Concello da Coruña

Concello da Coruña

Planta dunha unidade doméstica

Ámbitos domésticos

A transformación da unidade familiar

As vivendas non son só un teito ao que abrigarse, senón unha consecuencia dos distintos factores socioculturais, tecnolóxicos e simbólicos, e reflicten as distintas dinámicas sociais que acolleu o castro durante a súa ocupación.

As unidades domésticas sitúanse principalmente na croa do castro, sen que existan máis que un par de exemplos que escapen deste esquema.

As primeiras vivendas

Na croa, contamos con varios exemplos de estruturas construídas con materiais perecedoiros (madeira, barro, palla). Hoxe en día, o único que queda delas son os sinais que deixaron na rocha, que popularmente se coñecen como "buracos de poste". É posible que estes buracos de poste formasen parte das primeiras vivendas do castro, que se corresponderían con casas sinxelas, sen compartimentos internos e de pequenas dimensións.

Relacionada coa primeira fase de ocupación, aquela que se vincula coa antiga muralla, é posible documentar varias vivendas circulares, xa construídas en pedra. Manteñen un esquema semellante ás anteriores, pero con muros pétreos e de maiores dimensións. Estaban cubertas con tellados cónicos de palla, a solución máis rendible para facerlles fronte ás habituais choivas da zona. A porta é o único van de iluminación, é dicir, as vivendas non tiñan xanelas. No centro dispoñíase un poste que sostiña a cuberta, e ao pé deste poste normalmente estaba o fogar.

Os conxuntos domésticos

Coa reconstrución da muralla e a reformulación do poboado, apareceron as primeiras vivendas complexas. Contamos con algúns exemplos de unidades domésticas constituídas por varias construcións con diferente funcionalidade (cuartos de almacenamento, tarefas artesanais etc.), conectadas entre si por espazos intermedios (no caso de Elviña, a través dun corredor) que xuntan unhas coas outras. Deste xeito articúlanse unha serie de relacións espaciais que condicionan a circulación interior e que lles confire unha certa independencia respecto ao resto das vivendas.

Este feito non é o habitual nos castros galegos, onde, na maior parte das rexións, adoitan existir vivendas sen divisións internas e sen unha estruturación visible que defina distintos tipos de tarefas e actividades. No caso da área sur do territorio galaico, especialmente nas Rías Baixas e na conca media do Miño, estas vivendas denomínanse casas-patio, por estruturarse ao redor dun espazo aberto de carácter privado para os habitantes de cada unidade familiar.

O cambio con Roma

A conquista romana introduciu as vivendas de planta cadrada e rectangular, que combinaban esquinas vivas e arredondadas, ademais de novas técnicas construtivas e ornamentais.

No Castro de Elviña, unicamente coñecemos unha vivenda de clara orixe galaicorromana: trátase da Casa da Exedra, en cuxas últimas fases foi completamente reestruturada, dividindo o edificio en varias estancias e realizando distintos cambios no interior (como, por exemplo, o revocado das paredes con estuco). Tamén se coñecen outras estruturas que deberon ser de época galaicorromana, situadas por encima do abandono do acceso exterior suroeste ou sobre a contorna da última muralla na área sur. Tampouco se descarta que a coñecida como Casa do Tesouro sexa de época romana, e que fose construída sobre o Tesouro de Elviña, descoñecendo a súa existencia.

  • Ámbitos domésticos

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Horario de verán

(1 de xuño - 30 de setembro)

Sábados e domingos ás 12.00 h

Horario de inverno

(1 de outubro - 31 de maio)

Domingos ás 12.00 h

Contacto

RESERVA PREVIA no teléfono do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón

981 189 850

Chamadas locais: 010 / 981 184 278

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión