Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de setembro de 2018

O mércores finaliza o prazo de inscrición ordinario da XII Carreira Popular Coruña10, que se celebrará o 7 de outubro

A partires do xoves, e até o día 30, abrirase un novo período para poder solicitar a participación na proba

A XII Carreira Popular Coruña10 celebrarase o domingo 7 de outubro. Un ano máis, a proba de máis traxectoria das que promove o Concello da Coruña percorrerá o Paseo Marítimo da enseada do Orzán. A C10 terá a súa saída ás 10.00 horas no paseo da Habana, punto de partida para un circuíto que transitará entre as rotondas do Millennium e da Torre de Hércules, e cuxa meta estará situada fronte ao Pazo dos Deportes de Riazor. A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que este mércores, 26 de setembro será o último día para poder formalizar a inscrición na proba, cunha cota de 5 euros, a través da web da Federación Galega de Atletismo, www.carreirasgalegas.com. Unha vez finalice este prazo, e até as 23.59 horas do día 30, abrirase unha segunda quenda extraordinaria na mesma plataforma, sendo a cota de 8 euros.

Na Coruña10 estableceranse diferentes categorías en función da idade: Junior/Sub20,  (atletas do ano 1999-2000), Promesa/sub23 (1996, 1997 e 1998), Senior (nadas e nados no ano 1995) e anteriores. Estableceranse catro modalidades para persoas veteranas, 'Master', en función da idade e, por último, outra de persoas con diversidade que disputen a proba en cadeira de rodas (nadas ou nados en 2000 e anos anteriores) xa que, como é habitual, a proba reforzará o seu carácter integrador e facilitará a participación de atletas en cadeira de rodas homologadas e que cumpran coa normativa do IPC Athletics.

De cara á realización da proba, a saída organizarase por caixóns en función dos tempos de cada unha das persoas participantes. Cada caixón estará sinalizado cun rótulo cuxa cor coincidirá coa cor do seu dorsal --azul, lila, gris, amarelo e verde--, que poderá retirar nas datas que facilite o Servizo Municipal de Deportes a través da súa web www.coruna.gal/carreiraspopulares, así como até unha hora antes da carreira o propio domingo 7, xunto á saída.

As e os participantes contarán ademais con distintos servizos a súa disposición, como o servizo de duchas ou de gardarroupa, que se situarán no Pazo dos Deportes de Riazor, ou o avituallamento, que estará situado a partires do quilómetro 5 ou na meta --este último inclúe avituallamento líquido así como pezas de froita e bolos de pan--. No portal web municipal de Carreiras, www.coruna.gal/carreiraspopulares, pódense consultar os restantes servizos, que se actualizarán progresivamente, así como o regulamento completo da Coruña10.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión