Prato de cerámica campaniense, datado no século II a.C. (Museo Arqueolóxico e Histórico do castelo de San Antón da Coruña)
Unha produción de luxo
A cerámica campaniense engloba un amplo conxunto de producións cerámicas de luxo, cuxa principal característica é a súa cubrición cun engobe negro que cobre a súa superficie. Esta cerámica fabricábase entre finais do s. V a.C. e mediados do I a.C., e foron levadas a múltiples lugares do mundo a través do comercio marítimo. En Galicia son pezas moi escasas e que aparecen só en grandes oppida ou en enclaves costeiros e/ou portuarios. Elviña e a península da Coruña son, de forma conxunta, o lugar de Galicia onde se recuperaron máis fragmentos, o que sinala a relevancia desta área como enclave comercial na costa atlántica.
Do mesmo xeito que acontece coa terra sigillata, a produción estandarizada destas vaixelas permite coñecer as cronoloxías da súa fabricación e uso con certa precisión. As pezas do Castro de Elviña datan, maioritariamente, do s. II e comezos do I a.C. Noutras áreas da Península Ibérica, a cerámica campaniense é indicativa da fase de conquista romana. Na fachada cantábrica e atlántica, ao tratarse das últimas zonas conquistadas (29-19 a.C.) e ao cesar estas producións con anterioridade estas datas, a cerámica campaniense é un claro indicativo da presenza de intercambio con anterioridade á conquista e, por tanto, de tradición local.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible