Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de xaneiro de 2018

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que continúa aberto o prazo para formalizar a participación na Carreira Popular de Matogrande e para o Medio Maratón Coruña21

O Concello abre o prazo de inscrición da VII edición do maratón Coruña42, que se celebrará o 15 de abril

A proba coincidirá co Campionato de Galicia Absoluto e de Veteranos, incluído no calendario da RFEA. Paralelamente, terá lugar unha carreira de 10 quilómetros

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de abrir o prazo de inscrición para participar no VII Maratón Coruña42, proba na que as e os atletas percorrerán, o vindeiro 15 de abril, un circuíto de 42.195 metros que transcorre polo centro urbano da cidade e que está homologado pola Real Federación Española de Atletismo, a RFEA. A carreira coincidirá, un ano máis, coa celebración do Campionato de Galicia Absoluto e de Veteranos Individual e de Clubs, polo que estará controlada polo Comité de Xuíces da Real Federación Española de Atletismo así como polo Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, entidade colaboradora na organización do maratón.

A proba, coñecida como Maratón Atlántica, terá a súa saída ás 08.30 horas, e o peche producirase ás 14.00 horas. Así, as e os atletas terán un máximo de cinco horas e medias para realizar un percorrido no que, un ano máis, poderán participar todas aquelas persoas que dispoñan dunha cadeira de rodas homologada para a realización deste tipo de eventos deportivos e que cumpran as normas do IPC Athletics. Ademais, por segundo ano, establecerase un tempo de 2 horas e 45 minutos para o paso polo medio maratón. A medida supón que, unha vez pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, así como á distancia total, as persoas participantes que sigan na carreira deberanse retirar do circuíto oficial de competición.

Na Coruña42 poderán participar todas aquelas persoas maiores de 20 anos, e estableceranse as seguintes categorías: Sub 23 (nadas en 1996, 1997 e 1998), Sénior (desde 1995) e até sete modalidades de veteranos, coñecidas como Máster, segundo o ano de nacemento --desde 35 até 65 anos cumpridos no día da proba en diante--, ademais da categoría de atletas en cadeira de rodas, na que poderán participar persoas nacidas no ano 1998 e anteriores. Haberá recoñecementos en metálico --non acumulables-- para as primeiras clasificadas, así como para os primeiros atletas galegos e coruñeses, e trofeos para quen se sitúe no podio de cada categoría. A organización, ademais, outorgará un premio especial de 1.000 euros --que si é acumulable-- a aquelas persoas que superen o récord da proba, sendo este de 2:12:21 no caso da categoría absoluta masculina, e 2:40:23 na feminina. A cerimonia de entrega de premios realizarase ao peche da carreira, contra ás 14.00 horas, na zona da meta.

A inscrición para participar no Maratón Atlántica pode realizarse, a través da web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com até as 23.59 horas do 8 de abril. De xeito presencial, poderá formalizarse en vindeiras datas nos departamentos de Deportes dos distintos centros de El Corte Inglés. No caso da inscrición para o Campionato de Galicia Absoluto, que será gratuíta para as e os atletas con licenza da FGA, deberá realizarse exclusivamente a través do sistema en liña da RFEA, na dirección web https://isis.rfea.es/sirfea2, tamén até as 23.59 horas do día 1 de abril.

Estableceranse dous prazos de inscrición para as e os atletas populares. Até o 1 de abril, ou ata acadar as 1.500 persoas inscritas, o prezo será de 25 euros. A continuación abrirase un prazo, extraordinario, do 2 ao 8 de abril, no que as persoas que se inscriban deberán abonar de 40 euros. Nesta ocasión, e dando continudade a liña de favorecer o acceso á participación, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento impulsará bonificacións do 50% na cota de inscrición para persoas desempregadas, posuidoras do Carné Xove ou maiores de 65 anos, unha axuda que se deberá solicitar, mediante declaración responsable, no momento de formalizar a inscrición. O prazo para enviar a documentación acreditativa rematará á vez que o prazo ordinario de inscrición, ás 23.59 horas do 1 de abril.

A entrega de dorsais, persoais e intransferibles, e que se deberán colocar na parte dianteira da camiseta de forma totalmente visible, terá lugar os días 13 e 14 de abril. Cada un deles terá asignado o seu caixón de saída, dos que se establecerán, como mínimo, cinco para o día da proba. Tamén será obrigatorio para as e os atletas o uso de chips para a realización da cronometraxe. Ao longo do percorrido estableceranse distintos puntos de control, que indicarán, entre outras cuestións, a marca oficial no paso do Medio Maratón, sempre e cando a persoa remate a proba.

Durante o circuíto, e seguindo as normas da International Association of Athletics Federations (IAAF), instalaranse postos de auga a partir do quilómetro 5 e, aproximadamente, situaranse cada 5.000 metros. Os postos de avituallamento sólido situaranse a partires do quilómetro 10. O Concello porá a disposición das persoas participantes, ademais, avituallamento de meta, gardarroupas e duchas, entre outros servizos, que inclúen o vídeo de chegada á meta, un diploma e a medalla de finisher.

Carreira de 10 quilómetros

De xeito paralelo á celebración do Maratón Coruña42, terá lugar, un ano máis, unha proba de 10.000 metros. Nesta carreira, que efectuará a súa saída ás 08.45 horas, poderán participar persoas maiores de 18 anos, e estableceranse as seguintes categorías: Sub 20 (1999-2000), Sub 23 (1996, 1997 e 1998), Sénior (desde 1995) e até catro modalidades de veteranos, nomedas Máster, segundo o ano de nacemento --desde 35 anos cumpridos no día da proba en diante--, ademais da categoría de atletas en cadeira de rodas, na que poderán participar persoas nacidas no ano 2000 e anos anteriores.

Os prazos de inscrición na proba, de carácter popular, serán os mesmos que na Coruña42. No primeiro tramo, até as 23.59 horas do 1 de abril de 2018, a cota será 5 euros; no segundo e extraordinario, do 2 ao 8 de abril, a contía será 15 euros. Ao igual que na Coruña42, establacerase un posto de avituallamento entre o quilómetro 6 e 7, así como na liña de meta. A entrega de premios desta proba realizarase ás 11.30 horas, no peche da mesma. Para máis información sobre estas dúas probas, pódese visitar o web www.coruna.gal/carreiraspopulares.

Inscricións en Coruña Corre

O ano deportivo de carreiras comezará o vindeiro 14 de xaneiro, coa celebración da III Carreira Popular de Matogrande. A proba, incluída no VI Circuíto Coruña Corre, conta cun trazado de 6.625 metros que percorre tanto o barrio como a rede viaria do Campus de Elviña. A competición da categoría absoluta comezará ás 10.30 horas e, ao peche desta, iniciaranse as das modalidades de menores de idade. Todas as persoas que desexen participar --tanto as que xa estean apuntadas no Circuíto como as que non-- poderán formalizar a súa inscrición até as 23.59 horas do mércores 10 de xaneiro a través da web www.coruna.gal/carreiraspopulares, ou de forma presencial na oficina de Viaxes El Corte Inglés da avenida de Rubine. Para as persoas que non formen parte de Coruña Corre, a súa cota de inscrición será de 2 euros --agás para as e os menores de idade, que é gratuíta-- mentres que, para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove, será de 1euros.

O peche de inscrición na carreira de Matogrande coincidirá coa do Circuíto. Todas aquelas persoas interesadas en puntuar no mesmo, deberán participar, como mínimo, en 5 das 7 probas da serie. Asi, despois das probas dos Rosales e Mesoiro, a do día 14 será derradeira oportunidade para formalizar a participación no programa deportivo, que se pode facer tamén a través do web municipal. Os prezos deste ano son os mesmos respecto as últimas dúas tempadas. Así, a cota será de 10 euros para o público xeral de máis de 18 anos, 7 euros para o colectivo con bonificación --persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove--, e gratuíto para as e os menores de idade.

Medio Maratón Coruña21

A seguinte cita das carreiras impulsadas pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento terá lugar o 18 de febreiro, coa celebración da décima edición do Medio Maratón Coruña21. A carreira comezará ás 10.00 horas, nun circuíto de dúas voltas no que as e os atletas sairán do Cantón Grande cara a Linares Rivas, e pasarán pola praza da Palloza, avenida do Exército, estrada do Porto e a rotonda de Oza, onde darán a volta até a rotonda das Ánimas. Unha vez alí, volverán até o Obelisco para iniciar a segunda volta, na que farán o mesmo percorrido ata chegar á rotonda das Ánimas, onde continuarán até o Paseo Marítimo-Pelamios e, desde alí, encararán os últimos tres quilómetros do percorrido até chegar á meta, que estará situada no Cantón Grande.

A inscrición de Coruña21 pódese realizar a través da web da Federación Galega de Atletismo, www.carreirasgalegas.com até as 00.00 horas día 10 de febreiro, así como de forma presencial, no Departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal e no Marineda City, ademais dos centros da entidade en Santiago de Compostela e Vigo. A cota de inscrición, até o día 10 de febreiro, será de 15 euros e, a continuación, abrirase un segundo prazo extraordinario do 11 ao 13 de febreiro, no que o prezo será de 25 euros. Ao igual que no caso do Maratón Atlántica, as persoas que acrediten estar desempregadas, ser posuidoras do Carné Xove ou ter máis de 65 anos poderanse acoller á bonificación do 50% no momento de formalizar a inscrición e, a continuación, achegar os documentos correspondentes antes das 00.00 horas do 10 de febreiro.  

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión