Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de setembro de 2017

O Concello mantén aberto ata este domingo o prazo de inscrición na XI Carreira Popular Coruña10, que percorrerá o Paseo Marítimo o vindeiro 8 de outubro

Ata o 1 de outubro haberá unha segunda quenda extraordinaria para participar, a través da web www.coruna.gal/carreiraspopulares, cunha cota de 8 euros

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, que dirixe o edil José Manuel Sande, mantén aberto ata as 23.59 horas deste domingo, 24 de setembro, o prazo para inscribirse na undécima edición de Coruña10, a carreira popular de maior traxectoria das organizadas polo Concello coruñés, que se celebrará o domingo 8 de outubro e que percorrerá 10.000 metros a través do Paseo Marítimo da enseada do Orzán, entre as rotondas do Millennium e Torre de Hércules, con meta fronte ao Pazo dos Deportes de Riazor. A inscrición para participar na proba pode realizarse a través da web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares ata o propio día 24 de setembro e tamén de xeito presencial ata o día 23, no departamento de deportes de El Corte Inglés de A Coruña -Ramón y Cajal e Marineda-, Compostela e Vigo. A cota de inscrición é de 5 euros, agás para as persoas menores de idade, que é gratuíta, sen que sexa necesario alugar chip para a cronometraxe, xa que o dispositivo estará integrado no dorsal. Unha vez finalice este prazo, desde as 00.00 horas do 25 de setembro, e até as 23.59 horas do día 1 de outubro, abrirase unha segunda quenda extraordinaria na web municipal de Deportes, na que a cota será de 8 euros.

A proba reforzará o carácter integrador e inclusivo promovido desde a pasada tempada pola área municipal de Deportes, e facilitará, de novo, a participación de atletas en cadeira de rodas. O circuíto, que está homologado pola Real Federación Española de Atletismo, partirá, como nas dúas anteriores edicións, da avenida da Habana ás 10.00 horas, nun percorrido de perfil practicamente chairo, que transcorrerá pola calzada do tráfico rodado, sen utilizar ningunha zona peonil. A carreira está aberta á participación de persoas maiores de 18 anos, nas seguintes categorías: Junior (atletas do ano 1998-1999), Promesa (1995, 1996 e 1997), Senior (desde 1994), catro modalidades de veteranos en función da idade e, por último, a de persoas con diversidade funcional que disputen a proba en cadeira de rodas (nadas ou nados en 1999 e anos anteriores). Haberá recoñecementos para as primeiras persoas clasificadas de cada categoría, así como para as e os primeiros atletas locais e de Galicia, nunha cerimonia que terá lugar a partir das 13.00 horas. A organización, ademais, premiará a todas aquelas persoas que superen o récord da proba (situado en temos de 28:09 na categoría absoluta masculina, e 31:40 na feminina).

Ademais, tal e como é habitual nesta proba popular, e de cara a fomentar a práctica deportiva, haberá carreiras para menores de idade, nas que poderán participar nenas e nenos nados desde o  ano 2012 até o ano 2001. Así, en función do ano de nacemento, estableceranse as categorías prebenxamín (2010, 2011, 2012), benxamín (2008 e 2009), alevín (2006 e 2007), infantil (2004 e 2005), cadete (2002 e 2003) e xuvenil (2000 e 2001). As tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría recibirán trofeos agás na categoría prebenxamín, na que todas e todos os participantes recibirán a súa medalla.

O regulamento completo da carreira está dispoñible para consulta na web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares, que recolle información da tríade que Coruña10 forma xunto ás probas Coruña21, Coruña42, ademais do Circuíto Coruña Corre. Neste espazo iranse actualizando os servizos que terán as e os corredores o vindeiro 8 de outubro, así como outras novidades da competición.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión