Vista aérea do acceso exterior
Un grande acceso ao recinto
Durante moitos anos, foi posible observar a monumentalidade do Castro de Elviña a través das súas potentes murallas e dos prominentes torreóns que franqueaban o acceso á croa. Con todo, a nosa percepción da arquitectura do castro cambiou notablemente tras a escavación do acceso exterior.
Situado na banda suroeste do castro, na terceira liña de muralla, esta entrada dá acceso ao poboado desde o exterior, polo que debía de estar firmemente defendida e asegurada para controlar quen podía entrar e quen non.
Unha construción monumental
O acceso exterior suroeste sitúase, como é lóxico, na última liña de muralla do castro. En primeira instancia, contaba con dous torreóns acaroados á muralla; con todo, neste caso, ambos os torreóns contaban con cadanseus muros que, prolongados en dirección suroeste, daban lugar aos outros dous torreóns (aínda que na parte este, o probable torreón non se conserva, pois foi totalmente destruído). Este acceso contaba, como mínimo, con tres portas de madeira, e estaba completamente pavimentado por un camiño pavimentado.
Na parte interior, este complexo acceso daba paso a unha pequena praza, que funcionaba como centro organizador da rede de camiños internos do castro.
Este complexo sistema de acceso, sen demasiados paralelos no Noroeste da Península Ibérica, alcanzaba un total de 35 m de longo, unha área que permitía vixiar por completo a todo aquel foráneo que quixese acceder.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible