Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de abril de 2016

David Pelísek e María del Rosario Figueroa gañan o V Maratón Coruña42

Máis de 2.300 persoas tomaron a saída esta mañá nos Cantóns das probas C42 e 10k, cuxo podio lideraron Edson Gómez e Inés Papin

Coruña42 xa ten quen defenda o título nas rúas da cidade o ano que vén. O checo David Pelísek e a galega María del Rosario Figueroa coroáronse campión e campioa, respectivamente, da quinta edición do Maratón Atlántica. A proba, que está organizada polo Servizo Municipal de Deportes coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, forma parte do calendario estatal de da Real Federación Española de Atletismo (RFEA). A carreira desenvolveuse con total normalidade e convocou desde primeira hora da mañá a 2.396 deportistas nos Cantóns, que participaron tanto no maratón, cuxo percorrido situouse á beira da enseada do Orzán e do porto coruñés, coma na proba de carácter popular 10K. Nesta última, cuxa saída foi ás 8.45 horas, Edson Gómez e Inés Papín cruzaron en primeira posición, nas súas respectivas categorías, a liña de meta.

Coruña42 arrincou ás 8.30 horas no Obelisco, logo dun minuto de silencio en memoria dos dous deportistas mortos durante o maratón de Navajas (Castellón) a pasada fin de semana. En total 830 atletas tomaron a saída da proba, que a súa vez está considerado o Campionato Galego da distancia. David Pelísek, un estudante checo de Erasmus, gañou a súa primeira maratón cun tempo de 2 h 29’ 27’’, seguido do galego Víctor Xosé González , que cunha marca de 2 h 31’ 01’’ proclamouse Campión Galego, e o portugués António Moreira, que alcanzou a meta ás 2 horas, 33 minutos e 51 segundos.

Minutos máis tarde chegou a primeira muller e gañadora da proba, María del Rosario Figueroa, quen defendía o título de campiona do ano 2015 tanto de Coruña42 coma do Campionato Galego, e hoxe revalidou ambos os dous ao parar o reloxo ás 03 h 02’ 37’’, mellorando incluso en 3 minutos o tempo do pasado ano (03h 05’ 39’’). Completaron o podio na categoría absoluta feminina Beatriz Fernández, cun crono de 03 h 05’ 17’’, e  Ana Baizán, que alcanzou María Pita ás 03h  07’ 04’.

O podio masculino da proba 10k,  na que participou o bicampión do mundo de Maratón, Abel Antón,  viviu un sprint final moi disputado, cunha diferencia de tempo mínima entre o primeiro e terceiro clasificado. Edson Gómez corouse como gañador ao cruzar a meta aos 32’ 29’’, seguido de Eduardo Valcare, cun crono de 32’30’’, e Alejandro Álvarez, que se fixo co terceiro posto cun tempo de 32’ 32’’. Na categoría feminina, Inés Papin e Karina Callón, primeira e segunda clasificadas respectivamente, entraron xuntas da man aos 41 minutos e 39 segundos. Completou o podio Noemí Moral, cuxo reloxo marcou os 42 minutos e 52 segundo.

O Concello da Coruña despregou para a celebración desta edición do Maratón Coruña42 un dispositivo especial tanto de mobilidade coma de seguridade durante toda a mañá deste domingo. Un equipo de 161 persoas, integrado por membros da Policía Local, Protección Civil, Cruz Vermella,  persoal do Servizo Municipal de Deportes, así coma voluntariado das escolas deportivas municipais, Facultade de Fisioterapia da Universidade da Coruña e Colexio de Podólogos de Galicia  termaron da seguridade e benestar das e dos deportistas. Tamén participaron coma voluntarias 58 persoas dos clubs de atletismo da cidade, (Riazor Coruña, Marineda Atlético y Coruña Comarca), que colaboraron co persoal municipal tanto nos distintos puntos de avituallamento coma nos caixóns de saída e meta.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, que participou na entrega de premios tanto de Coruña42 como da proba 10K, agradeceu a labor “fundamental” tanto dos corpos de seguridade como das persoas voluntarias “que hoxe axudaron a celebrar dun xeito exitoso unha proba que reúne a deportistas profesionais e a aqueles que disfrutan de carreiras dun carácter máis popular, como a 10K”.

Documentos:

Clasificación 10K - Federación Galega de Atletismo (366 KB)

Clasificación Maratón C42 - Federación Galega de Atletismo (386 KB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión