Concello da Coruña

Concello da Coruña

Vista aérea do Templo Fálico, pegado ao acceso sueste á acrópole

O Templo do Ídolo Fálico

Un edificio de carácter relixioso

Preto do acceso sueste á croa, atópase unha construción de gran tamaño, coñecida como o Templo do Ídolo Fálico. Trátase dun edificio de planta rectangular e irregular, que rolda os 60 m2. Debe sinalarse que a súa configuración actual non responde á orixinal: existen evidencias dunha reforma na parte este da estrutura, que podería corresponderse cunha fase anterior ou coa remodelación dunha estancia, ademais de que a restauración realizada en campañas anteriores non se corresponde con detalle coa planta orixinal do edificio na súa banda sur.

As principais características que definen este edificio, e que lle outorgan tanto o seu particular nome como a súa interpretación como espazo relixioso, son o banco corrido e a escultura do "ídolo fálico". A construción conta cun banco corrido que, acaroado aos seus paramentos interiores, disponse ao longo de toda a banda oeste e norte. Na parte norte, con todo, vese interrompido para deixar un oco, a modo de nicho, para encastrar unha escultura. Trátase do mencionado "ídolo fálico", un relevo escultórico que representa unha figura humana, con trazos faciais e brazos, e quizais un falo moi destacado. Na actualidade, este relevo consérvase no Museo de San Antón. Finalmente, fai falta sinalar a presenza da fonte cuberta na parte nordés da estrutura. A proximidade de fontes ou mananciais de auga é unha tendencia relativamente habitual en moitas edificacións relixiosas da Idade do Ferro peninsular.

As características do edificio fan pensar nun uso relixioso e cultual, que implicaría determinadas actividades de carácter colectivo. Debe sinalarse que, na Idade do Ferro galaica, non é demasiado habitual que aparezan expresións escultóricas, polo que resulta unha edificación anómala dentro do seu contexto.

Reocupación tardorromana

Esta singular estrutura foi reocupada baixo distintos criterios, unha vez esquecido o seu antigo valor. Entre outros exemplos, atopouse unha vivenda de planta ovalada sobre este espazo, xunto cunha tumba de cabalete feita con tégulas (ambas, desgraciadamente, xa non se conservan). Este conxunto vincúlase cunha etapa de uso tardorromana, que implicou unha reocupación parcial de determinadas áreas do castro entre os s. III e VI d.C. (a área sur da terceira muralla pode ser un bo exemplo), moito despois de que cesase a súa funcionalidade orixinal como poboado fortificado.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Horario de verán

(1 de xuño - 30 de setembro)

Sábados e domingos ás 12.00 h

Horario de inverno

(1 de outubro - 31 de maio)

Domingos ás 12.00 h

Contacto

RESERVA PREVIA no teléfono do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón

981 189 850

Chamadas locais: 010 / 981 184 278

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión