e, o que é máis importante, pode asumilo grazas a súa saneada situación xa que, en dous anos, reducimos a débeda viva por enriba do 25%, e nun 44,5% os préstamos. Este ano, o custo da débeda para o Concello, ou sexa, para todos e todas nós, volverá baixar, desta vez un 6,6%. Menos débeda equivale a menos custo de amortización, e isto significa o que significa: máis recursos para investir nas persoas. Máis recursos para investir no que hai que investir.

Este ano dedicaremos a maior parte dos nosos esforzos ao combate contra a desigualdade (45,6 M), á construción dun espazo público accesible e de calidade ao servizo das persoas (58,6 M), á mellora e ampliación da rede de equipamentos públicos (20,5 M), ao impulso das políticas de fomento do emprego e de promoción económica (9,2 M), ás políticas culturais e deportivas (39,3 M), á participación cidadá (1,9 M) e, por último, á mocidade, a ese 16% da nosa veciñanza, ao noso futuro, ao que dedicaremos unha especial atención.

Estas contas municipais serán esenciais para poder termos un ano cargado de proxectos relevantes, proxectos nos que levamos moito tempo traballando e que contribuirán a mellorar a vida das coruñesas e os coruñeses. Proxectos como a peonalización da Cidade Vella, que se acometerá no primeiro semestre dentro do plan municipal de dinamización do casco histórico da cidade, para acabar con esa anomalía que supoñen os vehículos que aínda circulan polas súas rúas e gañar vida para este enclave histórico. Ou como as Naves do Metrosidero, que comezarán a tomar forma coa renovación das antigas dependencias da Comandancia de Obras, e que darán paso a un novo equipamento público cidadán pensado para dar servizo a un colectivo específico, como é o da mocidade, nun espazo plural, diverso e inclusivo para a xuventude da Coruña, historicamente abandonada nos proxectos dos distintos gobernos e institucións, e que servirá tamén para dinamizar toda a contorna.

Este será tamén o ano no que o Dépor, equipo de Primeira e que ten que permanecer en Primeira, contará cun estadio á súa altura. Cun investimento histórico de 7 millóns de euros, renovaremos cubertas e gradas e melloraremos considerablemente unha infraestrutura que é un símbolo para esta cidade, garantindo a seguridade dos miles de veciños e veciñas que ao longo do ano animan ao noso equipo dende Riazor.

Será tamén o ano do carril-bici, que atravesará a nosa cidade, dende a Pasaxe ata a Mariña, dende a Universidade ata Os Mallos, do inicio das obras nos Mercados de Durmideiras, Santa Lucía, ou Monte Alto, de ducias de intervencións de humanización e mellora do espazo urbano, en todos os barrios, da mellora dos nosos parques e xardíns, da innovación, da atención ás persoas que menos teñen...

Esta aprobación non só é un feito, creo, feliz para a cidade. A min, como Alcalde e máximo responsable do goberno municipal, éncheme de ilusión e de responsabilidade, ilusión por ser a primeira vez na que poderemos ter un exercicio enteiro para executar estas contas, responsabilidade, por estar a altura da entidade dos programas e das intervencións proxectadas.

Procura de entradas do blog

Buscador avanzado

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña.
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?