Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Carreiras Populares

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

27 de febreiro de 2019

A concelleira Rocío Fraga e o edil José Manuel Sande presentaron a iniciativa, que se celebrará o sábado 23 de marzo, e que se inclúe na programación municipal do 8M como reivindicación “do dereito a poder saír a camiñar ou a correr soas e libres”

O Concello abre a inscrición para participar na carreira popular nocturna Torre de Hércules #QuerémonosVivas, que incorpora o carácter solidario e cuxas doazóns se destinarán á investigación para a mellora da calidade de vida das mulleres con cancro de mama

A proba, que forma parte do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre, contará cunha andaina solidaria non competitiva, na que as e os participantes portarán o dorsal 261, o mesmo que Kathrine Switzer levou no Maratón de Boston en 1967

A serie de carreiras do VI Circuíto Municipal Coruña Corre regresará o vindeiro 23 de marzo coa celebración da IX Carreira Popular Torre de Hércules, que abre hoxe o seu prazo de inscrición. Tal e como avanzou o goberno local o pasado 15 de febreiro, o Concello dotará á proba dun carácter reivindicativo, incorporando a iniciativa á programación municipal do Día Internacional das Mulleres, á vez que solidario, ao facilitar a posibilidade de contar cunha recadación que se destine, integramente, á investigación  para a mellora da calidade de vida das mulleres afectadas polo cancro de mama.

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron esta mañá a proba, que incorpora ao seu nome Carreira Solidaria #QuerémonosVivas, e que se celebrará o sábado 23 de marzo ao pé do monumento, barrio de Durmideiras e Paseo Marítimo. "Desde hai anos existe na cidade demanda de contar cunha carreira autenticamente feminista e inclusiva, aberta á participación de todas e todos, pero na que as mulleres e as súas demandas históricas teñan un especial peso simbólico. Por iso este ano, no contexto da programación municipal do 8M, e tendo presente o marco da nova convocatoria de folga internacional feminista, incorporamos esta proba como a I Carreira Solidaria #QuerémonosVivas", explicou Rocío Fraga, quen lembrou que, tras a resposta popular ante o asasinato machista de Laura Luelmo en decembro de 2018, "moitos colectivos de mulleres deportistas reivindicaron o dereito a poder saír a camiñar e correr soas e libres, no lugar e no espazo que elas queiran".  

Como é habitual, a Carreira Popular Torre de Hércules - Trofeo José Varela Calviño terá lugar en horario vespertino nas categorías inferiores --a partir das 17.15 horas-- e nocturno na proba absoluta, comezando esta última ás 21.00 horas desde o Paseo dos Menhires. Ademais, durante toda a tarde, na contorna da Torre, o Concello instalará o denominado Garabato de Xogos, un espazo con máis de 30 xogos construídos con material de refugallo, dirixido a familias con nenas e nenos maiores de 3 anos.

Marcha solidaria

Por vez primeira nesta proba, e co fin de favorecer a participación cidadá na iniciativa, o goberno local creará unha andaina solidaria non competitiva. As e os participantes partirán do último caixón de saída da carreira, facendo un percorrido de catro quilómetros, e levarán o dorsal 261. Tal e como explicou José Manuel Sande, este número é o que portaba Kathrine Switzer, a imaxe desta carreira municipal, no Maratón de Boston de 1967, "cando se inscribiu coas súas iniciais para poder participar nunha competición que excluía as mulleres". "A pesar dos intentos dalgúns dos organizadores por sacala da competición, conseguiu chegar á liña de meta en 4 horas e 20 minutos, abrindo o camiño para a participación das mulleres neste tipo de competicións deportivas. E demostrouno: sete anos despois, en 1974, participou e gañou o maratón de New York cun tempo de 3:07:29", apuntou o concelleiro de Deporte.

Inscricións

As inscricións para a cuarta carreira do Circuíto Coruña Corre desta tempada están abertas desde esta xornada a través de www.coruna.gal/carreiraspopulares, até as 23.59 horas do luns 18 de marzo. Como é habitual nesta serie de probas, para participar será necesario realizar a inscrición previa, incluso para quen forme parte do circuíto. Todas aquelas persoas que non estean inscritas na serie pero desexen correr, deberán aboar 2 euros, agás as persoas desempregadas, maiores de 65 anos e beneficiarias do Carné Xove, cuxa cota será 1 euro.

No caso daquelas interesadas en colaborar co fin solidario da carreira, poderán facer achegas de 3, 5 euros ou outras cantidades superiores aos cinco euros no momento de formalizar a súa inscrición. Esta doazón, destinada integramente á investigación contra o cancro, tamén virá acompañada da posibilidade de recibir unha camiseta conmemorativa da proba. Por outra banda, aquelas persoas que queiran participar na andaina non competitiva e obter o seu dorsal solidario co número 261, deberanse inscribir tamén a través do web municipal de Carreira Populares. A cota mínima, tamén solidaria, será de 3 euros.

"As doazóns dirixiranse directamente á Fundación Emalcsa que, a través dunha colaboración coa Unidade de Mama do CHUAC e da Fundación Profesor Novoa Santos, as destinará integramente á investigación contra o cancro e as consecuencias desta doenza na vida das mulleres", expuxo Rocío Fraga. "A vida non é so sobrevivir a un cancro de mama, senón recuperar unha vida que mereza a pena ser vivida. Ese é o obxectivo deste proxecto #QuerémonosVivas", apuntou a edil.

Por outra banda, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que tamén o luns 18 de marzo, ás 23.59 horas, rematará o prazo de inscrición no conxunto do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre --que conta co patrocinio de Sanbrandán, Desarrolla, Coca-Cola, GADISA, DXT e a colaboración do Club Atletismo Coruña Comarca e Más Moto--, o que dá acceso á formar parte, por exemplo, na clasificación xeral do mesmo. Para máis información sobre este programa e o seu regulamento, pódese consultar o web www.coruna.gal/carreiraspopulares.

Documentos:

Cartel Carreira Popular Torre de Hércules #QuerémonosVivas (231 KB)

Dossier Carreira solidaria #QuerémonosVivas (1021 KB)

Botóns sociais

      • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
      • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
      • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
    Tes un navegador demasiado antigo!

    Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

    ?