Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xaneiro de 2014

Por que correr… un maratón

Francisco José Ruiz Molina é un coach e psicólogo apaixonado do atletismo, e en especial do maratón. A súa paixón por correr levouno a escribir este relato, que reflicte cómo enfoca o cambio nos demais, para superar as dificultades e retos que se propoñen. Xa que tal e como cita no seu libro: mellorar é posible.

Aínda hoxe día sigo preguntándome moitas mañás cando me levanto canso, coas pernas algo doloridas, con todo un día por diante cheo de tarefas e responsabilidades, que fago calzándome unhas zapatillas para saír a correr, máxime cando na rúa apenas estamos a 2º C de temperatura.

A pregunta rapidamente adquire unha resposta existencial: se non corro non son persoa. Si, sei que pode parecer moi esaxerada esta afirmación, sei que a moitos de vostedes pareceralles unha soberana estupidez, e mesmo para outros se achegaría a unha postura nada corda nin intelixente, pero precisamente para min, como para outros moitos/as “tolos e tolas”, correr é unha opción de vida sen a que valla a redundancia, xa non saberiamos vivir.

É tremendamente complicado formularme unha vida sen correr, eu diría que é imposible a estas alturas. É tan grande o enganche que produce no meu benestar persoal e emocional, que aínda levando só 2 anos inmerso neste marabilloso mundo, é unha tolemia que recomendo encarecidamente como terapia para moitos/as dos que agora estades a ler estas humildes palabras.

Non é a miña intención convencer a ninguén de que ten que correr, de que día a día ten que someter o seu corpo a un esforzo, a un sufrimento. Non é a miña intención animar a todo o mundo a que fagan deste deporte un estilo de vida. Non pretendo tan sequera dar esa imaxe de min mesmo, porque non é certa, na miña vida, no meu día a día, hai outras moitas cousas importantes que ocupan o meu tempo, por exemplo a miña familia. Pero si é certo que correr é unha opción máis, unha opción saudable, unha opción barata, unha opción cómoda, unha opción que che permite a ti mesmo ser o xestor dos teus horarios, unha opción que te fai máis libre, máis disciplinado, máis constante, máis forte, máis saudable, máis sociable, máis áxil, máis…

A miña motivación para correr englóbao todo, refírese a todas esas mellorías que o meu corpo experimentou nestes dous anos de vida como corredor. Cada un dentro desta experiencia márcase os seus propios retos, e aí si que inflúen factores máis propios da túa personalidade, das túas carencias emocionais ou físicas por mellorar ou cubrir, da túa dispoñibilidade e manexo do tempo diario, do apoio que teñas de quen te rodea e vive no día a día a túa paixón por este deporte.

Só espero que este modesto escrito tamén reporte en quen o lea algo que o/a motive, xa non a correr, pero si a ser mellor persoa, a coidarse e a aprender a coidar os demais, a ser máis decidido nos seus obxectivos de vida, a vivir con ilusións renovadas cada un dos días que lle restan, a entender que a vida só nos deixa o presente, ese día, e que ese pode ser e será seguro o mellor día que nos resta por vivir, a valorar que hai que estar en forma, atento, en alerta, para contemplar as oportunidades que aparecerán ao noso arredor e saber atrapalas, porque sempre… sempre, hai un último tren ao que poder subirse.

E eu pregúntome, ti por que corres?... e vou aínda máis lonxe no meu cuestionamiento, que te move a querer correr un maratón?

Con só nomear a palabra sentimos un gran respecto polo enorme esforzo e sacrificio que supón. Imaxino que o facemos porque está aí, porque existe e está rodeado dunha aura de épica e lenda sen igual.

O primeiro maratón tivo lugar nas Olimpíadas do ano 1896 na mítica cidade de Atenas. Realizouse en memoria de Filípides. Ese primeiro maratón tivo unha distancia de 40 quilómetros e nel chegou en primeira posición un pastor grego de nome Spiridio Louis, quen investiu un tempo final de 2:58:50. A partir de aquí, o maratón converteuse na proba que clausuraba calquera competición de atletismo, (como regra xeral), incluídos os Xogos Olímpicos.

Agora ben, a distancia definitiva (a de hoxe en día) estableceuse no ano 1908 nos Xogos Olímpicos de Londres. Esta distancia son 42.195 metros.

O maratón ten unha maxia especial, faite doutra pasta. Probablemente non sexa a proba máis dura de correr do mundo, que de feito non o é, pero si das máis esixentes. Probablemente non sexa o reto deportivo máis difícil de afrontar, pero é todo un reto de gran magnitude. O maratón é simple e sinxelamente iso, o MARATÓN.

Hai moitos e grandísimos corredores que fartos de subir ao podium en multitude de carreiras, non os verás nunca correndo un maratón. É máis, cando lles expós a idea, case saen fuxindo do teu lado, como se non quixesen ter que escusarse en demasía ante a súa negativa a correr esta proba.

E digo eu, algo terá o maratón que o fai tan bonito pero á vez tan respectado entre todos aqueles e aquelas que corremos.

Dende que practico atletismo, só 2 anos, dende que adestro por e para correr maratóns, eu son diferente, pero obxectivamente creo que son mellor persoa en todos os ámbitos e sentidos, aínda que iso, presunción á parte, deberían dicilo os demais e non eu.

Os adestramentos preparatorios para un maratón no meu caso son moi esixentes e abarcan un total de 16 semanas. En realidade con 11-12 semanas podes ir máis que preparado para afrontar esta proba, pero polo menos eu, e seguindo as pautas do meu adestrador, considero que 16 semanas é un tempo que me vén mellor para ir máis progresivo e sobre todo para adestrar máis concienzudamente o aspecto mental e disciplinario. Pódovos asegurar que en 16 semanas con 5 adestramentos por semana, hai moitas dificultades que sortear, moitos malos días nos que saír a adestrar, moitas inclemencias climatolóxicas que sufrir, moitos problemas persoais e familiares que afrontar, moitas pequenas-grandes lesións coas que contar, moitas masaxes de descarga coas que padecer.

É difícil de explicar, pero dende o primeiro deses 112 días eu xa son outra persoa. A miña cabeza céntrase e ilusiónase con este reto e todo o demais cobra unha importancia secundaria. Así é o maratón, e así te engancha. Por iso digo sen ningunha vergoña que me ten namorado e que o necesito, necesito do maratón para vivir, para ser máis forte, para ser máis disciplinado, para ser mellor persoa, para crer máis nas miñas posibilidades, para verme máis atractivo e sentirme tamén con máis atractivo para os demais, para confiar nas miñas decisións, para ser máis valente e decidido, para sentirme libre, para sentirme importante, para sentir a súa maxia, para sufrir e tamén castigarme cando o merezo, para recompensarme cando tamén mo gañei, para en definitiva ser máis pleno e feliz.

O maratón nunca deixará de ser unha carreira para divertirse e impresionarse, para emocionarse, para gozar ao máximo. Aínda que ocorra o peor, aínda que non che saia a carreira que tiñas programada e soñada, aínda que o mal tempo poida coas túas ilusións, aínda que chegues arrastrándote á meta, aínda que os nervios, a ansiedade e os teus medos sexan un obstáculo para correr ao máximo e dar todo o que levas dentro, aínda que vexas como o resto de atletas pásanche un tras outro e non podes collelos, aínda que ás veces penses que perdiches 112 días da túa vida para nada, sempre, sempre e repito de novo, sempre, haberá algún bo recordo, algunha experiencia inesquecible de cada maratón que corres, e eu quero seguir vivindo e lembrando moitas boas experiencias na miña vida.

Quizais en todo o exposto neste artigo, puideses atopar algún dos motivos que te levan a querer correr un maratón.

Francisco José Ruiz Molina (1975, Granada) é un coach e psicólogo apaixonado do atletismo, e en especial do maratón. A súa carreira profesional estivo enfocada sempre cara a colectivos sociais (xuventude, infractores, poboación maior), ocupando sempre postos de responsabilidade e dirección. A súa paixón por correr e a súa inquietude por vivir ao máximo e intentar cumprir todos os soños ao seu alcance, levárono a sacar todo o positivismo que irradia como persoa, para, aproveitando unha situación que considerada pola maioría como negativa, quedar en desemprego, transformala en toda unha oportunidade para el, creando así a súa propia firma FJRM COACH, e entre outras cousas decidirse a escribir un libro de superación persoal e motivación enfocado na mítica proba dos 42,195 quilómetros: “Mejorar es posible. La motivación durante un maratón: 12 claves para superar los obstáculos de la carrera”, que reflicte á perfección quen é o autor e como enfoca ao cambio nos demais para superar as dificultades e retos que se propoñen na súa vida. Xa que tal e como cita no título do seu libro e no eslogan da súa marca: mellorar é posible.

Podes contactar co autor ou saber máis cousas del a través dos seguintes formatos:

 

Web: www.mejoraresposible.com

Mail: fjrm@mejoraresposible.com

Facebook: www.facebook.com/fjrmcoach

Twitter: @PacoRuizMolina

Twitter oficial do libro: @fjrmcoach

Mail oficial do libro: fjrm@mejoraresposible.com

 

Podes baixar o documento no seguinte enlace:

Documentos:

Por que correr... un maratón (298 KB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión