Concello da Coruña

Concello da Coruña

Información Xuvenil

Área de Benestar Social

Como crear unha asociación?

Os trámites de creación dunha asociación poden parecer complicados, pero son moito máis faciles do que imaxinas, así que non deixedes que as cuestións burocráticas vos desanimen.

DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A TRAMITACIÓN DA INSCRICIÓN DAS ASOCIACIÓNS SEN ÁNIMO DE LUCRO

1. Solicitude de inscrición da asociación, na que conste:

  1. Identificación do solicitante, sinatura, NIF e cargo que ocupa na asociación.
  2. Identificación da asociación, denominación, enderezo (incluído no seu caso o de internet) e CIF. No caso de non achegar o CIF na solicitude, unha vez obtido remitirase unha copia ao Rexistro de Asociacións para a súa constancia.
  3. Descrición da documentación que achega e petición que se formula:
  • Nas asociacións de ámbito provincial:
Dirixida ao Delegado/a Provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da provincia correspondente, asinada pola persoa designada para tal efecto na acta da asemblea extraordinaria ou polo representante da asociación segundo os estatutos
  • Nas asociacións de carácter autonómico:
A instancia dirixirase á Directora Xeral de Interior, asinada pola persoa designada para tal efecto na acta da asemblea extraordinaria ou polo representante da asociación segundo os estatutos

2. Acta fundacional, por duplicado exemplar na que se identifica a todos os promotores e especifícase o lugar e a data do seu outorgamento. Na acta débense recoller as sinaturas orixinais de todos os promotores, debe figurar a súa vontade de constituír a asociación e desígnanse os membros dos órganos provisionais de goberno.

3. Dous exemplares dos estatutos asinados en todas as follas con sinaturas orixinais dos promotores.

4. Documentación acreditativa da personalidade:

  • Se os promotores son persoas físicas deberán remitir copia do DNI.
  • Se son persoas xurídicas, certificación do acordo adoptado polo órgano competente no que apareza a vontade de constituír a asociación e formar parte dela así como a designación da persoa física que a representará (quen tamén deberá acreditar a súa identidade coa remisión da copia do DNI). As persoas xurídicas acreditarán a súa existencia presentando unha copia compulsada da escritura pública de constitución ou documento constitutivo co xustificante da súa inscrición no correspondente rexistro.

5. Taxa. Segundo a lexislación orzamentaria vixente.

6. Opcionalmente, podemos solicitar a inscrición no Censo de entidades xuvenís e prestadoras de servizos á mocidade da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para poder acceder ás subvencións que anualmente son convocadas por este organismo.

Unha vez realizados os trámites de inscrición da Asociación no Rexistro da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, recibiremos no prazo aproximado dun mes a confirmación da devandita inscrición.

TRÁMITES QUE HAI QUE REALIZAR ANTE FACENDA:

  • Solicitar o NIF (Numero de Identificación Fiscal) da asociación. Este código é necesario para realizar calquera trámite da vosa asociación, como abrir unha conta bancaria, tramitar unha factura, ou cobrar unha subvención. Para iso, necesitaremos presentar en Facenda a Declaración censual: Modelo 036, que acompañaremos da seguinte documentación:
    - Orixinal e copia dos estatutos selados polo Rexistro
    - Orixinal e copia da Acta Fundacional
    - Fotocopia do DNI da persoa que asine o impreso de solicitude, debendo ser un socio fundador.
    Unha vez que que teñades o voso NIF, convén levar unha copia na vosa carteira, xa que ese número pediránvolo para calquera xestión que teñades que facer ante a Administración, e na emisión de facturas contra a vosa entidade.
    Se nalgunha ocasión realizades un cambio na vosa asociación que modifique os datos que figuran na tarxeta do NIF, deberedes cubrir outro impreso de Declaración Censual 036, para que Facenda vos mande outra tarxeta na que consten os datos modificados
  • IVE. A exención do IVE é automática nas actividades que desenvolvan os estatutos da asociación. Con todo, e dado que a casuística é moi ampla, nalgúns casos pode ser recomendable solicitalo explicitamente ante a Axencia Estatal Tributaria. Consúltao sempre. En calquera caso, as exencións de IVE son sempre ao cobro, nunca ao pago, é dicir non teredes que cobrar o IVE polas actividades que realicedes, pero iso non vos exime de pagalo aos establecementos comerciais onde compredes o material necesario para realizalas.

REXISTRO MUNICIPAL DE ASOCIACIÓNS CORUÑESAS - REMAC
É conveniente que calquera asociación, ou entidade sen ánimo de lucro, legalmente constituída e que teña o seu ámbito de actividade dentro da cidade da Coruña se inscriba no Rexistro de Asociacións do Concello para o seu pleno recoñecemento a nivel municipal.
Para formalizar a inscrición no REMAC, é necesario realizar unha solicitude no Rexistro Xeral do Concello e presentala acompañada da seguinte documentación:
1. Copia compulsada dos Estatutos da Asociación.
2. Copia compulsada da inscrición no Rexistro Nacional ou no Autonómico de Asociacións.
3. Certificación das persoas que ocupan os cargos directivos.
4. Copia compulsada da tarxeta do NIF. Copia compulsada do DNI do presidente/a da entidade.
5. Domicilio social, número de teléfono, fax, páxina web e correo electrónico.
6. Orzamento do ano en curso.
7. Programa de actividades do ano en curso.
8. Certificación do número de socios.
9. Forma en que se queren recibir as notificacións e a información procedente do Concello, preferentemente a través de medios telemáticos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión