Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Castro de Elviña

Glosario

Glosario

Acus crinalis: agulla grande metálica, de óso ou de madeira, utilizada para a suxeición do pelo feminino.

Alisador: peza utilizada para puír a superficie dun obxecto. En olería emprégase para bruñir ou homoxeneizar a cara visible das cerámicas mentres rotan no torno.

Ánfora: colector cerámico estendido principalmente durante a antigüidade, con boca estreita, dúas asas na parte superior, corpo voluminoso e base en pivote, empregado para o transporte de alimentos, principalmente mediante tráfico mariño e fluvial.

Antecastro: plataforma máis ou menos horizontalizada, valada ou fortificada, unida a un castro, a inferior altura deste, como ampliación ou con carácter defensivo.

Aparello: tipoloxía da técnica empregada na construción dun muro, muralla ou outra estrutura.

Apotropaico: mecanismo de defensa da superstición atribuído a determinados actos, xestos, rituais, obxectos ou frases.

Arracada: xoia utilizada para o adorno das orellas, con elementos colgantes.

Baluarte: construción fortificada que sobresae do lenzo ou pano dunha muralla.

Bigornia: zafra de dúas puntas utilizada por ferradores, latoeiros ou zapateiros.

Brunido: acción de puír un obxecto de cerámica ou metal cun material ríxido.

Caetra: pequeno escudo redondo, realizado con nervios de coiro trenzados con reforzos de metal, representado sobre todo nas esculturas dos guerreiros castrexos. Son denominadas tamén deste xeito as moedas romanas de bronce que representan o escudo no reverso, cun puñal e falcata, que representan a cultura da Idade do Hierro galaica e lusitana.

Calcolítico: etapa intermedia entre o Neolítico e a Idade do Bronce, na que se inicia a metalurxia, situada cronoloxicamente entre o 2700 e o 1900 a.C.

Campanense: cerámica procedente inicialmente da rexión da Campania en Italia, que posúe un engobe negro moi brillante, sobre unha pasta fina. Permite datar niveis en xacementos arqueolóxicos e informa das rutas comerciais entre os séculos IV a.C. e I d.C.

Casiterita: mineral de cor pálida composto por bióxido de estaño, do que se extrae este metal.

Castro: recinto fortificado de planta circular ou oval que adoita estar situado nun cume, nunha punta costeira ou na ladeira dun monte. No noroeste peninsular son o tipo de hábitat característico da Idade do Ferro, que se estende durante a fase galaico-romana.

Catilus: peza superior dun muíño circular de man.

Ceca: taller no que se acuña moeda.

Celta: grupo de pobos indoeuropeos establecidos entre os séculos X e III a.C. en diversas zonas de Europa central e occidental.

Cera perdida: técnica empregada na realización de certos obxectos metálicos, consistente no deseño dunha figura de cera, que se recubría con arxila e á que se lle realizaba un buraco no extremo superior e outro no inferior. Unha vez seca introducíase a coada por un orificio que derretía a cera, de maneira que o metal líquido ocupaba o espazo libre e adaptándose á figura do molde. Unha vez frío desfacíase o molde e obtíñase a peza metálica.

Ceramolosía: disciplina científica que se encarga do estudo dos obxectos e pezas cerámicas de diversa tipoloxía.

Cerca: construción coa que se cerra unha propiedade ou superficie.

Ciclópeo: construción realizada con grandes bloques de pedra, encaixados en seco.

Citania: poboado castrexo de grandes dimensións, que se prolongou ou mesmo se iniciou en época romana.

Colar articulado: peza de adorno do pescozo composto por contas inseridas nun fío.

Cuncheiro: vertedoiro formado principalmente por restos de cunchas e espiñas de peixe.

Convento xurídico: división administrativa romana. No noroeste peninsular existen tres conventos: o Bracarense, coa capital na actual Braga, o Asturicense coa capital na actual Astorga e o Lucense, coa capital no actual Lugo.

Crisol: peza de arxila ou metal, cunha concavidade na que se fundían materiais a elevadas temperaturas.

Croa: acrópole ou zona máis elevada dun castro.

Doa: pequena peza utilizada na realización de colares, cadeas ou outros adornos, cunha perforación central pola que se introducía o fío.

Datación absoluta: datación expresada en anos. Pódese obter mediante análise das propiedades físicas ou tipolóxicas dos elementos obxecto de estudo.

Datación relativa: datación expresada a partir do estudo das relacións existentes entre as unidades estratigráficas que conforman un xacemento arqueolóxico. Estas relacións poden ser de anterioridade, contemporaneidade ou posterioridade.

Idade do Bronce: período prehistórico posterior ao Neolítico e ao Calcolítico caracterizado polo uso do bronce, situado cronoloxicamente de maneira aproximada, entre o 1.900 e o 900 a.C. En Galicia divídese en tres fases denominadas inicial (1.900-1.500 a.C.), medio (1.500-1.200 a.C.) e final (1.200-900 a.C.).

Idade do Ferro: período da Protohistoria, caracterizado pola aparición da metalurxia do ferro, no que se producen importantes transformacións socioeconómicas e culturais. No noroeste dátase entre o 900 a.C. e a fase de romanización, aínda que existen diferenzas de opinión entre os investigadores. As últimas propostas fixan a primeira Idade do Ferro desde un momento avanzado do Bronce Final ata aproximadamente o 400 a.C., a segunda Idade do Ferro entre o 400 a.C. e o 100 a.C. e a terceira Idade do Ferro entre o 100 a.C. e o 50 d.C., aínda que existen autores que consideran a esta unha subfase da anterior.

Engobe: arxila moi líquida e depurada que se estende pola superficie das pezas cerámicas cando a pasta aínda está húmida.

Entullo/cascallo: acumulación de materiais de cascote, resultantes dunha destrución ou un abandono.

Epigrafía: ciencia que se encarga do estudo das inscricións sobre materiais duros coma pedra ou metal.

Escotadura: entrante realizado nun lítico ou peza de metal.

Estratigrafía: estudo dos estratos e das súas relacións, que se localizan nun xacemento arqueolóxico.

Estrato: nivel ou capa formada por procesos xeolóxicos ou pola actividade humana.

Estrutura: elemento estratigráfico construtivo.

Exactor: recadador de tributos e pagos.

Exedra: construción descuberta, de planta circular ou semicircular, con asentos corridos con respaldo, na parte interior da curva.

Exvasado: termo aplicado a vaixelas ou outro tipo de colectores, que posúen o bordo aberto ou con sección en V.

Falcata: espada curta con folla ancha, curva e asimétrica e con empuñadura lixeiramente curva. Esta arma foi utilizada polos pobos da península Ibérica da Idade do Ferro.

Falera: obxecto xeralmente de bronce e de forma circular, que adoitaba ser decorado, utilizándose como arnés de cabalería.

Fíbula: broche semellante a un imperdible, utilizado para a suxeición da roupa.

Filigrana: técnica utilizada en ourivaría baseada no soldado de fíos e gránulos de ouro ou prata, nunha base metálica.

Fontes clásicas: documentación conservada, achegada por autores do mundo grecorromano antigo.

Forum (fora en plural): núcleos de poboamento galaico-romano con carácter comercial, algúns dos cales se converterán en aglomerados secundarios de certa entidade, coa categoría xurídica de municipio.

Fósil director: material ou resto arqueolóxico ou paleontolóxico, cuxa presenza resulta habitual dentro dos contextos dunha fase histórica, que permite datar con certa precisión a unidade estratigráfica na que se localiza.

Fusaiola: peza fabricada en material ríxido, principalmente arxila e pedra e con perforación central, utilizada no traballo téxtil, nos fusos de fiado.

Fuso: obxecto utilizado para fiado de fibras téxtiles, de forma longa, parte central algo redondeada e con extremos apuntados.

Galaico-romano: cultura derivada da asimilación entre os elementos indíxenas das poboacións da Idade do Ferro do noroeste peninsular e as achegas romanas.

Garum (ou garo): salsa preparada con vísceras de peixe fermentadas, moi apreciada na cultura romana. Esta salsa adoitaba ser transportada en ánforas e era xunto co sal un dos conservantes de alimentos básicos da antigüidade. Nas costas da Gallaecia, os romanos implantarán diversas industrias de exportación de peixe e salinas.

Guerras cántabras: serie de loitas entre os pobos do norte da península Ibérica e o imperio romano, producidas entre o 29 a.C. e o 19 a.C., foron máis intensas nas zonas cántabra e astur.

Grafito: inscrición gravada mediante incisión nun material duro.

Hallsttat: cultura desenvolvida entre o Bronce Final e a primeira Idade do Ferro, estendida por Europa Central, nordés da actual Francia e os Balcáns. Parte da historiografía celtista tradicional, vinculou as emigracións dos celtas saefes ou celtas de Hallsttat, ao noroeste peninsular.

Hinterland: territorio extenso de influencia respecto dun lugar central.

Hipodámico: plan urbanístico mediante o uso de liñas rectas perpendiculares, formando unha planta en dameiro.

Historiografía: ciencia dedicada ao estudo dos rexistros históricos ao longo do tempo.

Indoeuropeo: termo aplicado ao grupo de linguas propagadas a finais do Neolítico desde a India ata o occidente europeo e por extensión, aos pobos e culturas asociados.

Ímbrice: tella curva romana.

Impresión: marca ou sinal realizado sobre un obxecto, ao facer presión outro máis duro.

Incisión: trazo conseguido cun instrumento apuntado.

Interfacies: unidade resultante da destrución de estratificación.

Lucerna: recipiente en forma de cunca provisto de pico, con ou sen asas, utilizada como lámpada de aceite cunha mecha.

Mamelón: elemento decorativo ou funcional plástico, empregado sobre todo en cerámica, que presenta forma de mamila.

Mansio: establecemento de época romana situada a intervalos nas vías destinado ao repouso de viaxeiros e animais, coincidente xeralmente co fin dunha etapa. Algunhas mansio supuxeron a orixe dun enclave maior.

Matrix Harris: sistema de organización das unidades estratigráficas dun xacemento mediante un diagrama, no que se representan as relacións existentes entre elas, deseñado polo arqueólogo Edward C. Harris.

Megalitismo: fase da prehistoria caracterizada pola construción con pedras de gran tamaño, de estruturas funerarias ou de carácter simbólico e relixioso. Entre as construcións diferéncianse os dólmenes, túmulos, menhires, círculos e aliñamentos líticos.

Meta: peza inferior dun muíño circular de man.

Metalurxia: técnicas empregadas para a extracción e transformación dos metais contidos nos minerais.

Método tipolóxico comparativo: sistema de análise a través das similitudes formais detectadas entre estruturas, obxectos ou outro tipo de elementos.

Monumento con forno: saunas galaico-romanas localizadas nalgúns castros.

Neolítico: período da Prehistoria recente caracterizado, entre outros aspectos, pola aparición da agricultura e a gandería, foi representativo o fenómeno megalítico. En Galicia iníciase aproximadamente a finais do V milenio a.C., e chegou ata o Calcolítico.

Numismática: ciencia que se dedica ao estudo e á clasificación das moedas.

Oppidum (oppida en plural): poboado fortificado de grandes dimensións de época protohistórica ou romana, que pode desempeñar certas funcións como lugar estratéxico e central, con respecto a outros hábitats da contorna.

Ourivería: traballo dos metais preciosos para a realización de obxectos artísticos ou xoias.

Paredes finas: produción cerámica de mesa caracterizada pola delgadez das paredes das pezas, de apenas uns milímetros. Fabricáronse en diversos talleres, sendo a olería de Melgar de Tera (Zamora), un dos principais abastecedores do noroeste. Cronoloxicamente sitúase entre o século III a.C. e o I d.C., como período álxido, aínda que se prolonga ata o século IV d.C.

"Pedra" Formosa: pedra divisoria de estancias nos monumentos con forno ou saunas galaico-romanas, cun pequeno acceso na parte inferior central e que poden estar profusamente decoradas.

"Pedras"fincadas: sistema defensivo composto por pedras fincadas no chan irregularmente, destinadas a dificultar un ataque dacabalo, localizadas na contorna dalgúns castros da zona suroriental galaica.

Pondus: pesa de tear xeralmente realizada en arxila.

Poutada: peso de rede de pedra con dúas escotaduras na zona media.

Produción: fabricación estandarizada, fixada dentro duns marcos xeográficos e cronolóxicos, composta por un conxunto de tipos.

Protohistoria: fase situada entre o final da Prehistoria e o inicio da Historia Antiga, referida ás culturas que carecen de produción escrita ou esta é moi breve, coetáneas a outras que teñen desenvolvida a produción documental. No occidente europeo adoita aplicarse aos pobos da segunda Idade do Ferro.

Repuxado: técnica consistente na aplicación de presión cun elemento duro sobre unha lámina metálica ou de coiro, co fin de obter unha figura en relevo.

Romanización: proceso de aculturación dos territorios conquistados polo Imperio Romano durante a antigüidade.

Sagum: capa utilizada polos escravos e certas culturas da Idade do Ferro europea, adoptada posteriormente polos soldados romanos.

Sítula: caldeiro ou recipiente metálico de forma troncocónica, cilíndrica ou ovoide, sen pescozo.

Siderurxia: traballo do metal que se encarga de extraer o ferro e transformalo.

Tabula hospitalis: placa de bronce na que se recolle un tratado de hospitalidade ou de control entre os pobos indíxenas ou representantes deles e os administradores romanos.

Tegula: tella plana romana con dúas pestanas laterais sobre as que se colocaba un ímbrice ou tella curva. Foi utilizada para o tellado de edificios e tivo tamén outros usos construtivos, por exemplo en tumbas, pavimentos ou outro tipo de estruturas.

Terra sigillata: vaixela fina romana amplamente difundida por todo o imperio, fabricada en serie, caracterizada por posuír engobe e decoración nalgúns tipos, algunha desta a molde. Moitas pezas presentan un sigillum ou marca de fabricación impresa no interior da base. Dentro da terra sigillata distínguense varias producións en función do seu lugar de orixe, como a itálica, gálica, hispánica ou africana.

Tipoloxía: aplícase á clasificación establecida sobre os modelos dunha produción, definidos a través de aspectos formais.

Torque: colar semicircular de metal ríxido, rematado en cabezas nos extremos, que poden presentar diferentes formas. É característico da cultura castrexa.

Tríscele ou trisquel: figura composta por tres radios ondulados unidos no centro, formando unha roda. Tradicionalmente relacionouse coa simboloxía solar.

Unidade estratigráfica: elemento estratigráfico básico correspondente a unha evidencia de modificación do terreo e que reflicte unha actividade determinada. Clasifícanse en depósitos, interfacies e estruturas.

Ustrinum: lugar de incineración de cadáveres.

Valor fiduciario: calidade outorgada por unha comunidade ou un estado a un obxecto, cuxo valor como produto ou materia é inferior ao que realmente representa.

Vicus: asentamento romano aberto, menor que unha cidade.

Vila: mansión rural romana ligada a explotacións agrarias ou marítimas.

Viriae: adorno en forma de aro que se cerra no brazo. As pezas prehistóricas xeralmente fabrícanse en bronce.

Zafra: peza de ferro que adoita ter un dos lados en punta, para traballar os metais mediante martelado.

Zoomorfo: con forma de animal.

Horario de verano

(1 de julio - 30  de septiembre)

Sábados y domingos a las 12:00 h

Del 1 al 31 de julio también los Jueves a las 21:00 h.

Horario de inverno

(1 de outubro - 30 de xuño)

Domingos ás 12:00 h

Contacto

Museo Arqueolóxico  e Histórico Castelo de San Antón

981 189 850

Chamadas locais 010 / 981 184 278

  • Concello da Coruña
  • Deputación da Coruña
  • Museo arqueolóxico e histórico Castelo de Santo Antón
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?