Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de febreiro de 2015

Domingo de maratón

Iniciamos hoxe unha serie de artigos nos que Pedro Nimo, campión de España de maratón e participante como flamante lebre de 1h25 minutos no próximo Medio Maratón Coruña21, aconsellaranos no camiño da preparación cara ao Maratón Atlántica do 19 de abril, no que tratará de conseguir a vitoria despois da súa segunda praza no 2013.

Menos de 10 semanas sepárannos do noso obxectivo, Coruña42 achégase e con el entramos na fase de preparación do mesmo que coñecemos como "traballo específico", aquí centrarémonos en corpo e alma na máis mítica e máxica das distancias: o maratón!

O período específico dun maratón oscila entre as 12 e 8 semanas, tempo no cal damos prioridade nos adestramentos a todo o traballo que nos garante afrontar con éxito os 42.195 m que ten a proba. Debemos chegar aquí cunha boa base de forza e as garantías de que o noso corpo poderá soportar os esixentes adestramentos maratonianos.

O adestramento maratoniano dá prioridade á mellora da nosa eficiencia na carreira e a consistencia muscular e cardíaca, para isto buscaremos traballar a ritmos próximos ao que esperamos sexa o noso ritmo de carreira e en moitos casos daremos máis importancia á cantidade que á calidade, a recortar as recuperacións e facelas activas, logrando con isto unha gran resistencia a todos os niveis. Poida que con isto "nos transformemos nun motor diésel", pero diso se trata!, de percorrer km co mínimo gasto... así pois, se queremos ser "os híbridos do asfalto" deberemos mellorar a nosa técnica de carreira, o noso consumo calórico e a nosa facilidade para os distintos cambios metabólicos.

Todo o anterior é teoría, para moitos mesmo unha teoría afastada e só apta para os "atletas de elite", pero aí é onde entra a maxia desta proba!, o asfalto non entende de clases sociais nin ritmos, non entende de ricos ou pobres... pero si de fidelidade e sacrificio, e se queremos SABOREAR O ÉXITO DA META, debemos respectar a distancia e realizar o adestramento máis característico e afamado do maratoniano, A TIRADA DOS DOMINGOS.

A maioría dos atletas adoitan facer este trote longo a fin de semana, aproveitando que temos máis tempo para poder realizar o dito adestramento e recuperarnos del pola tarde botando unha boa sesta... pero o que moitas veces non valoramos é que a tirada ou longo empezan o día anterior! O sábado debemos hidratarnos ben e mesmo debemos facer unha boa cea de carga de hidratos de carbono, desta forma mostrarémoslle ao noso corpo cal será o noso proceder do día anterior á nosa carreira.

As tiradas serán sempre progresivas e nelas percorreremos entre 25 e 32/34 km máximo cun ritmo crecente, con toma de xeles e hidratación cada aproximadamente 20 minutos. A dita toma de xeles e bebida debe servirnos tamén para encontrar cal é a mestura que mellor se adapta ás nosas características ou simplemente cal dixerimos mellor.

Nunha tirada buscamos baleirar os nosos depósitos de glucóxeno e afacer ao noso organismo ao duro cambio metabólico que se produce ao ter el que utilizar como combustible as graxas, o devandito baleirado estímase en total a partir dos 75´ e dende entón o noso corpo vai cada vez consumindo máis graxas para poder seguir ata a meta.

Como veredes, neses longos adestramentos son moitas as facetas que melloramos, a resistencia física e mental, a economía de carreira e as vías enerxéticas dela, chegando a percorrer moitos km con moi pouco gasto.

Compañeiros, os próximos días comentareivos a importancia dunha correcta alimentación e a necesidade dunha suplementación adecuada... xa só quedan unhas semanas para que as rúas da nosa cidade se vistan de gala para animarnos e regalarnos a máis indescritible das sensacións ALCANZAR A LIÑA DE META DUN MARATÓN!!!

Forte abrazo

Pedro Nimo del Oro

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión