Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de xuño de 2017

A Coruña acolle durante todo xuño actividades con motivo do Orgullo LGTBQI, “na aposta por dar visibilidade e voz ás diversidades que historicamente foron silenciadas”

A concelleira de Igualdade e Diversidade e o titular de Culturas presentaron a programación específica para este mes, que foi consensuada cos colectivos LGTBQI da cidade mediante un proceso participativo. Ademais da Festa polos Dereitos, que se celebrará o sábado 17 de xuño, haberá mesas redondas na Casares Quiroga, un ciclo de cine, actividades específicas nas bibliotecas municipais e descontos en librarías da cidade

Durante todo este mes de xuño a cidade da Coruña encherase de actividades e accións que teñen como principal obxectivo reivindicar os dereitos e visibilizar ao colectivo LGTBQI. Baixo o lema Vive a túa Cor. Sexualidades Diversas, Identidades Libres, o Concello, a través do departamento de Igualdade e Diversidade, en colaboración co de Culturas,  programará distintas accións ao longo de toda a cidade e en distintos escenarios. En rolda de prensa, a titular desta concellería, Rocío Fraga, destacou que a programación "foi totalmente consensuada cos colectivos LGTBQI da cidade por medio dun proceso participativo".  "A nosa intención en todo momento foi que as propias persoas que integran os colectivos e os movementos sociais a prol das diversidades puideran escoller as accións a desenvolver. Eles máis que ninguén son conscientes da necesidade de visibilización, polo que cremos que tampouco había persoas mellores á hora de escoller e programar as actividades", indicou Fraga. En concreto, o proceso participativo de definición dos actos con motivo do Día do Orgullo contou con colectivos como 7 Cores, Alas Coruña ou a Marea LGBTI+. "Tamén temos que destacar a cooperación de outras asociacións como Casco, Agasex ou Quérote que estarán presentes nas carpas que se montarán o sábado 17 de xuño no Campo da Leña, con motivos da festa polos dereitos LGTBQI", dixo a concelleira.

"Historicamente, esta cidade contou sempre con colectivos e persoas vinculadas aos movementos sociais que loitaron de forma incansable para ser un referente na visibilización e defensa dos dereitos LGTBQI. Non obstante, tamén historicamente, esa loita non tivo a súa correspondencia nas institucións públicas. Hoxe podemos dicir que isto cambiou. Este Concello é plenamente consciente dos desafíos dunha sociedade plural e repleta de diversidades. A nosa obriga e encomenda é facer desta unha cidade máis igualitaria e máis xusta polo que entendemos como fundamental organizar todo un mes de actividades ligadas ao Orgullo. Estamos dando voz e poñendo o foco sobre colectivos que historicamente foron silenciados neste país, tanto en períodos de represión como na propia etapa democrática", comentou a concelleira de Igualdade e Diversidade.

Programación

Se ben o acto central dos actos con motivo do Día do Orgullo LGTBQI terá lugar o sábado 17 de xuño cunha festa no Campo da Leña que comezará as 20.00 horas e que contará con actuacións musicais e postos informativos, os actos terán lugar ao longo de todo o mes. Os mércores 7, 14 e 21 de xuño a Casa Museo Casares Quiroga acollerá, a partir das 19.00 horas, distintas mesas redondas sobre os Dereitos e Visibilidades LGTBQI. Ademais, durante todo o mes de xuño o Fórum Metropolitano acollerá o ciclo de cine LGTBQI Outras Miradas. O sábado 24 de xuño o Campo da Leña acollerá de novo unha actividade relacionada co Orgullo, como é o caso dunha mostra do alumnado dos obradoiros de Tango Queer, Voguing e Pole Dance. Como todos os anos, organizado polos colectivos LGTBQI da cidade, tamén terá lugar, o propio día 28 de xuño, ás 20.00 horas, no Obelisco, a manifestación polos dereitos LGTBQI.

De forma paralela, e entre outras actividades, o Concello presentará a súa Guía Turística Municipal LGTBQI, o concurso de fotografía Vive o teu Orgullo (con bases que publicarán na web municipal de Igualdade). Tamén, ao longo de todo o mes, as Bibliotecas Municipais contarán cunha programación especial LGTBQI, e 14 librarías da cidade tamén promocionarán con descontos obras relativas á temática do orgullo.

Culturas

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, destacou o apoio do seu departamento a estas actividades organizadas desde Igualdade. Así, destacou a posta en marcha no Fórum Metropolitano "dun ciclo especial que terá lugar na sala Marilyn Monroe e que contará con diversas charlas coloquio". "Contamos ademais con títulos especialmente aclamados como Ander, de Roberto Castón, Inside the chinese closet, documental sobre a homosexualidade na sociedade chinesa, ou Kuchu, documental sobre o colectivo LGTB en Uganda", explicou. Na mesma liña, Sande destacou o traballo posto en marcha polas Bibliotecas municipais con sesións de lecturas, ademais da edición dunha guía temática LGTBQI das bibliotecas municipais.

As bases do Orgullo

Fraga amosouse especialmente "satisfeita" por toda a programación para este ano "elaborada de forma conxunta cos colectivos LGTBQI". "A estas entidades, coas que xa tiñamos contactado a través dun proceso de diálogo aberto dentro do Espazo Municipal das Diversidades, se lles pediu a súa colaboración para facer unha programación e se lles deu unha serie de marxes de actuación, como era non excederse do orzamento acordado e acadar unha perspectiva intersecional", explicou. "O que queriamos neste Orgullo e que se tiveran en conta as diversidades que existen dentro das propias diversidades, xa que dentro do colectivo LGTBQI existe unha gran pluralidade", salientou a concelleira, que tamén manifestou que as accións que finalmente se levaron a cabo "foron aquelas que acadaron o máximo consenso, quedando o resto cargadas no caixón para, con traballo, ver se se poden desenvolver ao longo do ano". Así, destacou por exemplo a mesa redonda que terá lugar o 14 de xuño na Casares Quiroga sobre "Asilo e refuxio LGTBQI" que analiza a situación das persoas pertencentes a colectivos de diversidade sexual e que son, ademais, persoas migrantes.

Por outro lado, Fraga salientou que a bandeira tricolor estará presente o día 28 de xuño, Día Internacional polos Dereitos LGTBQI en diversos espazos da cidade, entre os que destaca a fachada do Concello. "É un acto simbólico moi importante xa que visibiliza o respecto e o compromiso da Coruña coa diversidade sexual e as diferentes identidades", explicou.

Documentos:

Actividades durante todo xuño con motivo do Orgullo (920 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión