Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de xaneiro de 2017

O Concello abre o prazo de inscrición para o Medio Maratón Coruña21, que se celebrará o próximo 26 de febreiro

As persoas maiores de 65 anos, desempregadas ou posuidoras do Carné Xove terán, por segundo ano consecutivo, unha bonificación do 50% ao formalizar a súa participación

O Goberno local vén de abrir o prazo de inscrición para participar na novena edición de Coruña21, a proba do medio maratón promovida pola Concellería de Deporte que este ano se celebrará o domingo 26 de febreiro. En total, as e os participantes percorrerán 21.097,50 metros nun trazado homologado pola Real Federación Española de Atletismo que se desenvolverá polo centro da cidade, e cuxa meta e saída estará situada no Obelisco. Nesta edición, ao igual que na celebrada no 2016, a proba manterá o seu carácter accesible, tanto ao permitir a participación de deportistas en cadeira de rodas que cumpran as normas do IPC Athletics como polas bonificacións do 50% á hora de formalizar a solicitude de participación para o colectivo de personas desempregadas, posuidoras de Carné Xove ou maiores de 65 anos.

A carreira comezará ás 10.00 horas da mañá, nun circuíto de dúas voltas --a primeira de 9.340 metros e a segunda de 11.757 metros aproximadamente--. As e os atletas sairán do Cantón Grande cara Linares Rivas, e pasarán pola praza da Palloza, avenida do Exército, estrada do Porto e a rotonda de Oza, onde darán a volta até a rotonda das Ánimas. Unha vez cheguen alí, darán a volta até o Obelisco para iniciar a segunda volta, na que farán o mesmo percorrido pero que,  cheguen á rotonda das Ánimas, continuarán até o Paseo Marítimo - Pelamios, onde encararán os últimos tres quilómetros até chegar á meta, no Cantón Grande. O peche da carreira será ás 12.30 horas e, este ano, ademais, establecerase un tempo de 1 hora e 15 minutos para o paso polo 10 km. --no segundo paso por Linares Rivas, á altura da rúa Menéndez Pelayo--. Pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, asi como á distancia total, as persoas participantes que sigan en carreira deberán retirarse do circuíto oficial de competición.

No Medio Maratón Coruña21 poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos, e estableceranse as seguintes categorías: Junior (1998-1999), Promesa (1995, 1996 e 1997), Senior (desde 19994) e até sete modalidades de veteranos segundo o ano de nacemento --desde 35 anos cumpridos no día da proba en diante--, ademais da categoría de atletas en cadeira de rodas, na que poderán participar persoas nacidas desde o ano 1998 en diante.  Haberá recoñecementos para as primeiras clasificadas, así como para os primeiros atletas galegos e coruñeses. A organización, ademais, outorgará un premio acumulable a aquelas persoas que superen o récord da proba, sendo este de 1:02:57 na categoría absoluta masculina, e 1:11:16 na feminina.

A inscrición de Coruña21 pode realizarse a través da web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com até as 23.59 horas día 19 de febreiro, así como de forma presencial, a partir do 17 de xaneiro e até ás 22.00 horas do 11 de febreiro, no Departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal e no Marineda City, ademais dos centros da entidade en Santiago de Compostela e Vigo. A cota de inscrición, até o día 12 de febreiro, será de 15 € e, a continuación, abrirase un segundo prazo extraordinario do 13 ao 19 de febreiro, no que o prezo será de 25€. Non se aceptarán inscricións fóra destes dous prazos establecidos.

No caso do colectivo que poida beneficiarse da bonificación do 50% (maiores de 65 anos, posuidoras do Carné Xove ou desempregadas), as persoas deberán acreditar estas circunstancias a través dunha declaración responsable no momento de formalizar a inscrición e, a continuación, enviar os documentos correspondentes (fotocopia do DNI e do Carné Xove, así como do informe de períodos de altas e baixas expedido polo INEM antes do día da inscrición na carreira ou fotocopia do cartón de desemprego) antes das 24.00 horas do 12 de febreiro.  

Unha vez formalizada a inscrición, as persoas participantes poderán recoller os seus dorsais e chips, que serán de uso persoal e intransferible, os días 24 e 25 de febreiro, no horario e lugar de entrega que a Concellería de Deportes detalle nos próximos días. Como vén sendo habitual en todas as probas organizadas polo Concello, habilitarase un prazo excepcional para todas aquelas persoas que non poidan recoller o dorsal até o mesmo día da carreira, e poderán facelo até unha hora antes da saída da proba no espazo preparado para este reparto no Cantón Grande. Non serán admitidas pola organización na cronometraxe aquelas persoas que non estean inscritas ou que corran sen dorsal e chip.

O Medio Maratón, ao igual que outras probas populares do Concello, ofrece unha serie de servizos para facilitar a participación das e dos usuarios, que contarán cun servizo de gardarroupa e de duchas ao finalizar o percorrido, ademais de médico e avituallamento, tanto na meta como durante o trazado do circuíto que, segundo as normativas da IAAF, situaranse a partir do quilómetro cinco e aproximadamante cada cinco quilómetros.

Para máis información tanto do percorrido como do regulamento de Coruña21 --a inscrición na carreira implica a súa plena aceptación--, pode visitarse a páxina web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares

 

Documentos:

Percorrido Medio Maratón Coruña21 2017 (PDF) (709 KB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión