Ilustración de David Sánchez, CC-BY
Coas cousas de comer non se xoga
Algúns obxectos, que parecen comúns, resultan fundamentais no desenvolvemento diario nas nosas vidas. Un exemplo son as potas, cazolas, pratos e utensilios que nos permiten preparar ou almacenar a nosa comida.
No castro, tal e como acontece dende o Neolítico, a cerámica é un elemento esencial para ese tipo de actividades diarias, e a súa elaboración requiría unha atención que, polo menos, sería semellante á propia da cerámica tradicional e popular.
O primeiro paso para a elaboración dunha peza de barro sería alcanzar a materia prima básica: a arxila. Para a súa procura, escavábase en zonas de obtención, denominadas barreiras, utilizando algún elemento punzante. O lóxico é que se utilizasen ferramentas semellantes ás empregadas para os traballos agrícolas e se cargase o barro en cestas. Unha vez transportado á olería, colocábase sobre un cepo, probablemente de madeira, e desfacíase coa axuda de diferentes útiles, afastando os refugallos (raíces, pedras grosas e areas) que prexudican a consistencia da peza. Despois, a arxila gardábase nun espazo húmido e sombreado e, cando estivese curtido, amasábase. O amasado do barro, convenientemente humedecido, debe facerse coas mans, os pés descalzos ou con mazos no chan sobre unha pedra lisa para ser cocida finalmente.
Dende o punto de vista técnico, na Idade do Ferro as pezas moldeábanse á man ou cun torno baixo (tamén coñecido como torneta), un aparello que permitía moldear pezas de maior tamaño que en épocas precedentes e máis ou menos uniformes. Consiste nunha roda horizontal que se facía xirar coa man sobre un eixe central. En época romana, coa introdución do torno rápido ou de pé, as pezas alcanzarán unha maior uniformidade, calidade e delgadez nas paredes. Ademais da arxila, os outros compoñentes básicos para elaborar cerámica son a madeira, coa que quentar os fornos, e a auga para tratar o barro.
Os indicios apuntan a que sería unha actividade realizada principalmente por mulleres, como actividade complementaria ás tarefas diarias.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible