Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de abril de 2015

O maratón, 42.195 metros de sensacións, por Pedro Nimo

Con este artigo, xa na semana do Maratón Atlántica, cerra Pedro Nimo as súas colaboracións coa nosa web. Tivemos a fortuna de acompañalo na súa viaxe preparando Coruña42, e xa só nos resta compartir o vindeiro domingo os quilómetros con el ou animar dende as beirarrúas.

Escribo este artigo a soamente 7 días do maratón Coruña42, reflexionando como cheguei ata aquí e comprobando que ata a data, non tiven 2 preparacións iguais, pero todas e cada unha delas, tiveron algo que as fixo especiais e inesquecibles.

O maratón é unha proba dura e a dita dureza vai dende o día que decidimos enfrontarnos a ela, cando somos capaces de vencer os nosos propios medos e dúbidas, poñemos data e preparámonos para vencer a distancia que levou á extenuación e morte ao soldado Filípides.

Pero o maratón é moito máis que 42.195 m pois é unha proba capaz de eliminar todo aquilo que a sociedade nos foi inculcando durante anos, fainos compañeiros, (creo que ninguén que preparase esta proba, desexaría que lle saia mal a outro), fainos xenerosos e elimina toda clase social, fórmanse grupos, uns grupos cuxos lazos se fan eternos nuns poucos minutos... cando alguén te anima e axuda nese momento de fraqueza e soidade que todos chegamos a sentir, dáste conta de que merece a pena crer no ser humano... cando o teu corpo di non poder e a túa mente lévao a facelo, decátaste de que vales moito máis do que moitas veces pensaches, cando cres que non chegarás e cruzas a liña de meta con bágoas nos ollos, pensando en todos aqueles que te empuxaron a logralo, dáste conta de que valeu a pena!, cando lle dás a man ao teu rival e compañeiro para compartir con el ese momento, dáste conta de que valeu a pena... E É QUE SEMPRE VALE A PENA!!!

En Coruña42 veremos mil historias que merecerían unha mención especial, e é que cada persoa que decide enfrontarse ao máis duro rival, merece sentirse gañador!, nunca deixarei de sentir que o meu peor rival son eu mesmo!, as miñas dúbidas e os meus medos, os meus éxitos e os meus fracasos, o meu día a día, A MIÑA VIDA... todo fai que sexa necesario superarse día a día para chegar á competición e gozar, darse conta de que o maratón empeza meses antes para ser gozado durante 42 longos e marabillosos km, non debemos temer o maratón, pero si respectalo, se o facemos, regalaranos unha nova lección de vida das que non só te marcan como deportista, senón como ser humano.

Só quedan 7 días para que nos vexamos na liña de saída do que será o meu 8º maratón, son consciente de que NON gañarei esta carreira, pero si que chegarei a María Pita con bágoas nos ollos, pois unha vez máis, dei todo o que teño dentro e a miña vida permitiume chegar a este maratón, sei que superei outra lesión máis, volvinme sentir apoiado, querido e arroupado, volvín chorar e sufrir, mesmo pensei en tirar a toalla... pero canto máis pensei isto e seguín, máis forte me fixen, máis persoas se afanaron comigo e máis valorei a sorte que teño.

Non sei vós, pero eu síntome gañador!, síntome grande e síntome especial, convídovos a reflexionar, a mirar atrás e ver o camiño que vos trouxo a Coruña42, convídovos a compartir todo o que lograstes e convídovos a vivir unha grandísima festa do deporte e da vida, as rúas da cidade agárdannos cheas de coñecidos e anónimos para os cales somos exemplos e inspiración, mesmo "tolos e molestos", pero como todo nesta vida, se logras facer algo que non deixe indiferente a ninguén, será que lograches algo realmente especial.

Boa semana e moita XUSTIZA para tod@s, deséxavos o mellor este compañeiro que se sente orgulloso e xa por adiantado anímavos a valorar o camiño percorrido e non só o destino...

Mantéñanse mozos e belos

Pedro Nimo del Oro

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión