Concello da Coruña

Concello da Coruña

Información Xuvenil

Área de Benestar Social

Sobre a regra

  • PÓDESE PERDER A VIRXINDADE COS TAMPÓNS?

Por ser "virxe" adóitase entender non realizar nunca o coito. Durante moito tempo pensouse que a rotura do hime era proba inequívoca da perda da virxindade. Hoxe, con todo, sábese que non ten por que ser así. O hime é unha membrana que tapa en parte os bordos da abertura vaxinal. O hime pode ter diferentes formas, tamaños e grosores, e ser máis ou menos elástico. Aínda que case todas as mulleres nacen con el, é fácil que o hime sufra pequenos rachos polo bordo con diversas actividades cotiás; ou poida que isto suceda durante a penetración. Así que igual o tes ou igual non. Por iso non vale a pena que te obsesiones co hime, pero consulta as túas dúbidas ou dificultades.

A virxindade mitificouse moito, como se fose o máis importante dunha muller. Hoxe esta mentalidade cambiou (polo menos na maior parte das persoas das sociedades occidentais), e valórase que tamén as mulleres poidan gozar da súa sexualidade dunha forma máis libre, madura e responsable sen estar obsesionadas con manter custe o que custe a súa virxindade, o cal non quere dicir que mantela non sexa unha opción igualmente libre e respectable. Neste tema, como en todos os relacionados coa sexualidade, o que importa é sentirse libre e con seguridade e responsabilidade á hora de tomar decisións e obrar en consecuencia, respectando sempre as opcións dos demais.

  • NON SE PODEN TER RELACIÓNS SEXUAIS DURANTE A REGRA?

Esta idea é totalmente falsa. Claro que se poden ter relacións sexuais tendo a regra! O que pode pasar é que á moza ou á súa parella non lles apeteza. Moitas mozas séntense durante eses días incómodas e ás súas parellas poida que non lles pareza agradable. En cambio, hai mozas que din ter máis desexo sexual durante os días de regra. É unha cuestión de gustos.

Tamén hai que aclarar que facendo o amor coa regra non ten por que collerse ningunha infección (sempre que a parella estea sa). O sangue provén do útero e está limpo de xermes. O fluxo menstrual non é nada sucio, senón máis ben todo o contrario: á fin e ao cabo, o que se expulsa é sangue limpo e a mucosa (endometrio) que servise de "cama" onde implantarse ao óvulo xa fecundado na trompa.

Volver a menú

Sobre a masturbación

  • A MASTURBACIÓN É MALA?

Sobre a masturbación levantáronse moitos mitos, normalmente nacidos da idea de que é algo pecaminoso e sucio. Díxose que a masturbación produce cegueira, esterilidade, que seca o cerebro, que fai que saian grans, que impide o crecemento... Dise que as persoas que se masturban están obsesionadas co sexo ou que "están saídas"... Noutros momentos, en cambio, díxose que a masturbación era moi sa e que todo o mundo tiña que facelo...

En fin, como en case todo, respecto deste tema as cousas non son nin brancas nin negras. Masturbarse non é malo, nin produce ningún deses danos que se lle atribuíron. A masturbación, que consiste en acariñarse os órganos sexuais para obter pracer, non é nada malo nin anormal. De feito, é moi frecuente, sobre todo na adolescencia, e a maioría dos mozos e as mozas aprenden, mediante a masturbación, a experimentar o sexo e a coñecer mellor o seu corpo e as súas reaccións. Neste sentido, pode ser unha práctica moi satisfactoria e interesante. Agora ben, a masturbación está ben se se fai porque apetece, non porque "todo o mundo o fai" ou porque "hai que facelo para ser guay".

Ah! E o das espiñas na cara. Aínda se comenta o de que masturbarse fai que saian máis espiñas. Aclaremos isto: a etapa na que é máis frecuente "facerse pallas" adoita coincidir coa etapa na que saen máis grans: a adolescencia. Pero as responsables últimas das espiñas non son as pallas, senón as hormonas; que tamén veñen ser as culpables do teu maior desexo sexual.

  • AS MOZAS NON SE MASTURBAN?

Outro mito bastante estendido é que as mozas non se masturban, e que as mozas que o fan é que son máis saídas. Isto non é verdade. Tanto os mozos coma as mozas mastúrbanse. Por que se cre entón que a masturbación é cousa de mozos? Posiblemente, porque non sempre estivo ben visto socialmente que as mozas se masturben, e talvez por iso, tradicionalmente falouse menos da masturbación feminina, que se mantiña oculta. Por outra banda as mozas, en xeral, falan menos da súa sexualidade cós mozos. Talvez niso inflúe o feito de que, cando unha moza fala de sexo como o fai un mozo, adoita haber sempre alguén que a chama promiscua ou saída... Aínda que se avanzou moito nas cuestións relacionadas coa sexualidade, aínda queda moito por facer. O ideal sería que tanto mozos como mozas puidesen vivir a súa sexualidade e falar dela (se o desexan) sen temor a críticas.

Volver a menú

Sobre a virxindade e a primeira vez

O tema da virxindade é un pouco complicado. Normalmente enténdese que alguén é virxe cando non realizou nunca o coito vaxinal, é dicir, a relación sexual con penetración do pene na vaxina. Isto pode producir confusións porque, é virxe quen mantivo prácticas sexuais como o sexo oral ou anal, por exemplo, pero non o coito vaxinal? As lesbianas que nunca tiveron unha relación con penetración, son sempre virxes?

Outras veces dise que a virxindade esixe que o hime estea intacto. Segundo isto, a virxindade é só cousa de mozas. Os mozos nunca son virxes. E mesmo respecto das mozas, poden xurdir confusións: se unha moza ten o hime xa un pouco desgarrado polo bordo, aínda que non tivese ningunha relación sexual con penetración vaxinal (por exemplo, por un golpe, ou por ir en bicicleta; aínda que non é corrente), xa non é virxe?

Estes conceptos de virxindade baséanse na crenza de que a relación sexual ten que implicar necesariamente a penetración e na crenza de que a persoa ten máis valor se non ten experiencia sexual. Esta mentalidade cambiou. En realidade, o concepto de virxindade ten pouca importancia hoxe en día. O importante é que a persoa goce da súa sexualidade, e realice en cada momento as prácticas que desexe, con quen desexe realizalas e tomando sempre precaucións para non sufrir. Así que, non te obsesiones co tema da virxindade! Este tema ten a importancia que TI lle queiras dar. E isto quere dicir tamén, naturalmente, que as opcións que pasan por considerar a virxindade como un valor, tamén son respectables, sempre que sexan libremente elixidas e asumidas, e non impostas por terceiros.

  • SÁNGRASE A PRIMEIRA VEZ?

Isto non ten por que ser así. Esta crenza estaba asociada á rotura do hime. Por iso dicíase, tamén, que se a moza non sangra a presunta primeira vez, é que realmente non é virxe. Con todo, o que sangres un pouco ou non depende de como estea o teu hime, da súa rixidez, da súa abertura e de se non se rompeu xa (o hime pode sufrir pequenos rachos no bordo por diversas situacións cotiás). Poida que non sangres nada, ou que sangres un pouco, e isto non quere dicir que non sexas virxe.

  • DOE A PRIMEIRA VEZ?

É unha crenza moi estendida entre as mozas. A dor normalmente vén do medo, o descoñecemento e a falta de información. Se estás tensa e nerviosa, os músculos da vaxina estarán contraídos e poden dificultar a penetración. Canta máis confianza e comodidade sintas coa túa parella, máis relaxada estarás e os músculos da túa vaxina estarán distendidos. Se queres podes usar un lubricante para facilitar a penetración, pero lembra que se non estás tensa, a primeira vez non ten por que ser dolorosa.

Volver a menú

Sobre o pene

  • IMPORTA O TAMAÑO?

Aos mozos, igual que ás mozas, preocúpalles o seu corpo, sobre todo durante a adolescencia. E unha das súas preocupacións máis frecuentes é a relativa ao tamaño do pene.

Importa o tamaño? É algo bastante subxectivo. O tamaño "normal" dun pene erecto pode variar entre 10 e 25 cms; a maioría están entre 12 e 17. O tamaño non afecta en absoluto á función sexual. Hai que ter en conta que a máxima sensibilidade da muller atópase no clítoris, e este non está dentro da vaxina, senón fóra. E xa dentro da vaxina, a máxima sensibilidade atópase no primeiro terzo desta, na que se atopan a maior parte das terminacións nerviosas.

  • PODE SER SATISFACTORIA UNHA RELACIÓN SEXUAL SEN PENETRACIÓN?

Esta idea é totalmente falsa. Existen multitude de prácticas sexuais que poden levar a cabo unha parella, con total satisfacción para ambos. Normalmente pénsase que o coito vaxinal é a forma normal e completa de manter relacións sexuais, pero hai outras prácticas tanto ou máis pracenteiras. Dáte conta de que ademais dos órganos xenitais hai outras moitas partes do corpo capaces de facernos gozar: peitos, orellas, pel en xeral... son zonas moi sensibles; só hai que descubrilas. A sexualidade é o territorio da imaxinación e da liberdade, e todo o corpo pode servir para gozar e comunicarte coa túa parella. Mesmo se a motivación que leva ao sexo é só a procreación, a relación sexual non ten por que ser menos pracenteira.

Volver a menú

Sobre o sexo, homes e mulleres

  • TEÑEN OS HOMES MÁIS DESEXO SEXUAL CÁS MULLERES?

Esta idea, totalmente falsa, responde a un estereotipo aínda non de todo superado, que ve o home que mantén moitas relacións sexuais como un "machote", mentres que a moza que fai o mesmo considérana unha "golfa". Iso aínda coarta moito ás mozas á hora de tomar a iniciativa nas relacións amorosas ou sexuais, e tamén fai que se corten bastante máis que os mozos á hora de falar dos seus desexos ou das súas experiencias sexuais. A sociedade aínda se sorprende das mulleres que se atreven a manifestar de forma aberta o seu desexo sexual. Con todo, o que as mulleres non expresen abertamente o desexo non quere dicir que non o teñan na mesma medida e coa mesma intensidade que os homes.

Por outra banda, este mito tamén é mentira polo que se refire aos mozos. A idea de que os homes "sempre teñen gana" é falsa. Aos homes, como ás mulleres, se non lles gusta unha persoa, non lles vai apetecer ter relacións con ela. O que pasa é que os mozos son moito máis abertos á hora de falar da súa sexualidade, e alardean moito das súas relacións sexuais, polo que ás veces pode parecer que non pensan noutra cousa e que "lles vale calquera". O certo é que o que queren todas as persoas, homes ou mulleres, é ter relacións sexuais con quen realmente os/as atrae, con alguén que lles interesa (para uns abonda con que ese interese dure un instante; para outros, ten que manterse e dar lugar a unha relación máis ou menos consolidada).

  • OS HOMES QUEREN SEXO E AS MULLERES, AMOR?

Esta idea tamén ten un transfondo cultural, o mesmo que vimos a propósito do mito anterior. O certo é que as relacións sexuais pódense ter con amor ou sen el, dá igual que sexas mozo ou moza. O importante é ter claro o que se desexa realmente, e respectar sempre as opcións dos demais.

Ás veces, sobre todo na adolescencia, é frecuente deixarse levar polas opinións dos demais, ou polas modas ou o que se considera "guay", e fanse cousas que en realidade non apetecen. Iso, ao final, provoca arrepentimentos. Nas cuestións sexuais (como en case todos os temas) hai que ser capaces de reflexionar sobre o que realmente queremos, autoafirmarnos no que sentimos de verdade e non deixarnos levar pola corrente.

Volver a menú

Sobre os anticonceptivos

  • SOBRE "FÓRMULAS MÁXICAS" PARA NON QUEDAR EMBARAZADA

Seguro que oíches unha chea de trucos para non quedar embarazada, cada cal máis orixinal ou disparatado:

  • Non podes quedar embarazada a primeira vez.
  • Non podes quedar embarazada na piscina.
  • Non quedas embarazada se despois de facelo lavas os xenitais.
  • Non quedas embarazada facéndoo de pé.
  • Etc., etc., etc.

Todos estes trucos son, naturalmente, falsos: podes quedar embarazada desde a primeira relación sexual con penetración vaxinal; podes quedar embarazada na piscina (e na cama, e no baño, e no coche, e no campo, e na disco); cousa distinta é que vaias quedar embarazada nunha piscina na que alguén exaculase, o cal é imposible. Lavarse, lamentablemente, non serve de nada (salvo a efectos hixiénicos, claro), porque unha vez que o seme entrou na vaxina, abonda con que un só espermatozoide chegue ao colo do útero para que poida haber embarazo, e isto non o podes evitar con só un lavado. E "facéndoo" de pé hai igual posibilidade de embarazo (por moito que poida pensarse que a forza de gravidade pode axudarnos a evitalo).

  • SOBRE O QUE PODE PRODUCIR UN EMBARAZO E O QUE NON

Talvez oíses nalgunha ocasión que existe a posibilidade de quedar embarazada practicando o sexo oral, sobre todo se tragas o seme. Isto é completamente falso. O sexo oral pode resultar máis ou menos apetecible ou agradable, pero o que é indiscutible é que non produce ningún risco de embarazo, porque non hai ningunha conexión entre o estómago e o útero. Ao útero só se chega pola vaxina. Iso si, o sexo oral é unha vía de transmisión do VIH/sida e doutras ETS. Lémbrao.

Outro rumor que podes oír é que cabe a posibilidade de embarazo sen penetración. Isto si que pode ser certo, aínda que é moi, moi improbable. Pensa que se cae seme preto da entrada da vaxina, o fluxo vaxinal pódelles axudar aos espermatozoides a subir cara ao útero. Polo tanto, hai que intentar evitar a exaculación sobre a vulva, porque ten risco de embarazo.

  • SOBRE OS EFECTOS DA PÍLULA

Sobre os efectos da pílula (e, en xeral, os anticonceptivos hormonais) cóntanse moitas cousas: que engorda moito; que ten uns efectos secundarios tremendos; que ao tomala diminúe o desexo sexual; que provoca esterilidade etc. En todo isto hai unha parte de realidade, e outra parte de ficción. É verdade que a anticoncepción hormonal pode ter efectos secundarios; algúns son prexudiciais, e outros beneficiosos. Pero tamén hai moitas crenzas completamente falsas sobre a anticoncepción hormonal, como as seguintes:

  • Non é efectiva ao comezo e na semana de descanso.
  • Hai que descansar despois dun tempo tomando anticoncepción hormonal.
  • Hai que estar un tempo sen anticoncepción hormonal antes de buscar un embarazo.
  • Provoca malformacións fetais.
  • Aumenta a fertilidade e a posibilidade de embarazo de xemelgos.
  • Provoca aumento de peso e varices.
  • Cada muller ten indicada unha pílula.
  • É necesaria unha analítica para comezar coa anticoncepción hormonal.

Nada disto é certo, así que, tranquila! E se queres saber cales son os verdadeiros efectos secundarios da anticoncepción hormonal, consulta o apartado desta web dedicado a este tipo de anticonceptivo.

Volver a menú

Sobre o preservativo

  • O CONDÓN MASCULINO "CORTA O TEMA"

Esta é unha crenza moi estendida, que pode ser verdadeira pero non ten por que selo. Vexamos: poñer o preservativo pode romper o curso normal da relación sexual, pero tamén pode converterse, se se lle bota imaxinación, en parte do xogo sexual: por exemplo, se o poñedes entre os dous, ou se ao mozo llo pon a súa parella. Ademais, pódense usar preservativos divertidos: de cores, sabores etc.

  • CO PRESERVATIVO MASCULINO NON SE SENTE NADA

É certo que o uso de preservativo pode facer que o mozo perda algo de sensibilidade, pero non moita. E as vantaxes que ofrece (prevención de SIDA e outras ETS, eficaz protección contra embarazos non desexados) compensan con fartura. Por outra banda, lembra que hai diversos modelos e marcas no mercado, e que unhas poden asegurar máis sensibilidade que outras.

Volver a menú

Sobre a SIDA e outras ETS

  • A SIDA NON É COUSA DE DROGADICTOS E HOMOSEXUAIS?

Hoxe, por sorte, son moi poucos os que pensan xa isto. A SIDA pode afectar a calquera persoa que non tome precaucións á hora de evitar a transmisión. Non é cousa dun colectivo concreto (os homosexuais, os drogadictos, os promiscuos, como se di ás veces). A SIDA pode afectar a calquera, sen distinción de raza, orientación sexual ou número de relacións sexuais que manteña. Basta con realizar unha soa práctica ou contacto de risco, do tipo que sexa, para que poidas contaxiarte coa SIDA. E lembra que as prácticas de risco son todas aquelas que te poñan en contacto co sangue, o seme ou os fluídos vaxinais de persoas infectadas, ou de persoas descoñecidas para ti. É certo que unha das prácticas de maior risco é o uso compartido de xiringas por parte dos adictos a drogas inxectables. Pero as relacións sexuais sen protección son outra das prácticas de maior risco, e son moito máis frecuentes.

Por outra banda, a idea de que os homosexuais son un colectivo especialmente afectado pola SIDA non é totalmente certa. A razón de que se estendese talvez veña de que sempre se pensou que o sexo anal é a práctica máis habitual entre eles, e é certo que o sexo anal é unha práctica de alto risco para a transmisión da SIDA debida a que a fraxilidade da mucosa do ano favorece o contacto cos fluídos da parella. Con todo, o colectivo homosexual, en xeral, é un dos máis concienciados fronte a esta enfermidade, e non é hoxe en día o primeiro grupo en número de casos por infección por VIH/SIDA.

Volver a menú

Sobre a orientación sexual

  • OS BISEXUAIS... SON MÁIS PROMISCUOS?

Está bastante estendida a asociación entre bisexualidade e promiscuidade, pero isto non responde á realidade. O que alguén sexa bisexual non quere dicir que teña moitas relacións sexuais; simplemente, quere dicir que as terá con quen lle guste, que no seu caso poden ser mozos ou mozas, pero non todos os que se lle "poñan a tiro". Igual que ás persoas heterosexuais non lles gustan todas as persoas do outro sexo, nin a alguén homosexual lle interesan todas as persoas do seu mesmo sexo, aos bisexuais non lles gusta calquera que atope pola rúa. Poida que teñan máis onde elixir, pero nada máis. Pode haber bisexuais promiscuos e bisexuais moi castos, igual que pode suceder cos homosexuais e os heterosexuais.

  • PÓDESE DEIXAR DE SER HOMOSEXUAL SE SE PON MOITA FORZA DE VONTADE?

Se alguén ten a seguridade de ser homosexual, non pode cambialo ao seu antollo. A orientación sexual non se elixe nin se cambia por unha decisión consciente, e a homosexualidade non é unha enfermidade. Pódese recibir axuda psicolóxica, pero non para cambialo, senón para aprender a aceptalo. Non hai ningún tratamento efectivo contra a homosexualidade, porque non é ningún trastorno mental nin psicolóxico. Outra cousa é que, con vontade, se poida non manter relacións sexuais; isto pódeo conseguir unha persoa homosexual co mesmo éxito que alguén heterosexual, se o propón. Pero con isto non cambiará a súa orientación: a atracción por persoas do mesmo sexo manterase, aínda que non se materialice en ningún contacto sexual.

Isto non quere dicir que a orientación sexual non poida cambiar ao longo da vida; isto si pode ocorrer, por diversas circunstancias, pero non por unha elección do tipo "mañá déixoo".

  • OS HOMOSEXUAIS SON EFEMINADOS E AS LESBIANAS, MARIMACHOS?

Esta é unha idea moi estendida e totalmente errónea. As persoas homosexuais non desexan cambiar de sexo. Esta idea vén de que se adoita confundir homosexualidade con transexualidade, cando son dúas cousas totalmente distintas. Ser homosexual é unha opción, unha orientación sexual e isto non ten nada que ver coa identidade sexual. Un mozo pode estar moi contento no seu corpo de mozo, non ser nada efeminado e, con todo, sentirse atraído só por outros mozos; e unha moza pode ser tremendamente feminina e, con todo, sentirse atraída por outras mozas. A transexualidade, en cambio, implica a identidade sexual, ao recoñecerse como home ou muller.

Volver a menú

Sobre o orgasmo

  • SEN ORGASMO NON HAI SATISFACCIÓN SEXUAL?

Non se pode negar que os orgasmos son fantásticos, pero talvez se lles dea demasiada importancia. Se chegar ao orgasmo se converte na única razón da actividade sexual, poida que se bote a perder o goce do sexo. Non hai que obsesionarse; non debe haber ningunha presión por chegar ao orgasmo; o sexo pode ser divertido sen el. Non alcanzalo non significa o fracaso da parella desde un punto de vista sexual, nin moito menos afectivo.

Por outra banda, a resposta sexual pode cambiar cos anos. Moitas mulleres non teñen orgasmos ata os vinte e tantos ou os trinta, xa sexa porque o seu corpo non está preparado, ou porque non saben como chegar a eles. A maioría das mulleres vaise sentindo cada vez máis cómoda coa súa sexualidade e é relativamente frecuente que a muller vaia tendo máis orgasmos cos anos. Os orgasmos requiren confianza, sentirse cómoda, e un pouco de práctica.

  • AS RELACIÓNS SEXUAIS SEN PENETRACIÓN NON SON TAN PRACENTEIRAS, VERDADE?

Isto é falso. En primeiro lugar, porque para as mulleres, o principal centro de pracer é o clítoris, que se atopa a uns 2 ou 3 cms. da vagina, ao bordo da vulva. O orgasmo conséguese con máis facilidade tocando e estimulando o clítoris. Con todo, os métodos e preferencias de estimulación clitoridiana varían: a unhas gústalles o contacto directo; outras o atopan incómodo. O coito vaginal non presta moita atención ao clítoris, por iso só unha pequena porcentaxe das mulleres chega ao orgasmo exclusivamente mediante o coito vaxinal. A estimulación da zona do clítoris pola muller ou a súa parella durante o coito vaxinal pode conducir ao orgasmo. Tamén se pode conseguir mediante o sexo oral e a estimulación manual. Hai xente que considera estas prácticas como xogos preliminares, pero se se alcanza o orgasmo poden ser o acto principal.

Todo isto non quere dicir que para as mulleres o coito vaxinal non sexa pracenteiro e divertido; adoita selo, mesmo aínda que non se chegue ao orgasmo. Hai diferentes posturas que poden facer máis fácil alcanzalo, e algunhas ata permiten a estimulación directa do clítoris (por exemplo, cando o home está debaixo ou detrás da muller, ambos teñen máis acceso ao clítoris e é máis fácil estimulalo manualmente).

Por outra banda, o coito vaxinal é, para moitas persoas, o maior acto de amor entre un home e unha muller, e a unión máis íntima entre dúas persoas.

  • QUE É ISO DO ORGASMO MÚLTIPLE?

Normalmente, despois do orgasmo, o corpo queda satisfeito e entra na fase de resolución, na que todo regresa ao estado anterior á excitación. O clítoris quere "descansar" e adoita estar demasiado sensible para máis estimulación, e aos mozos pásalles algo similar, xa que entran no chamado "período refractario", durante o cal non poden ter outro orgasmo.

Con todo, hai mulleres que poden manter un alto grao de excitación mesmo despois do orgasmo, e elevalo ata chegar a outro clímax (e mesmo a outro, e a outro máis). Para a maioría, con todo, un orgasmo cada vez é suficiente, e case todas as mulleres son perfectamente felices sen sentir nunca o famoso orgasmo múltiple.

  • QUE PASA CO PUNTO G?

Seguramente oíches falar do "Punto G". Intentaremos darche algúns datos sobre el:

A maior parte das mulleres alcanzan o orgasmo coa estimulación do clítoris. Con todo, algunhas mulleres alcánzano por medio da estimulación vaxinal. Algunhas partes da vaxina son máis sensibles e pódense estimular mediante o coito ou por outros métodos. Normalmente, os primeiros centímetros da vaxina teñen máis terminacións nerviosas que a parte interna. A parede anterior da vaxina tamén parece ser máis sensible que a posterior, talvez por estar máis preto do clítoris e por algo que se coñece como "Punto G". A maioría das mulleres descobre a súa propia sensibilidade experimentando ela mesma ou coa súa parella.

O "Punto G" chámase así en recordo de Ernest Grafenberg, un médico alemán ao que se lle atribúe descubrilo en 1950. En certos aspectos, continúa sendo un misterio. O que se sabe é que hai un lugar na vaxina (dalgunhas mulleres) que pode proporcionar un gran pracer sexual. Hai mulleres que din telo, outras que o buscan e non o atopan, e hai xente (mesmo médicos) que opinan que non existe.

Non é fácil que o atopes nas ilustracións de anatomía, pero está máis ou menos a uns 5 cms. no interior da vaxina, tras o óso púbico e xunto á uretra. Din que, cando non está estimulado, é do tamaño dunha moeda pequena. A pesar de ser unha zona e non un órgano, cando se estimula crece, igual que os órganos sexuais.

  • EXACULAN AS MULLERES?

Todos sabemos que os homes exaculan, liberando un fluído -o seme- durante o orgasmo. Hai algunhas mulleres que tamén chegaron a exacular a través da estimulación do Punto G, pero non se sabe con claridade a composición da exaculación feminina.

Volver a menú

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión