Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

CMIX

Ensino universitario

Ensino universitario

Os ensinos universitarios impártense en:

  • Universidades públicas: se finanacian a través de fondos públicos, nelas só hai que abonar o importe da matrícula. Posúen centros propios e, nalgúns casos, centros adscritos:
    • Os centros propios das universidades públicas divídense en Facultades, Escolas Técnicas Superiores, Escolas Universitarias e Escolas Técnicas.
    • Os centros adscritos poden ser de carácter público ou privado. Nos centros adscritos públicos, só se abona o importe da matrícula. Nos centros adscritos privados, ademais, págase mensualidades durante todo o curso.
  • Universidades privadas: nas que hai que abonar o prezo da matrícula e mensualidades durante o curso.

Volver a menú

Estrutura do sistema universitario

As universidades poderán establecer ensinos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial, válidos dentro do EEES, ademais dos seus diplomas e títulos propios.

TÍTULOS PROPIOS: títulos non oficiais, non teñen validez oficial dentro do EEES, soamente están avalados pola propia universidade pública ou privada que os imparte. Están pensados para ofrecer un tipo de formación acorde ás demandas da sociedade, unha formación máis flexible e diversificada que ofreza especialización profesional, académica ou actualización de coñecementos acorde ás demandas de “Aprendizaxe ao longo da vida”. Adóitanse denominar: Grao non oficial, Máster non oficial, Especialista Universitario, Experto Universitario…

TÍTULOS OFICIAIS: adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, EEES. O ensino oficial está composto por tres ciclos: Grao, Máster e Doutoramento. Tanto o título de Grao como o de Máster están vinculados ás seguintes ramas de coñecemento:

  • Artes e Humanidades
  • Ciencias da Saúde
  • Ciencias Sociais e Xurídicas
  • Enxeñería e Arquitectura

Graduado: ensinos que comprenden o primeiro ciclo dos estudos universitarios, teñen como finalidade a obtención por parte do estudante dunha formación xeral, nunha ou varias disciplinas, orientada á preparación para o exercicio de actividades de carácter profesional. Estes ensinos concluirán coa elaboración e defensa dun traballo de fin de Grao.

Máster: o segundo ciclo. Os ensinos de Máster teñen como finalidade a adquisición dunha formación avanzada, de carácter especializado ou multidisciplinar, orientada á especialización académica ou profesional, ou ben a promover a iniciación en tarefas investigadoras. Estes ensinos concluirían coa elaboración e defensa pública dun traballo de fin de Máster.

Doutor: o terceiro ciclo. Os ensinos de Doutoramento teñen como finalidade a formación avanzada do estudante nas técnicas de investigación, poderán incorporar cursos, seminarios ou outras actividades orientadas á formación investigadora e incluirá a elaboración e presentación da correspondente tese doutoral, consistente nun traballo orixinal de investigación. Para obter o título de Doutor ou Doutora é necesario ter superado un período de formación e un período de investigación. O conxunto organizado de todas as actividades formativas e de investigación conducentes á obtención do título denomínase Programa de Doutoramento.


Volver a menú

Plans de estudo

  • Plan de estudos: é o deseño curricular, aspectos vinculados aos contidos e procesos de ensino-aprendizaxe, realizado por unha universidade, conducente á obtención dun título.
  • Competencias: conxunto de coñecementos (saberes), habilidades (saber facer), aptitudes e valores que capacitarán a unha persoa titulada para desempeñar e desenvolver roles de traballo nos niveis requiridos para o emprego. O plan de estudos debe ter no centro dos seus obxectivos a adquisición de competencias por parte dos estudantes, facendo énfases nos métodos de aprendizaxe das anteditas competencias, así como nos procedementos para avaliar a súa adquisición.
  • Módulo: unidade académica de ensinanza-aprendizaxe que inclúe unha ou varias materias e que constitúe unha unidade organizativa dentro dun plan de estudos.
  • Materia: unidade disciplinar e de organización académica básica que consta dun número de créditos . Pode clasificarse en: materias de formación básica, obrigatorias e optativas.
  • Crédito ECTS: siglas correspondentes ao European Credit Transfer and Acumulation System (Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos). Unidade de medida baseada na carga de traballo que o estudante debe realizar para superar as materias establecidas no plan de estudos e alcanzar os obxectivos dun programa e as competencias requiridas para o perfil profesional. Nesta unidade de medida intégranse os ensinos teóricos e prácticos, así como outras actividades académicas dirixidas, con inclusión das horas de estudo e de traballo que a persoa estudante debe realizar para alcanzar os obxectivos formativos propios de cada unha das materias do correspondente plan de estudos. Un curso son 60 créditos ECTS e 1 crédito ECTS son 25 horas de traballo da estudante ou o estudante (clases, titorías, prácticas e visitas externas, traballo individual e en grupo, preparación de exame, exame…)

1º ciclo. Grao: ten unha duración de 240 créditos ECTS, repartidos en 4 anos académicos (incluído o Traballo Fin de Grao); salvo as seguintes titulacións: Medicina (360 créditos ECTS), Veterinaria (300 créditos ECTS), Farmacia (300 créditos ECTS), Odontoloxía (300 créditos ECTS) e Arquitectura (300 créditos ECTS + Traballo Fin de Grao). O título de Grao está estruturado da seguinte maneira:

  • Materias de formación básica (mínimo de 60 créditos).
  • Materias obrigatorias.
  • Materias optativas.
  • Prácticas externas (máximo de 60 créditos).
  • Traballo Fin de Grao (mínimo de 6 créditos e máximo de 30).
  • Recoñecemento por actividades culturais (máximo de 6 créditos).

2º ciclo. Máster: ten unha duración de entre 60 e 120 créditos ECTS, repartidos en 1 ou 2 anos académicos. O Traballo de fin de Máster terá unha duración entre 6 e 30 créditos.

3º ciclo. Doutoramento: os estudos de doutoramento están divididos en 2 etapas, unha de estudos de polo menos 60 créditos ECTS que pode ser parte do máster; e outra de investigación que culmina coa defensa dun traballo de investigación orixinal (a tese doutoral). En canto á duración do programa de doutoramento establécese un prazo máximo de 3 anos destes estudos a tempo completo, dando a opción de cursalos tamén a tempo parcial durante 5 anos.

Volver a menú

Acceso á universidade

Para solicitar o ingreso nos estudos universitarios débese estar nun dos seguintes casos:

BACHARELATO:

É necesaria a superación da PAU, proba de acceso á universidade (selectividade). En Galicia é a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) a que dertermina esta proba. Algunhas aclaracións sobre a PAU:

A PAU estrutúrase en dúas fases denominadas respectivamente fase xeral e fase específica.

Fase xeral: ten por obxecto valorar a madurez e destrezas básicas que debe alcanzar o estudante ao finalizar o Bacharelato para seguir os ensinos universitarios oficiais de grao, especialmente no que se refire á comprensión de mensaxes, o uso da linguaxe para analizar, relacionar, sintetizar e expresar ideas, a comprensión dunha lingua estranxeira e os coñecementos ou técnicas fundamentais dunha materia de modalidade.

Constará de 5 exercicios:

 

  1. Lingua castelá e literatura.
  2. Lingua galega e literatura.
  3. Historia de España ou Historia da Filosofía.
  4. Lingua estranxeira (alemán, francés, inglés, italiano ou portugués).
  5. Unha materia de modalidade de 2º curso do bacharelato.

 

Fase específica: de carácter voluntario, ten por obxecto a avaliación dos coñecementos e a capacidade de razoamento nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos que se pretende cursar e permite mellorar a cualificación obtida na Fase xeral.

Na Fase específica cada estudante poderá examinarse dun máximo de 4 materias de entre as de modalidade do 2º curso de bacharelato, que deberán ser distintas da materia de modalidade elixida para o 5º exercicio da Fase xeral.

Sistema de cualificación e nota de admisión:

a) Cada un dos exercicios da Fase xeral será cualificado de 0 a 10 puntos, con dúas cifras decimais. A cualificación da Fase xeral será a media aritmética das cualificacións de todos os exercicios, expresada de forma numérica de 0 a 10 puntos, con tres cifras decimais.

b) Cada unha das materias das que se examine o estudante na Fase específica será cualificada de 0 a 10 puntos, con dúas cifras decimais. Considerarase superada a materia cando se obteña unha cualificación igual ou superior a 5 puntos. Para os efectos do acceso á universidade, a cualificación das materias da Fase específica terá validez durante os dous cursos académicos seguintes á súa superación.

c) Superación da PAU: considerarase superada a Proba de Acceso á Universidade cando o estudante obtivese unha nota igual ou superior a 5 (≥ 5) puntos como resultado da media poderada do 60% da nota media do bacharelato e o 40% da cualificación da Fase xeral, e sempre que obtivese un mínimo de 4 puntos na cualificación da Fase xeral.

Nota de admisión

Nota de admisión = 0,60*NMB + 0,4*CFG + a*M1 + b*M2

NMB = nota media do Bacharelato.

CFG = cualificación da Fase xeral.

M1, M2 = as dúas materias superadas da Fase específica con mellor cualificación.

a, b = parámetros de ponderación das materias da Fase específica.

A nota de de admisión incorporará as cualificacións das materias superadas da Fase específica, sempre que estas materias estean adscritas á Rama de Coñecemento do título ao que se queira ser admitido.

Os parámetros de ponderación ("a" ou "b") das materias da fase específica serán os aprobados polas universidades. Os parámetros de ponderación das tres universidades de Galicia pódense consultar no portal da CIUG.

 

FORMACIÓN PROFESIONAL, ARTES PLÁSTICAS E ENSINOS DEPORTIVOS:

As persoas que estean en posesión dun título de Técnico Superior de Formación Profesional, Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño, Técnico Deportivo Superior, ou títulos equivalentes, poderán acceder directamente a calquera ensino universitario de grao.

Para a admisión aos ensinos universitarios oficiais de grao no que o núm. de solicitudes sexa superior ao de prazas ofertadas, as universidades utilizarán para a adxudicación das prazas a nota de admisión que coincidirá coa nota media do ciclo formativo.

Nota de admisión

Nota de admisión = NMC

NMC = nota media do ciclo formativo, suma das cualificacións numéricas dos módulos (de 1 a 10, sen decimais) dividida polo núm. total de módulos. Non serán computados os módulos de FCT e os que fosen obxecto de validación.

As persoas que desexen mellorar a nota de admisión deberán presentarse á Fase específica da PAU:

Nota de admisión (mellorada)

Nota de admisión = NMC + a*M1 + b*M2

NMC = nota media do ciclo formativo.

M1, M2 = as dúas mellores cualificacións das materias superadas da Fase específica.

a, b = parámetros de ponderación das materias da Fase específica.

PROBA DE ACCESO PARA MAIORES DE 25 ANOS:

A Universidade convoca unha vez ao ano unha proba de acceso para aquelas persoas que teñen máis de 25 anos (ou os cumpren antes do 1 de outubro do ano de realización da proba) e non posúen o título de Bacharelato. A proba ten unha fase xeral e unha fase específica, estruturada en 5 opcións. Poderase acceder ás titulacións vinculadas á opción elixida na proba. Ademais tes que saber que:

  • cada universidade, ou distrito universitario (adoita coincidir coas CC.AA.), convoca a súa propia proba, cuxa superación dá acceso preferentemente a cursar os graos impartidos nesa universidade;
  • enténdese superada a proba cando se obtén un mínimo de 5 puntos na cualificación final;
  • as persoas que teñan superada esta proba quedarán exentas da realización da proba de acceso aos ciclos medios e superiores da formación profesional específica;
  • a maioría das universidades soamente convocan os exames. Algunhas ofrecen un curso de preparación para a proba. A UNED ofrece dúas alternativas: matricularse no Curso de acceso para maiores de 25, ou inscribirse na Proba de acceso para maiores de 25 (sen curso preparatorio)

En Galicia, o organismo encargado da convocatoria desta proba é a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) na súa web podes atopar información sobre a última convocatoria, programas, exames anteriores...

ALUMNADO ESTRANXEIRO OU ESPAÑOL CON ESTUDOS VALIDABLES:

A UNED organiza a Proba de Acceso á Universidade (PAU) para os seguintes colectivos:

  • Estudantes procedentes de centros públicos españois situados no estranxeiro.
  • Estudantes de sistemas educativos estranxeiros con estudos homologables ao título de Bacharel español.

ACCESO UNIÓN EUROPEA:

Poden acceder directamente o alumnado procedente de sistemas educativos de estados membros da Unión Europea ou o doutros estados cos que se subscribiron acordos, en réxime de reciprocidade, sempre que cumpran os requisitos académicos esixidos nos seus sistemas educativos para acceder ás súas universidades. Pero antes de inscribirse nas universidades deben solicitar a Credencial de Acceso na UNED.

Naqueles estudos cuxa nota de acceso supere os 10 puntos máximos que pode ter unha credencial, terán que realizar a Fase específica da selectividade para poder obter un máximo de 4 puntos que a universidade de destino encargarase de sumar á nota da credencial.

Volver a menú

Titulacións en Galicia

En Galicia hai dous organismos encargados de regular o relacionado co ensino universitario:

  • A Secretaría Xeral de Universidades pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. É o órgano para a ordenación, planificación e execución das competencias en materia de universidades e ensinos universitarios.

Neste documento " Titulacións universitarias en Galicia " poderás ver que titulacións se imparten aquí e en que campus. Tamén atoparás as que se imparten na UNED (a universidade pública a distancia), que ten varios centros asociados en Galicia.

Volver a menú

Posgrao

Os estudos oficiais de Posgrao teñen como finalidade a especialización do estudante na súa formación académica, profesional ou investigadora. Os Programas Oficiais de Posgrao conducen á obtención dos títulos de Máster e Doutor, axustados aos criterios do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Os Títulos Propios de Posgrao son títulos que as universidades ofrecen, pero que non se atopan no catálogo de títulos oficiais. Esta clase de ensinos pretende satisfacer unha demanda non atendida na súa totalidade ou parcialmente polos títulos oficiais. Os títulos propios de posgrao na maioría das universidades son:

  • Máster (mínimo 60 créditos ECTS e máximo 120 créditos ECTS)
  • Experto ou Especialista (20-40 créditos ECTS)
  • Cursos de formación específica: as universidades poden organizar outro tipo de cursos específicos, que non conducen a un título universitario propio, senón a un diploma ou certificado.

Requisitos de acceso: estar en posesión dun título de graduado, diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto. A dirección do curso poderá propoñer que se establezan requisitos adicionais de formación previa específica nalgunhas disciplinas.

Excepcionalmente, nos cursos de Experto Universitario e de formación específica, pode permitirse o acceso a persoas que, sen ter titulación universitaria, cumpran cos requisitos mínimos de acceso á universidade e, á vez, acheguen un notable grao de experiencia profesional no campo ao que vai dirixido o título en cuestión.

Nas webs das universidades, tanto públicas como privadas, atoparás información sobre a formación de posgrao que che ofrecen.
Aquí tes as ligazóns directas á oferta das 3 universidades galegas:

Títulos propios de Posgrao

Títulos propios de Posgrao

Títulos propios de Posgrao

Volver a menú

Universidades

Molécula

Neste documento ofrecémosche as webs das universidades públicas, privadas e un par de enlaces para buscar universidades por todo o mundo.

O portal web do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ofrécenos:

  • O RUCT, Rexistro de universidades, centros e títulos: que proporciona a información máis relevante sobre as universidades, centros e os títulos que conforman o sistema universitario español, no que constan inscritos os novos títulos de Grao, Máster e Doutoramento oficiais.
  • Enlaces aos Servizos de información de preinscrición universitaria.
  • Que estudar e onde na universidade: aplicación que che permite consultar os estudos oficiais que podes cursar nas universidades e mesmo orientan sobre o número de prazas e “notas de corte”. Podes facer a túa procura por zonas xeográficas, tipo de universidade (pública, privada), rama de coñecemento…

Volver a menú

Non perdas

  • Nocturnia outubro-decembro 2018. Programa de ocio alternativo.

    Cando:

    Dende o 26/10/2018 ata o 15/12/2018

    Inscricións:

    con diferentes prazos de inscrición para cada actividade.

  • Intercambios profesionais Galicia-Norte de Portugal (Proxecto Lidera)

    Cando:

    Dende o 02/12/2018 ata o 07/12/2018

    Inscricións:

    Dende o 07/11/2018 ata o 20/11/2018

  • Obradoiros sobre saúde afectivo-sexual "Tarde Xove"

    Cando:

    Dende o 17/10/2018 ata o 31/01/2019

Actividades

Onde estamos

Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX)

Fórum Metropolitano

  • R/ Río Monelos, s/n, 15006 A Coruña
  • Tel.: 981 184 294
  • Fax: 981 184 295
  • Email: cmix@coruna.es
  • Horario: De luns a venres, de 10 a 14 e de 17 a 20 h. Sábados, de 11 a 14 h.
  • Horario de verán: pechado os sábados.
  • Agosto: De luns a venres, de 09:30 a 14:30 h.
  • Servizo de orientación legal: De luns a xoves, de 17 a 20 h.
  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?