Concello da Coruña

Concello da Coruña

Información Xuvenil

Área de Benestar Social

Para a maioría das persoas non é fácil dicir o momento exacto en que notaron por primeira vez sensacións sexuais. Adoita pasar de forma gradual, aos poucos. Ás veces, a orixe desas sensacións nin sequera está motivada por unha persoa concreta. Hai mozos e mozas que senten, simplemente, que lles pasa algo novo, que non saben moi ben como cualificar: unha sensación física, unha emoción, ou unha combinación de ambos.

Ás veces pode custar relacionar estes sentimentos e sensacións, bastante vagos, coa definición de sexo que aprendemos e coa que nos bombardean os medios de comunicación.

Cando unha moza ou un mozo empezan a sentir sensacións sexuais antes de que o seu corpo se desenvolvese (ou viceversa) pode ser difícil reconciliar esa "diferenza" de corpo e sensacións.

Ter unha relación física con alguén pódeche facer sentirte moi vulnerable, xa que supón compartir con outro unha parte moi persoal. Hai moitas cousas que preocupan: que pensará a túa parella da túa experiencia ou inexperiencia, que opinará do teu corpo... O nerviosismo das primeiras relacións sexuais (incluso das seguintes) é natural. A medida que coñezas mellor a túa parella e que vaias adquirindo seguridade en ti e na túa relación, irás superando eses nervios iniciais.

Sexo e comunicación: falar, falar...

COÑECER E COMUNICAR OS LÍMITES

É importante que saibas cales son os teus límites: que cousas che gusta facer e que cousas non, que cousas quererías realizar, pero aínda non te atreves, con que prácticas te sentes mellor ou gozas máis...

Se non estás a gusto con algo do que pasa entre ti e outra persoa, tes todo o dereito de parar, en calquera momento e por calquera motivo. Ti es quen fixa os límites, e a túa parella debe respectalos, aínda que lle parezan incomprensibles ou incoherentes con outros comportamentos previos teus. Se intentas parar ou ir máis amodo, a túa parella debe facerche caso; se non cho fai, debes ser máis firme.

"Acabar o empezado" non é unha responsabilidade, nin chegar máis lonxe do que desexabas. Poida que a túa parella se queixe porque "queda a medias". Pero non é a fin do mundo nin é o teu problema (sempre que non o convertas nun xogo ou nunha forma de utilizar os demais).

O respecto debe ser mutuo. Converter un encontro sexual nunha situación incómoda pode provocar resentimento.

COMUNICA AS TÚAS NECESIDADES

O sexo non ten fórmulas secretas, nin regras fixas que se poidan aprender para saber "como facelo" e converterse no ou na amante ideal. A cada persoa gústanlle cousas diferentes; por iso, unha boa comunicación é fundamental para un bo sexo.

Falar coa parella do que nos gusta e o que nos desgusta pode resultar difícil. Como facelo sen que se moleste, ou pareza que lle estás dando leccións? Como sacar o tema? Poida que sexa máis sinxelo, simplemente, ensinarlle o que che gusta, ou facelo de forma que sexa parte do xogo sexual (dicindo cousas como "non pares", "máis amodo" ou "un pouco máis arriba", por exemplo). Poida que che dea corte, pero se non lle dis á túa parella o que queres, non vai saber como darche pracer; ou crerá que o está facendo ben.

Facelo ou non facelo, esa é a cuestión

Todos temos diferentes crenzas e niveis de experiencia, e ninguén debería sentirse presionado a practicar o sexo ou a obter máis experiencia sexual.

O coito só é unha parte da intimidade sexual, aínda que se trata dunha parte importante e moi valorada. Do que se trata é de que te sintas ben coa túa decisión cada vez que participes nunha actividade sexual, sexa bicarte con alguén, sexo oral, coito ou calquera outra cousa. Cada ocasión, cada práctica supón unha nova elección, e as túas accións sempre merecen ser tomadas en serio e meditadas.

En calquera circunstancia, a comunicación entre as persoas involucradas é extremadamente importante. Pero antes de que poida haber unha boa comunicación é preciso que saibas o que queres, que teñas seguridade en ti e que teñas claro o que é apropiado para ti en cada momento da túa vida. Fai o que che faga sentirte ben e toma precaucións!

Cando intentas decidir se ter unha relación sexual con penetración vaxinal por primeira vez, hai moitos factores para ter en conta. O tema de "perder a virxindade" pode ser crucial ou tratarse só dunha "cousa máis" dentro do contexto xeral da túa sexualidade; iso depende das túas ideas, crenzas, da educación que recibiches, da sociedade en que vivas... A virxindade ten moitas implicacións sociais e culturais pero, a final de contas, significa algo diferente para cada persoa nunha determinada situación.

Non está de máis que penses que significa para ti "perder a virxindade" e que intentes saber que queres. Se xa o tes claro ti, será máis fácil formularllo á túa parella.

Agora ben, ninguén che pode dicir cando chegou o momento para que teñas relacións sexuais e de que tipo. Só ti podes asumir esa responsabilidade. Se non sentes seguridade, formúlao. Non o fagas a non ser que teñas claro que o desexas. E cando o fagas, toma precaucións.

Resulta moi desagradable sentir que a túa parella te presiona para ter relacións sexuais ou aparentar máis experiencia. Se a túa parella é maior ca ti, ou ten máis experiencia, poida que sintas unha presión intensa. Se notas que alguén te presiona para que fagas algo que non queres, deixa claros os teus sentimentos e fai que pare. Talvez resulte unha situación incómoda, pero pode ser peor se non o intentas.

A comunicación e a confianza son esenciais no sexo. Se cres que non confías na túa parella, ou sentes que te presiona demasiado, non pases eses sentimentos por alto.

As amizades tamén poden exercer moita presión neste tema. A túa vida sexual é cousa túa, pero os demais sempre se van formar opinións sobre ela: que se aínda non o fixeches, que se o fixeches demasiado axiña... Se non estás conforme e a gusto coas circunstancias nas que practicaches o sexo talvez te preocupe que pensarán os demais. Canto máis claras teñas as túas decisións e convencido/a esteas das túas accións, menos te preocuparán as opinións alleas.

A primeira vez

Se es MOZA, poida que...

Se es MOZO, poida que...

Non saibas moi ben que facer. Non teñas medo, o importante é que esteas a gusto, o demais xa chegará.

Non saibas moi ben que facer. Non teñas medo, o importante é que esteas a gusto, o demais xa chegará.

Penses que che vai doer. Tranquila, non ten por que suceder. Para que non che doa:
  • Síntete segura do que vas facer, e intenta relaxarte
  • Busca un lugar onde esteas cómoda e a gusto
  • Se che doe, dillo á túa parella
Te angusties pensando:
  • Gustaralle?
  • Saberei facelo?
  • E se non sei poñer o condón?
  • E mil cosas máis...

É normal que teñas todas estas dúbidas. Por iso é importante que haxa moita comunicación coa parella, para que poidades resolver as dúbidas xuntos e, mesmo, terminar ríndovos delas.

Sangres un pouco ou poida que non. Se che pasa non te angusties, é normal. Te angusties pensando que exacularás máis rápido. Poida que si, pero é normal. Non te angusties!
Penses que non te podes quedar embarazada. É mentira. Desde que se ten a primeira regra estás preparada para ter fillos, por iso que ten coidado e toma medidas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión