Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de novembro de 2018

O Concello abre o prazo de inscrición para participar na VII Carreira Popular Os Rosales, que se celebrará o domingo 16 de decembro

A proba da categoría absoluta comezará ás 10.30 horas e terá tanto a saída como a meta na rúa Manuel Azaña

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de abrir o prazo de inscrición da VII Carreira Popular Os Rosales, a segunda proba do Circuíto Coruña Corre da tempada 2018-2019. A cita deportiva terá lugar o domingo 16 de decembro, e o período para formalizar a inscrición a través do web www.coruna.gal/carreiraspopulares pecharase o mércores anterior a súa realización, o día 12, ás 23.50 horas.

A carreira dos Rosales, na súa categoría absoluta, comezará ás 10.30 horas desde a rúa Manuel Azaña, na que tamén estará situada a meta. Ao longo de 6.465 metros, as e os atletas populares percorrerán un trazado arredor do barrio, achegándose a ronda de Outeiro, avenida Fernando Suárez, O Portiño e a estrada dos Fortes. Unha vez neste punto, e tras aproximarse á rúa Alfonso Rodríguez Castelao, o grupo accederá de novo a Manuel Azaña. O peche de control terá lugar ás 11.30 horas e, unha vez realizado este, comezarán as probas das diversas categorías inferiores. En canto rematen, contra ás 13.00 horas, terá lugar a entrega de premios. Como é habitual en todas as probas do circuíto municipal Coruña Corre, as e os participantes disporán de servizo de gardarroupa, duchas e avituallamento.

Todas as persoas que desexen participar na proba deberán facer a inscrición a través do web de Carreiras Populares. Para as persoas que non formen parte de Coruña Corre, a súa cota de inscrición será de 2€ --agás para as e os menores de idade, que é gratuíta-- mentres que, para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove, será de 1€. Os dorsais poderanse recoller no polideportivo do barrio o sábado 15 de decembro, de 11.00 a 20.30 horas, así como o domingo 16 desde as 09.00 e ata media hora antes do inicio de cada carreira.

Por outra banda, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que se mantén aberta a inscrición para esta tempada de Coruña Corre, que se prolongará até o mes de decembro de 2019, de cara a axustar a tempada deportiva co ano natural, tal e como insta a Real Federación Española de Atletismo. Un ano máis, o Concello conxela o prezo da cota, sendo 10€ para o público xeral de máis de 18 anos, gratuíto para as e os menores de idade, e de 7€ para o colectivo con bonificación --persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove--.

Como novidade, este ano o período para formalizar a participación manterase aberto até a cuarta das probas, a IX Carreira Popular Torre de Hércules. Tal e como lembra o Servizo Municipal de Deportes, de cara a puntuar no circuíto e figurar na lista de participantes, será necesario confirmar a participación en cada carreira. Toda a información sobre Coruña Corre e as grandes carreiras promovidas polo goberno municipal, como son C10, C21 e C42 Maratón Atlántica, pódese consultar no web www.coruna.gal/carreiraspopulares.

Documentos:

Mapa carreira Rosales (CAS) (4 MB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión