Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de novembro de 2017

O Concello abre o prazo de inscrición na décima edición do Medio Maratón Coruña21, que se celebrará o 18 de febreiro

O goberno local mantén os prezos das dúas últimas edicións, así como a bonificación para as persoas maiores de 65 anos, desempregadas ou posuidoras do Carné Xove. Como xa é habitual nas probas deportivas municipais, tamén poderán participar atletas en cadeira de rodas

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento abre o prazo de inscrición para participar no Medio Maratón Coruña21, que este ano se celebrará a súa décima edición o domingo 18 de febreiro. En total, as e os participantes percorrerán un circuíto polo centro da cidade, con meta e saída no Obelisco, e cunha distancia homologada pola Real Federación Española de Atletismo de 21.097,50 metros. Nesta ocasión, ao igual que nas dúas últimas edicións da proba, Coruña21 manterá o seu carácter accesible, tanto ao permitir a participación de deportistas en cadeira de rodas que cumpran as normas do IPC Athletics como polas bonificacións do 50% á hora de formalizar a solicitude de participación para o colectivo de persoas desempregadas, posuidoras de Carné Xove ou maiores de 65 anos.

Coruña21 é a primeira gran carreira da tempada da tríade promovida polo Servizo Municipal de Deporte, e que inclúe o Maratón Atlántica, que terá lugar o 15 de abril, e Coruña10, que pechará o ano o vindeiro 8 de outubro. A carreira comezará ás 10.00 horas da mañá, nun circuíto de dúas voltas. As e os atletas sairán do Cantón Grande cara a Linares Rivas, e pasarán pola praza da Palloza, avenida do Exército, estrada do Porto e a rotonda de Oza, onde darán a volta até a rotonda das Ánimas. Unha vez alí, volverán até o Obelisco para iniciar a segunda volta, na que farán o mesmo percorrido ata chegar á rotonda das Ánimas, onde continuarán até o Paseo Marítimo - Pelamios. Desde alí encararán os últimos tres quilómetros de Coruña21 até chegar á meta, no Cantón Grande. O peche da carreira realizarase ás 12.30 horas, dúas horas e media despois da saída e, como na pasada edición este ano, establecerase un tempo de 1 hora e 15 minutos para o paso polo 10 km. Pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, así como á distancia total, as persoas participantes que permanezan na carreira deberán retirarse do circuíto oficial de competición.

Nesta décima edición do Medio Maratón poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos, e estableceranse as seguintes categorías: Junior (1999-2000), Promesa (1996, 1997 e 1998), Senior (desde 19995) e até sete modalidades de veteranos segundo o ano de nacemento --desde 35 anos cumpridos no día da proba en diante--, ademais da categoría de atletas en cadeira de rodas, na que poderán participar persoas nacidas desde o ano 1996 e en diante. Haberá recoñecementos para as primeiras clasificadas, así como para os primeiros atletas galegos e coruñeses. A organización, ademais, outorgará un premio acumulable a aquelas persoas que superen o récord da proba, sendo este de 1:02:57 na categoría absoluta masculina, e 1:11:16 na feminina. A entrega de premios realizarase ás 12.30 horas, no momento de peche da carreira, nunha zona situada xunto á zona de saída e meta.

A inscrición de Coruña21 pódese realizar a través da web da Federación Galega de Atletismo, www.carreirasgalegas.com até as 00.00 horas día 10 de febreiro, así como de forma presencial, en vindeiras datas, no Departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal e no Marineda City, ademais dos centros da entidade en Santiago de Compostela e Vigo. A cota de inscrición, até o día 10 de febreiro, será de 15 € e, a continuación, abrirase un segundo prazo extraordinario do 11 ao 13 de febreiro, no que o prezo será de 25€. Non se aceptarán inscricións fóra destes dous prazos establecidos. No caso do colectivo que se poida beneficiar da bonificación do 50% --maiores de 65 anos, posuidoras do Carné Xove ou desempregadas--, as persoas deberán acreditar estas circunstancias a través dunha declaración responsable no momento de formalizar a inscrición e, a continuación, enviar os documentos correspondentes --fotocopia do DNI e do Carné Xove, así como do informe de períodos de altas e baixas expedido polo INEM antes do día da inscrición na carreira ou fotocopia do cartón de desemprego-- antes das 00.00 horas do 10 de febreiro.  

Unha vez formalizada a inscrición, as persoas participantes poderán recoller os seus dorsais e chips, que serán de uso persoal e intransferible, os días 16 e 17 de febreiro, no horario e lugar de entrega que a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento avance nas vindeiras semanas. Non serán admitidas pola organización na cronometraxe aquelas persoas que non estean inscritas ou que corran sen dorsal e chip.

O Medio Maratón, ao igual que outras probas populares do Concello, ofrecerá unha serie de servizos para facilitar a participación das e dos usuarios, que contarán cun servizo de gardarroupa e de duchas ao finalizar o percorrido, ademais de médico e avituallamento, tanto na meta como durante o trazado do circuíto que, segundo as normativas da IAAF, se situarán a partir do quilómetro cinco e, aproximadamente, cada cinco quilómetros. Para máis información tanto do percorrido como do regulamento de Coruña21 --a inscrición na carreira implica a súa plena aceptación--, pódese visitar a páxina web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión