Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de xuño de 2018

O Concello mantén aberto o prazo de inscrición para participar na XI Baixada de Cross San Pedro de Visma, que se celebrará o 1 de xullo

A proba, que combina asfalto e terra, terá a súa saída do RIBS Padre Rubinos, como homenaxe á entidade polo seu centenario

O 1 de xullo regresa o VI Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre, coa celebración da XI Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma. A quinta proba da tempada, unha singular carreira que combina asfalto e campo a través, renderá homenaxe á Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos, que está a celebrar o centenario da súa fundación. Para poder participar nesta edición, o Concello da Coruña mantén aberto o prazo de inscrición até o mércores 27 de xuño, ás 24.00 horas, a través da páxina web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares. Como novidade, poderase tamén formalizar a inscrición de xeito presencial, até o día 23 de xuño, no departamento de deportes de El Corte Inglés, tanto no espazo situado en Catro Camiños como no centro comercial Marineda City.

A carreira absoluta comezará contra ás 10.30 horas. As e os participantes percorrerán un circuíto de 6.725 metros, aproximadamente, que sairá do aparcadoiro do Parque Adolfo Suárez, no lateral de Padre Rubinos --para render homenaxe á entidade--, e que contará cunha meta situada no cruzamento das rúas San Pedro de Visma con Aguillón. Durante a proba, as e os atletas transitarán pola ronda de Outeiro, estrada dos Fortes e parque de Bens. A partires das 11.35 horas --o peche da absoluta será ás 11.25 horas-- terán lugar as probas das categorías inferiores --xuvenil, cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín--, cuxa saída e meta situarase tamén na rúa San Pedro de Visma.  Finalmente, contra ás 13.00 horas, terá lugar a entrega de premios

Os dorsais poderanse recoller no centro cívico San Pedro de Visma. Como é habitual no Circuíto Coruña Corre, poderanse recoller ao longo da xornada anterior --o sábado 30, entre as 11.00 e as 20.30 horas-- e o propio día da celebración, até unha hora antes do inicio de cada carreira. O servizo de gardarroupa tamén estará dispoñible no centro cívico, entre as 09.30 e as 13.00 horas, mentres que o servizo de duchas, habilitado de 11.00 a 14.00 horas, situarase nos recentemente inaugurados campos de fútbol municipais.

Para máis información sobre esta e outras probas do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre, pódese visitar o web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares.

Documentos:

Circuíto ABSOLUTO - XI Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma (603 KB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión