Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de decembro de 2018

A IX carreira San Silvestre pechará o ano deportivo na Coruña cun percorrido que transcorrerá polo bordo litoral

O concelleiro José Manuel Sande participou na presentación da proba, da que destacou o seu compoñente “a prol da igualdade” nunha edición no que un terzo das persoas participantes serán mulleres

As rúas da cidade acollerán na tarde do vindeiro luns, 31 de decembro, a partir das 17.00 horas, a novena edición da San Silvestre, unha carreira popular que conta co apoio do Concello da Coruña e do Consorcio de Turismo e na que están inscritas un total de 4.500 persoas, a máis numerosa da súa traxectoria. O responsable da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, o edil de Emprego e responsable de Turismo, Alberto Lema, e a xerenta do ente turístico, Lanzada Calatayud, presentaron esta mañá a proba,  acompañados do responsable co Club Rialto e organizador da proba, David Iglesias.

Sande salientou que a iniciativa completará "a programación lúdica dunha data simbólica, como é fin de ano", nun exercicio no que a proba destaca por un 35% de participación feminina. "San Silvestre é unha carreira que, a través do compoñente lúdico, representa algúns dos valores que deben guiar o deporte, como é a igualdade", aseverou o edil, en relación a algúns dos elementos que a organización introduce nesta edición, como a cor morada das camisetas conmemorativas ou o lema Correr sen medo, ademais de manter o teléfono 016 nos seus dorsais.

Pola súa banda, David Iglesias sinalou a intención da organización "de seguir favorecendo o aumento, en vindeiras edicións, da participación feminina na proba", da cal salientou, ademais, a posta en valor que propón da fachada marítima da Coruña. "Toda a carreira transcorre xunto á beira do mar", salientou Iglesias. Así, as e os participantes percorrerán un trazado de sete quilómetros no que sairán do Obelisco cara o Paseo Marítimo, até chegar á Torre de Hércules para continuar cara ao Castelo de Santo Antón e finalizar na praza de María Pita. Ao fío, a xerenta de Turismo, Lanzada Calatayud, destacou as posibilidades de promoción no exterior da cidade a través dun evento deportivo "que pon en valor o carácter atlántico da Coruña", e que crece "non só no número de persoas participantes, senón tamén de visitantes". "Este ano o 25% das corredoras e corredores proceden de Madrid, Barcelona, Asturias, Tenerife ou Palma de Mallorca, o que supón o aumento dun 5% respecto á pasada edición", advertiu Calatayud.

Celebración de Fin de Ano

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento lembrou ademais que a programación municipal do 31 de decembro completarase cun espectáculo especial de Fin de Ano na praza de María Pita, que será presentado por Isabel Risco, David Perdomo, e que contará coas actuacións de Los Hot Chocolates e Esteban&Manuel. O edil lembrou que o Concello ofrecerá cotillón e as tradicionais 12 uvas á veciñanza que se achegue á praza "para gozar, nunha celebración aberta e conxunta, da entrada do novo ano". Para máis información sobre a programación municipal de Nadal, pódese visitar a páxina web www.coruna.gal

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión