Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de xullo de 2017

O Concello abre o prazo de inscrición para participar na XI Carreira Popular Coruña10, que se celebrará o domingo 8 de outubro no Paseo Marítimo

O Goberno local avanza as datas de Coruña21, do Maratón Coruña 42 e Coruña10 da próxima tempada, que terán lugar os días 18 de febreiro, 15 de abril e 7 de outubro de 2018 respectivamente

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento abre hoxe, ás 14.00 horas, o prazo de inscrición para participar na décima edición de Coruña10, a carreira popular de maior traxectoria das organizadas polo Concello coruñés. A proba, que se celebrará o próximo 8 de outubro, reforzará o carácter integrador e inclusivo promovido desde a pasada tempada pola área que dirixe José Manuel Sande, e facilitará, de novo, a participación de atletas en cadeira de rodas. O circuíto, homologado pola Real Federación Española de Atletismo, ten un perfil practicamente chairo, que transcorrerá pola calzada do tráfico rodado, sen utilizar ningunha zona peonil, e partirá, como nas dúas anteriores edicións, da avenida da Habana ás 10.00 horas. As e os deportistas populares percorrerán, desde xeito, 10.000 metros polo Paseo Marítimo da enseada do Orzán, achegándose dun extremo a outro do mesmo, entre as rotondas do Millennium e Torre de Hércules. A meta situarase, de novo, fronte o Pazo dos Deportes de Riazor.

En Coruña10, proba na que poderán participar persoas maiores de 18 anos, estableceranse as seguintes categorías: Junior (atletas do ano 1998-1999), Promesa (1995, 1996 e 1997), Senior (desde 1994), catro modalidades de veteranos en función da idade e, por último, a de persoas discapacitadas que disputen a proba en cadeira de rodas (nadas ou nados en 1999 e anos anteriores). Haberá recoñecementos para as primeiras persoas clasificadas de cada categoría, así como para as e os primeiros atletas locais e de Galicia, nunha cerimonia que terá lugar desde as 13.00 horas. A organización, ademais, premiará a todas aquelas persoas que superen o récord da proba, sendo este de 28:09 na categoría absoluta masculina, e 31:40 na feminina.

Tal e como é habitual nesta proba popular, e de cara a fomentar a práctica deportiva, haberá carreiras para menores de idade, nas que poderán participar nenas e nenos desde ano 2012 até o ano 2001. Así, en función do ano de nacemento, estableceranse as categorías prebenxamín (2010, 2011, 2012), benxamín (2008 e 2009), alevín (2006 e 2007), infantil (2004 e 2005), cadete (2002 e 2003) e xuvenil (2000 e 2001). As tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría recibirán trofeos agás na categoría prebenxamín, na que todas e todos os participantes recibirán a súa medalla.

A inscrición para participar en Coruña10 poderá realizarse desde hoxe, ás 14.00 horas, a través da web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com e até as 23.59 horas do 24 de setembro, e tamén de xeito presencial a partir do martes 1 de agosto, e ate o día 23 de setembro, no departamento de deportes de El Corte Inglés de A Coruña - Ramón y Cajal e Marineda -, Compostela e Vigo. A cota de inscrición é de 5 euros - agás para as persoas menores de idade, que é gratuíta-, sen necesidade de alugar chip para a cronometraxe, xa que o dispositivo estará integrado no dorsal. Unha vez finalice este prazo, desde as 00.00 horas do 25 de setembro, e até as 23.59 horas do día 1 de outubro, abrirase unha segunda quenda extraordinaria en www.carreirasgalegas.com, na que a cota será de 8 euros.

Na web www.coruna.gal/carreiraspopulares, que recolle información da tríade que Coruña10 forma xunto ás probas Coruña21, Coruña42, ademais do Circuíto Coruña Corre, pódese consultar o regulamento completo da carreira. Neste espazo actualizaranse os servizos que terán as e os corredores o vindeiro 8 de outubro, así como outras novidades da competición.

Datas da próxima tempada

O Goberno local vén de fixar as datas de celebración da tríade de grandes carreiras populares da próxima tempada. Así, o 18 de febreiro, A Coruña acollerá a décima edición do medio maratón Coruña21, mentres que o 15 de abril chegará o VII Maratón Atlántica Coruña42. Finalmente, a XII Coruña10 pechará a tempada deportiva o 7 de outubro do ano que vén.

Documentos:

Circuíto Coruña10 (607 KB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión