Anel de bronce decorado, detalle (Museo Arqueolóxico e Histórico do castelo de San Antón da Coruña)
A importancia do bronce na Idade do Ferro
A pesar de pertencer á Idade do Ferro, o traballo do bronce no mundo galaico seguiu sendo unha actividade esencial. Sabemos que, por aquel entón, o traballo do cobre, do chumbo e do estaño era unha actividade moi ben considerada, non só polos artesáns do metal, senón tamén pola sociedade do momento.
Existen obxectos de bronce para todo tipo de tarefas: preparación e almacenaxe de alimentos (caldeiros), vestido e adorno persoal (diademas, colgantes, aneis, fíbulas), armamento (lanzas, puñais, cascos, espadas) e actividades cotiás (coitelos, agullas).
En Elviña recuperáronse abundantes aneis simples, compostos por unha tira fina de bronce formando un círculo, así como unha peza singular, correspondente ao fragmento dunha placa de sección cilíndrica, decorada con series formadas por círculos concéntricos incisos, en cuxo centro se dispoñen en volume pequenas esferas ou apéndices.
Nas vitrinas do Museo de San Antón están expostas múltiples pezas relacionadas cos talleres do metal, cuxa situación orixinal se atopaba na área suroeste da muralla da croa. Entre as pezas expostas, destaca o molde de fundición dunha empuñadura de espada de antenas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible