Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de marzo de 2014

O poder da mente

Francisco José Ruiz Molina (1975, Granada) autor do libro "Mejorar es posible. La motivación durante un maratón: 12 claves para superar los obstáculos de la carrera", estará no maratón da Coruña non só como corredor, senón tamén como conferenciante presentando o seu libro. Neste artigo relátanos unha historia persoal de superación para afrontar o maratón de Sevilla.

23 de decembro do 2013, 5 da madrugada. Esperto cunha arrepiante sensación de presión no peito, sinto como o meu corpo quere vomitar e non pode, a miña cabeza está nun estado de semi-inconsciencia que me fai pensar que algo malo me sucede, que non estamos ante o típico empacho dunha noite, ou ante un virus caprichoso que quere amolarme a Noiteboa.

A tensión do día a día, o ano tan duro que vivira no persoal, e "San Ibuprofeno" tomado sen precaución nas semanas posteriores ao maratón de Málaga, esnaquizaran o meu estómago, provocando unha fisura sanguenta de 3mm no meu duodeno. Daquel maratón saín engrandecido no deportivo, pero danado no físico, unha sobrecarga de consideración no tibial do pé esquerdo deixoume moi tocado, con dificultades para poder tan sequera andar con normalidade, pero no meu afán por seguir correndo e en especial por aproveitar o espectacular estado de forma no que me encontraba, seguía adestrando e automedicándome para diminuír e reducir a inflamación canto antes.

Aquela madrugada, e despois dun par de perdas de conciencia que me deixaron unha marca na fronte para toda a vida, despois de estar tirado deus sabe canto tempo no chan do meu baño sen lembrar tan sequera como me chamaba, deime conta de que a vida é efémera como o alento do vento, que da gloria ao fracaso pódese pasar en cuestión de segundos, e que non hai que deixar pasar nin un só día sen agradecerlle á vida a sorte que che brinda de poder enfrontarte a ela e aos seus devires.

Cheguei ás urxencias do hospital con 31º de temperatura corporal, a fronte aberta e perdendo moito sangue. Naqueles momentos e con tanto persoal sanitario botado encima de min intentando remontarme, pensei que quizais xa non podería correr nunca máis, e aínda que soe a tolemia, ese pensamento era o que máis me asustaba, porque aínda descoñecendo a gravidade da miña enfermidade, do que se era consciente é de que aquel momento podería supoñer un punto de inflexión na miña vida a todos os niveis.

Finalmente, e tras varias probas e recoñecementos, diagnosticáronme unha úlcera sanguenta de duodeno, úlcera que entre outras cousas provocara o meu excesivo afán por querer correr custe o que custe e automedicarme, úlcera que case me custa a vida, e é que tal e como me dixeron os médicos, quizais me salvou o estar nun estado de saúde envexable, pois non todos os que entran ao hospital no estado en que eu cheguei tiveron a sorte de poder contalo.

O peor deses días no hospital non foi o pasar a Noiteboa ou Nadal alí, grazas á miña esposa iso fíxoseme moito máis levadío. O peor foi cando me dixeron que polo menos tería que esperar 2 meses para empezar a correr, e sempre a un ritmo moi suave e durante pouco tempo. Eu nese momento non me ilusionaba coa idea de que non tería que deixar de correr, de que podería seguir correndo sen problemas no futuro, só pensaba que sería de min sen correr durante tanto tempo, que pasaría co maratón de Sevilla para o que estaba inscrito, que sería da miña vida entón.

A noticia foi todo un mazazo para min e de inicio fíxome máis dano que a úlcera que estaba a padecer. Vinme abaixo e perdín de golpe toda a fortaleza que me caracteriza. Compartín esta noticia con algunhas persoas moi achegadas e de todas elas recibín boas palabras e moito ánimo, pero sabedes que?, iso a min non me consolaba, pensaba e pensaba que esa noticia non tiña por que ir comigo e entón decidín xogar coa miña fortaleza mental e propoñerlle un reto, intentar estar na liña de saída do maratón de Sevilla do 23 de febreiro coa idea de cruzar a súa meta. Propúxenme que con tesón e esforzo eu sería capaz de acurtar eses prazos e volver estar axiña competindo ao máximo nivel... e só 5 días despois de ter a alta xa estaba correndo 5 quilómetros.

Si, os meus ritmos eran nefastos, a miña fortaleza estaba polo chan, os primeiros días apenas aguantaba 5 minutos en pé, pero ao terceiro día xa estaba conténdome, xa non me aguantaba, o meu corpo e a miña cabeza só me pedían saír a correr e marqueime o 2 de xaneiro como a data da miña particular rehabilitación, como o inicio do meu novo reto, como o comezo dun ano que se encaraba con esa actitude só podería traerme cousas positivas, e así o fixen.

Pensei que apenas tiña 50 días antes da gran cita co maratón de Sevilla, así que a estratexia mental era clara, has ser capaz de correr cada día 1 quilómetro máis có anterior. Con ese “motivo” dispúxenme o décimo día dende a miña alta hospitalaria a correr 10 quilómetros e conseguino, aos 15 días 15 quilómetros, e saíu perfecto, no día 20, 20 quilómetros e ao mes 30 quilómetros… e aínda a pesar da incredulidade de médicos e especialistas, conseguírao. Entón souben que cruzaría a meta vitorioso en Sevilla, xa era só cuestión de botarlle un par… e xa o creo que llos botei.

Foron semanas de adestramento moi duras, as pernas estaban débiles, estábao o meu corpo en xeral, sufrín moito nalgunhas tiradas, o meu estado de forma era tan afastado do que había 2 meses tiña, pero sabía que era o único camiño para volver ser o de antes, sabía que a miña loita era a loita doutras moitas persoas que cada día se enfrontan aos seus medos, á súa desesperanza, e aínda a pesar diso sofren e seguen na pelexa, sabía que se en algo son un gañador nato é na miña fortaleza mental, e en Sevilla non só corrín, non só terminei, senón que xunto co meu amigo Pablo fomos os “pacers” do globo das 3 horas e 30 minutos, facendo un tempo final en meta de 3 horas, 28 minutos e 43 segundos. Novamente o correr fixérame grande, novamente derrotara o amigo Filípides, novamente saíra vitorioso ante a esixencia dos meus retos.

E agora, lonxe de conformarme, quero seguir mellorando, quero seguir demostrándome que o poder da mente pódeme levar a cumprir calquera reto obxectivo e realista que me propoño, e agora espérame o próximo, o maratón da Coruña o 27 de abril, tan só 2 meses despois de Sevilla. Intentaremos preparar as pernas e o corpo para por primeira vez baixar das 3 horas nun maratón, tranquilízame saber que a miña mente xa está preparada para afrontar ese reto, e ti…

estalo?...

 

Francisco José Ruiz Molina (1975, Granada) autor do libro “Mejorar es posible. La motivación durante un maratón: 12 claves para superar los obstáculos de la carrera”, estará no maratón da Coruña non só como corredor, senón tamén como conferenciante presentando o seu libro e asinando exemplares del. Dentro da feira do corredor durante a tarde do venres 25 e sábado 26 poderedes adquirir o devandito libro, todo un éxito de vendas nas súas primeiras semanas, alcanzando máis de 200 distribucións no primeiro mes de venda a público. Podes tamén atopalo e facer un pedido del a través da súa páxina web: www.mejoraresposible.com. Xa hai con todo algúns puntos de venda que o están distribuíndo en Galicia.

Podes contactar co autor ou saber máis cousas del a través dos seguintes formatos:

  • Web: www.mejoraresposible.com
  • Mail: fjrm@mejoraresposible.com
  • Facebook: www.facebook.com/fjrmcoach
  • Twitter: @PacoRuizMolina
  • Twitter official do libro: @fjrmcoach
  • Mail oficial do libro: fjrm@mejoraresposible.com

Descargar artigo en formato PDF a continuación

Documentos relacionados

  • O poder da mente (126 KB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión