Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de setembro de 2016

José Manuel Sande salienta o "carácter integrador" da décima edición da Coruña10, na que destaca o aumento da participación de mulleres en todas as categorías

O concelleiro de Deportes lembra que “o deporte de base e feminino é unha prioridade” para o Goberno local na presentación da decana das probas populares, cuxo prazo de inscrición remata o domingo 2

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou na mañá desde xoves no Pazo de María Pita a décima edición da carreira popular Coruña10. A proba, que se disputará o próximo domingo 9 de outubro, contará por primeira vez con atletas en cadeira de rodas. "É unha aposta ambiciosa e necesaria", sinalou Sande, quen destacou que o executivo local "dá continuidade" así a liña de traballo "de promover o deporte adaptado e dotar dun carácter integrador á actividade deportiva", posta en marcha pola súa área nas últimas edicións do medio maratón C21 e o Maratón Coruña42. "Para este Goberno é fundamental visualizar a compatibilidade das dimensións saudable e lúdica do deporte coa competitiva, como vén facendo ao longo de todo o ano no Circuíto Coruña Corre, así como fomentar a integración das múltiples diversidades a través da súa práctica", dixo.

Neste sentido, o edil fixo especial fincapé tamén no aumento da participación feminina na proba, que nesta edición, na categoría absoluta, supón o 25% das inscricións, fronte ao 20% do ano pasado ou 18% do ano 2014. "O deporte feminino, así como o de base, é unha aposta fundamental deste executivo", sinalou o responsable municipal, quen saudou o fito que, no décimo aniversario de Coruña10, o número de mulleres inscritas nas categorías inferiores supere ao de homes. "Obsérvase unha clara tendencia positiva nos últimos tempos, o número de participantes femininas vai in crescendo", afirmou Sande, quen avanzou que o traballo da área de Deportes en canto ao fomento do deporte feminino desde idades tempranas continuará nesta liña.
 

A proba absoluta, organizada coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e os clubs da cidade, aos que o edil agradeceu "o seu traballo de fondo para acadar que o atletismo sexa un deporte arraigado na Coruña", comezará ás 10.30 horas e percorrerá a enseada do Orzán. "Será un circuito rápido, que permitirá ás e aos atletas facer marca", sinalou a Directora Técnica da Federación, Madó Gonzalez, quen acompañou ao concelleiro na presentación, e avanzou que haberá seis caixóns de saída, en función dos tempos das e dos deportistas.

A partir das 12.00 horas da mañá, unha vez finalice a carreira popular absoluta, comezarán as categorías inferiores, desde a categoría xuvenil ata a prebenxamín (nados en 2009, 2010 e 2011), que percorrerán aproximadamente 150 metros. As primeiras persoas clasificadas de cada categoría, así como as e os primeiros atletas locais e de Galicia, obterán un recoñecemento en metálico. A organización, ademais, premiará a todas aquelas que superen o récord da proba, sendo este de 28:09 na categoría absoluta masculina, e 31:40 na feminina.

A inscrición para participar na Coruña10 finalizará este domingo ás 23.59 horas a través da web www.coruna.gal/carreiraspopulares, e a presencial poderá realizarse ata o sábado, 1 de outubro, no departamento de deportes de El Corte Inglés de A Coruña, Compostela e Vigo. A cota de inscrición é de 5 euros, agás para as persoas menores de idade, que é gratuita. Nesta ocasión, como vén sendo habitual na tríade de carreiras populares C10, C21 e C42, non será necesario alugar chip para a cronometraxe, xa que o dispositivo estará integrado no dorsal.

Os dorsais e a camiseta conmemorativa poderán recollerse o próximo xoves, 6 de outubro, de 17.00 a 21.30 horas e o sábado 8, de 10.00 a 21.30 horas, na segunda planta de El Corte Inglés do C. C. Marineda City. De forma extraordinaria, para todas e todos aqueles atletas que viaxen o día da carreira ou residan en localidades afastadas, tamén se establecerá unha zona de recollida de dorsais o mesmo domingo día 9, que estará situada nas inmediacións de saída, no Palacio dos Deportes de Riazor. O horario de recollida será de 08.30 a 09.30 horas, e non se entregará ningún dorsal fose destes prazos. No caso das categorías de menores, a entrega realizarase tamén o domingo día 9, ata unha hora antes de cada saída.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión