Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de febreiro de 2013

Se estás pensando en correr o Maratón Coruña42, as próximas liñas poden ser do teu interese

Por Madó González, directora técnica da Federación Galega de Atletismo. Como doutora en psicoloxía imparte clase na Universidade Lusiada de Portugal. Dende o coñecemento desta disciplina, aderezado coa súa experiencia como atleta e como técnico da Federación, proponnos ideas para conseguir mellorar as nosas estratexias psicolóxicas para afrontar carreiras de longa distancia.

Fotalece a túa mente: Mellora a concentración

Non hai tanto tempo que nunha cidade coma a nosa tachábante de tolo se te vían correr polo paseo, non digamos nada se eras unha muller. Hoxe a ninguén nos estraña xa ver a calquera hora e en calquera lugar grupos de corredores ou atletas en solitario facendo quilómetros e quilómetros. Unha que, como di a introdución, leva moitos anos nisto do atletismo que non do “running” ou “atletismo popular” non pode deixar de vender o seu produto cando llo propoñen. Porque no fondo a Psicoloxía é un produto máis que se ha de incorporar a este mercado. Como dirían os máis veteranos nos meus tempos non había psicólogos pero é que tampouco había fisioterapeutas. Tiñamos un cronometro que no mellor dos casos dispoñía da conta atrás e tomaba parciais. Hoxe, fálase de xeles, GPS... todo última tecnoloxía.

En revistas e foros especializados podemos atopar diferentes plans de adestramento que cada un irá adaptando ás súas necesidades e conveniencias. Bótase en falta, con todo, plans de adestramento mental. Por que se adestramos o noso corpo non adestramos a nosa cabeza? Porque, á fin e ao cabo, moitas veces é esta a que falla. Do mesmo xeito que adestramos a forza, a resistencia ou a velocidade podemos adestrar a nosa capacidade para controlar a ansiedade, mellorar a autoconfianza ou desenvolver a concentración.

Antes de enfrontarnos a unha carreira debemos ter un material adecuado, hidratarnos ben, levar unha alimentación equilibrada, realizar un plan de adestramento acorde ás nosas posibilidades e… propoñernos un obxectivo. Parece obvio, non? Se fixésemos esa pregunta, unha porcentaxe moi alta de corredores diríanos que teñen o seu, outra cousa ben distinta é que ese obxectivo estea correctamente formulado. Por que é tan importante establecer obxectivos? A resposta é clara, porque dirixen a nosa atención cara a aspectos importantes da tarefa que estamos a realizar, mobilizan o noso esforzo, favorecen a constancia e melloran o desenvolvemento de novas estratexias.

Como podemos facer que os nosos obxectivos funcionen?

Un punto importante é establecer obxectivos específicos, xa que se demostrou cientificamente que estes son máis eficaces que os obxectivos xerais. Un obxectivo específico podería ser “acabar entre 3.30 e 3.40 en maratón ou facer 1h45 nunha media” en lugar de propoñerse “facelo o mellor que poida”.

Tanto os obxectivos fáciles de acadar coma os inalcanzables desmotivan e desalientan o corredor. Con todo, establecer obxectivos que supoñan un certo grao de dificultade supón un reto e posúen un efecto motivador. Por iso, debemos establecer obxectivos difíciles pero realistas. A dificultade do obxectivo establecerase a partir das características da proba, do estado de forma, da idade etc. de aí a importancia de que cada corredor estableza os seus propios obxectivos sen intentar “copiar” os do outro.

Establecer obxectivos parciais é outro aspecto que nos podería axudar. Así, podemos marcarnos obxectivos cada 5 km ou en probas como Coruña 21 ou Coruña42 obxectivos por voltas.

Debido á presión exterior e á importancia dada aos resultados, os corredores tenden a centrarse case exclusivamente no resultado final. Con todo, os resultados non dependen só dun mesmo o que pode levar a falta de motivación ou confianza se non se logran. Polo tanto, se queremos que un corredor baixe de 3 h podemos fixar como obxectivo “aumentar o número de sesións de series” ou “aumentar a quilometraxe nas tiradas longas”. Desta forma estaremos a formular obxectivos non só de resultado senón tamén de realización.

Tampouco debemos esquecer que a porcentaxe de tempo dedicado aos adestramentos é notablemente superior ao das competicións polo que debemos establecer obxectivos como “aumentar o nº de sesións semanais”, “diminuír o tempo de recuperación entre series”…

Finalmente, é importante levar un rexistro e realizar unha avaliación dos obxectivos. Lembrar os obxectivos inmediatamente despois de establecelos pode resultar fácil, con todo no transcurso dunha tempada ás veces esquécense. Por iso, é de enorme utilidade para os corredores levar un rexistro dos seus obxectivos e avalialos no momento acordado para ver se é necesario reformularlos. Para iso, é importante fixar os obxectivos por escrito. Isto axudaranos a mellorar o noso compromiso persoal e a adherencia ao adestramento. Rexistrar os nosos obxectivos axudaranos tamén a detectar posibles erros no adestramento.

 

En caso de querer profundar no tema ou aclarar algunha dúbida, podédesvos dirixir ao servizo de psicoloxía deportiva que ofrece Madó na web da Federación Galega de Atletismo, www.atletismogalego.com

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión