Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Carreiras Populares

Carreira Popular Torre de Hércules

Comunicado

Inscrición para as/o menores na Camiñada Solidaria

Dada a demanda de nais, pais, titoras e titores para inscribir na Marcha Solidaria as nenas e os nenos menores de 11 anos, e tendo en conta que non se trata dunha proba deportiva competitiva, o Servizo de Deportes vai quitar a limitación da idade nas inscricións para que poidan participar todas e todos os que así o desexen.

A pesar disto, pedimos responsabilidade na participación na proba e que non se inscriba a nenas e nenos que non sexan capaces de camiñar os 4 quilómetros que están previstos.

Como establece o regulamento da proba no seu artigo 9, a participación no evento está baixo a responsabilidade e risco de cada unha das persoas participantes.

A organización non se fai responsable dos danos materiais ou morais que se lle poidan ocasionar ás persoas participantes da proba, nin tampouco dos posibles descoidos ou imprudencias que poidan cometer as devanditas persoas participantes.

Carreira Popular Torre de Hércules

Cartel oficial da carreira

Clasificación

Presentación

O Concello da Coruña e a Fundación EMALCSA colaboran na organización da IX Carreira Popular Torre de Hércules "Trofeo José Antonio Varela Calviño", dentro do circuíto Carreiras Populares Coruña Corre 2018/2019 e onde se integra a I Carreira Solidaria #QUERÉMONOSVIVAS e Marcha Solidaria, coa finalidade común de:

  • Promover a participación da cidadanía nas carreiras pedestres.
  • Pór en práctica a través desta carreira as políticas públicas de respecto pola igualdade de xénero en todos os ámbitos e, neste caso concreto, no ámbito deportivo.
  • Manifestar que a igualdade e a loita contra a violencia de xénero é algo de todas e todos, facendo unha carreira onde poidan participar mulleres, homes, nenas e nenos.
  • Contribuír á loita contra o cancer a través de doazóns voluntarias que se destinarán á investigación contra esta enfermidade. Toda a información relativa á causa solidaria, publicarase en www.coruna.gal/carreiraspopulares.

Ao mesmo tempo, as persoas participantes que non desexen competir poderán facer unha marcha saíndo no último caixón da carreira e por un percorrido mais curto. Estas persoas levarán un dorsal solidario nunha cor distinta.

O regulamento específico completo relativo á carreira e á marcha poderao atopar no documento adxunto ao pé de páxina.

Data da carreira

Sábado 23 de marzo de 2019

Inscricións da IX Carreira Popular Torre de Hércules - I Carreira Solidaria #QUERÉMONOSVIVAS e Marcha Solidaria

Data límite de inscrición para a carreira: ata as 23:59 horas do luns 18 de marzo de 2019

Data límite de inscrición para o circuíto: o prazo para facer inscrición individual, equipos e familia, finalizará ás 23:59 horas do luns 18 de marzo de 2019

Data límite de inscrición para a marcha: ata as 23:59 horas do luns 18 de marzo de 2019

Todas as persoas (incluídas as participantes menores) que fagan unha doazón das cantidades establecidas na plataforma: 3 €, 5 € ou doazón de libre vontade (superior a 5 €), teñen ademais o dereito a recibiren unha camiseta xunto co dorsal.

Todas as doazóns irán parar directamente á Fundación Emalcsa e estarán destinadas á investigación contra o cancro. A Fundación será a responsable de emitir un certificado nominal da doazón realizada para os efectos fiscais. É imprescindible que as persoas participantes autoricen para a cesión de datos a Fundación Emalcsa na plataforma web de inscrición no mesmo momento de realizar o donativo, e que respondan a consulta de autorización que figurará no formulario de inscrición.

Horarios de saídas e distancias

CATEGORÍA ANO DE NACEMENTO HORA DISTANCIA
PREBENXAMÍN* Nadas/os no ano 2012, 2013 e 2014 17.15 150 m aprox.
SUB 10 FEMININO* Nadas/os no ano 2010 e 2011 17.30 800 m aprox.
SUB 10 MASCULINO* 17.40 800 m aprox.
SUB 12 FEMININO* Nadas/os no ano 2008 e 2009 17.55 800 m aprox.
SUB 12 MASCULINO* 18.10 800 m aprox.
SUB 14 FEMININO Nadas/os no ano 2006 e 2007 18.25 1.600 m aprox.
SUB 14 MASCULINO 18.40 1.600 m aprox.
SUB 16 Nadas/os no ano 2004 e 2005 19.00 2.300 m aprox.
SUB 18 Nadas/os no ano 2002 e 2003 19.20 2.300 m aprox.
ABSOLUTA 21.15 6.625 m aprox.

Lugar e recollida de dorsais

  • Cidade Deportiva da Torre
  • Venres 22 de marzo de 17.00 a 21.30 h
  • Sabado 23 de marzo desde as 10.00 h ata 1 hora antes do comezo de cada unha das carreiras
  • Todas/os as/os atletas deberán inscribirse nesta carreira, independentemente de que figuren como participantes no circuíto, e recoller un novo dorsal e chip; exceptúanse as persoas propietarias, a quen soamente se lles entregará un novo dorsal para esta carreira e a categoría prebenxamín, que non utiliza chip.

Lugar de saída e meta

Paseo dos Menhires (zona da estatua de Breogán)

Peche de control da proba absoluta

Ás 22.15 horas

Servizo de duchas

Cidade Deportiva da Torre. O servizo de duchas será só para as persoas participantes na categoría absoluta, a partir das 21.30 h.

Servizo de gardarroupa

No frontón da Cidade Deportiva da Torre, en horario de 19.30 a 22.30 horas

Uso e devolución do chip

  • O chip ten que ir correctamente atado nos cordóns dos tenis ou cunha nocelleira á altura do nocello, ou pegado ao dorsal segundo o tipo de chip que utilice a persoa corredora. Chip amarelo das/os propietarias/os (non se devolve).

  • Chip para todo o circuíto (non se devolve ata a finalización deste).

  • Chip desbotable pegado ao dorsal, de uso exclusivo para cada unha das carreiras (non se devolve).

Avituallamento de meta

Proporcionaráselles auga e avituallamento sólido a todas as persoas participantes en cada unha das categorías no punto de avituallamento que estará situado nun lugar visible despois da meta.

Colocación pública das clasificacións

Anunciaranse por megafonía a localización e o momento no que as clasificacións de cada carreira estean colocadas ao público.

As clasificacións do circuíto e os seus premios serán para aquelas persoas que se anotaron no circuíto ata a realización da IX Carreira Popular Torre de Hércules. Quen participe en todas as carreiras, pero que se inscribise individualmente en cada unha delas, non formará parte da clasificación do circuíto.

Entrega de premios

  • Categorías inferiores: 19.40 horas. Categorías Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16 e Sub-18
  • Carreira absoluta: 22.30 horas
  • Lugar: Cidade Deportiva da Torre. Entregaráselles o Trofeo Varela Calviño ás persoas vencedoras absolutas, ao primeiro home e á primeira muller da carreira absoluta.

Trofeo especial I Carreira Solidaria #QUERÉMONOSVIVAS

  • Entregaráselles no mesmo día un trofeo especial ás mulleres que participen na carreira. O premio será para a primeira, segunda e terceira clasificada de cada unha das categorías, excepto da categoría prebenxamín. Non se inclúe neste caso a participación na marcha.

  • Os e as atletas premiadas deberán situarse na zona próxima á entrega de premios no momento en que por megafonía se anuncie o inicio desta, así como estar pendentes do momento en que se chame a cada unha das categorías.

  • Con carácter xeral, as e os atletas que non se presenten á recollida do seu premio no momento da entrega perderán o dereito a recollelo.

  • Exclusivamente poderán subir ao podio os e as atletas premiadas.

  • Quen poida alegar unha causa xustificada pola súa ausencia no momento da entrega, deberá poñerse en contacto co Servizo Municipal de Deportes durante un prazo máximo de 15 días, onde se custodiarán os trofeos non recollidos.

Medios de contacto:

  • Servizo Municipal de Deportes (Pazo dos Deportes de Riazor, 1.ª planta), de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas

  • Por correo electrónico no enderezo carreraspopulares@coruna.es

  • Teléfonos de información: 981 189 800 (Ext. 25025 - 25038)

      • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
      • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
      • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
    Tes un navegador demasiado antigo!

    Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

    ?