Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de abril de 2017

Maratón sostible, un camiño de compromiso

Desde o ano 2013, os Servizos Municipais de Deportes e Medio Ambiente do Concello da Coruña viñeron traballando conxuntamente na sustentabilidade desta proba deportiva que este ano acada a súa sexta edición.

A sostenibilidade incorpórase como un dos criterios que rexen a organización da carreira. Trátase dunha proba multitudinaria que, como tal, implica un potencial impacto ambiental elevado e que, por esta mesma razón, supón unha boa oportunidade para chamar á corresponsabilidade por parte da cidadanía e fomentar a cultura da sostenibilidade.

O Concello centra os seus esforzos nas seguintes materias:

  • Prevención, reutilización e reciclaxe de residuos
  • Difusión da sostenibilidade do evento entre as persoas participantes e asistentes
  • Fomento da adquisición de material de baixo impacto
  • Cuantificación, redución e compensación das emisións causadas pola realización do evento

Estes son os principais aspectos traballados ata a data:

Inscrición telemática

Foméntase a inscrición en liña á carreira a través da web, evitando no posible o uso de papel.

Mobilidade

O Concello pon a disposición das e dos atletas un autobús que realiza paradas nun percorrido próximo aos hoteis da cidade e ata a zona de saída da carreira, e favorece desta forma a mobilidade sostible.

Para as e os corredores que acoden á proba en coche desde fóra da cidade ese mesmo día, o Concello recomenda utilizar os aparcadoiros disuasorios de C.C. Carrefour ou C.C. Marineda City e utilizar o autobús disposto pola organización, tratando de evitar así os posibles problemas de mobilidade asociados ao desprazamento dun gran número de vehículos particulares cara á zona centro da cidade.

Algúns paso dados na sostenibilidade dos materiais empregados na carreira

Como resultado do compromiso de mellora continua asumido polo Concello en relación coa sostenibilidade do Maratón Atlántica C42 desde hai anos, fóronse introducindo melloras progresivamente nos materiais empregados na carreira: as mochilas que se entregan ás persoas participantes son de algodón orgánico e sen maiores tinguiduras que a estampaxe referente á proba; as bolsas entregadas polas entidades patrocinadoras son de plástico biodegradable e o plano da proba que se entrega imprímese en papel reciclado.

Está baixo estudo na actualidade o emprego de materiais máis sostibles para producir as bandeirolas empregadas como elemento de difusión da carreira. Ademais, estúdanse tamén iniciativas para reutilizar as bandeirolas na fabricación doutros artigos, como alternativa ao refugallo deste material.

Xeración de residuos e limpeza viaria

Para facilitar a segregación dos residuos xerados durante a carreira, dispóñense ao longo do circuíto e na zona de meta colectores para a separación de papel/cartón, materia orgánica e materia inerte.

Os colectores próximos ás zonas de avituallamento mantéñense coa tapa levantada e claramente identificados para posibilitar que quen disputa a carreira depositen en marcha tanto as botellas de líquidos (colector amarelo) como os restos de froita (colector verde), evitando que estes queden tirados polo chan.

Por outra banda, catro reténs de limpeza comezan a traballar desde o comezo da carreira para manter o circuíto limpo en todo momento e que a reapertura das rúas ao tráfico sexa o máis rápida posible tras o último paso de deportistas pola zona.

Excedentes de alimentos do avituallamento

Como é habitual en toda carreira, prodúcese un certo excedente de alimentos nos puntos de avituallamento. Estes alimentos, que están en perfecto estado para o seu consumo, son recollidos e entregados a distintas entidades benéficas da cidade.

Para minimizar a cantidade de residuos xerados nos avituallamentos, trátase de axustar a cantidade de froita cortada á demanda de quen participa.

Emisións: cálculo da pegada de carbono da carreira

Do mesmo xeito que en anteriores edicións, preténdese calcular a pegada de carbono asociada ao ciclo de vida do evento. Para cuantificar os gases de efecto invernadoiro xerados téñense en conta os desprazamentos efectuados polas persoas participantes por lugar de procedencia e medio de transporte empregado, as noites de hotel vinculadas á C42, os consumos eléctricos dos equipos de son, o consumo de auga quente nas duchas, os consumos dos elementos inchables utilizados, os quilómetros percorridos polas motos dos xuíces e o persoal de carreira, así como os realizados para marcar o percorrido e perimetrar o circuíto etc.

Comunicación

A comunicación do compromiso municipal coa sostenibilidade do Maratón Atlántica realízase tanto a través da web como das redes sociais. Ademais, na edición do 2016 colocouse unha carpa con información ambiental e sobre a sostenibilidade na praza de María Pita.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión