Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de abril de 2019

A Coruña acollerá no mes de maio a segunda edición do festival RESIS, que pretende crear na cidade unha plataforma estable de estrea e difusión de música contemporánea

O concelleiro José Manuel Sande presentou a iniciativa, que ofrecerá seis estreas absolutas en diferentes espazos do termo municipal

A segunda edición do Festival de Música Contemporánea e Artes Relacionadas RESIS celebrarase no mes de maio. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación da programación da cita, que pretende, entre outros obxectivos, difundir a creación de vangarda galega a nivel internacional. Tal e como apuntou o concelleiro, a proposta, "unha iniciativa cativadora e singular que resultou un éxito de público na súa primeira edición", propón crear na Coruña "unha plataforma estable de estrea e difusión da música contemporánea que apoie e difunda o traballo de creación de compositores e intérpretes". "RESIS supón un punto de encontro próximo e aberto entre creadoras, creadores e público, un espazo no que converxe a música e que se caracteriza pola sublimación da creación de vangarda, a interdisciplinariedade artística, a capacidade de proveito de espazos de carácter histórico e a incorporación de novas miradas", expuxo Sande, quen estivo acompañado na rolda de prensa por Ramón Otero, director do festival.

A programación, "que velará polo cumprimento da igualdade efectiva entre homes e mulleres coa programación de obras de compositoras", segundo salientou o edil de Culturas, desenvolverase entre o 3 de maio e o 1 de xuño en diferentes espazos do termo municipal, como Domus, Fundación Luís Seoane, Igrexa das Capuchiñas, NORMAL, Museo de Belas Artes ou Paraninfo da UDC, "co obxectivo de xerar diálogo coa cidade e poñer en valor o seu patrimonio cultural", aseverou Ramón Otero, quen advertiu de que, nesta segunda edición, a asociación AÏS, impulsora de RESIS, "pretende consolidar e dar maior estabilidade" á iniciativa.

Así, o festival incorpora un proxecto educativo da man dos Conservatorios Superiores de Música da Coruña e Vigo, que inclúen o encontro entre artistas e estudantes, ademais de clases maxistrais. "Un dos obxectivos fundamentais de RESIS é o apoio ao talento e á mocidade. Nesta ocasión convidaremos a oito novos e novas intérpretes estatais, con formación e carreira profesional no ámbito internacional, pero ademais, mediante un proxecto educativo de escoita activa que estamos a desenvolver esta primavera, seleccionaremos unha obra do alumnado de Composición dos conservatorios superiores galegos para a súa estrea no RESIS do ano 2020", explicou Otero durante a presentación.  

Outra das novidades desta segunda edición será a de favorecer as correspondencias artísticas entre creadoras e creadores de diversas disciplinas con novas propostas, e que dará lugar á unión de gastronomía --coa participación dos cociñeiros Xoán Crujeiras, Luis Veira e Álvaro Victoriano-- coas artes sonoras.

Para máis información sobre a programación do Festival de Música Contemporánea A Coruña RESIS, pódese consultar o espazo web www.resisfestival.com.

Documentos:

Programación RESIS 2019 (219 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión