Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de agosto de 2018

A Coruña encara a segunda metade das Festas de María Pita, marcadas por unha oferta escénica e familiar no espazo público, descentralizada coas celebracións nos barrios

O concelleiro de Culturas salienta ademais as actuacións da Orquestra Sinfónica e a Banda Municipal, así como a Romaría de Santa Margarida

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, fixo este domingo balance da primeira metade das Festas de María Pita 2018, que estiveron marcadas pola "grande afluencia de público a eventos tradicionais, como a Feira do Libro, así como das distintas actuacións musicais que tiveron lugar tanto na praza de María Pita, como en espazos emblemáticos da cidade e a praia co Festival Noroeste Estrella Galicia (que remata hoxe no Paseo das Pontes) ou co Festival de Folclore Internacional, que pasou polas prazas da Tolerancia e de Pablo Iglesias". "A primeira parte destas festas estivo marcada por unha grande acollida tanto entre a cidadanía da Coruña, como polos e polas visitantes e as xentes da área metropolitana", comentou o concelleiro, quen tamén quixo destacar "o civismo amosado pola veciñanza". Con todo, o edil salientou que as Festas de María Pita continúan até final de mes "cunha segunda parte na que terán especial pulo tanto as festas nos barrios como os espectáculos en espazo público destinados a todos os públicos especialmente, os relacionados coas artes escénicas, o teatro e a danza e as actuacións musicais de gran prestixio, como as da Orquestra Sinfónica de Galicia". O titular de Culturas destacou que "como outros anos, decidimos centrar a terceira semana das festas nas actuacións musicais de alto nivel e virtuosismo, relacionadas coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal".

Así, rematada xa a Feira do Libro, este luns, 13 de agosto, como vén sendo tradicional, comezará a Feira do Libro Antigo, que abrirá ao público en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 22.00 horas e compartirá espazo coa Feira de Artesanía Mostrart até o mércores 15. Pola súa banda, aínda que Viñetas desde o Atlántico tamén deu por rematada esta fin de semana, a Rúa da Banda Deseñada estará aberta ao público todo este domingo e as exposicións manteranse accesibles até o 9 de setembro.

No que atinxe ás actuacións musicais, o titular de Culturas destacou que, "como outros anos, decidimos centrar a terceira semana das festas nas actuacións musicais de alto nivel e virtuosismo, relacionadas coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal". Así, o martes 14, ademais da realización da Batalla Naval,  o Coro Xove da OSG actuará na praza de María Pita, ás 20.30 horas. Nesa mesma liña, o mércores 15, a música regresará á praza das Bárbaras coa Banda Municipal de Música, que actuará ás 19.00 horas da tarde, así como a Aula de Jazz da Escola Municipal de Música, que comezará ás 20.30 horas. O ciclo sinfónico terá a súa continuación o xoves, coa actuación da Orquestra de Cámara Galega (no mesmo escenario, tamén as 20.30 horas) e o sábado 18 coa actuación da Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu coro, de novo, en María Pita, ás 20.30 horas. Este ciclo rematará o domingo, á mesma hora, co concerto da Banda Municipal de Música e a compañía teatral PistaCatro (tamén ás 20.30 horas).

"Nesta segunda parte das Festas de María Pita tamén se manterán as actuacións programadas dentro do Festival de Arraigo, que leva as corais tradicionais a distintos escenarios da cidade", comentou Sande, quen recordou que entidades de gran historia na Coruña como Cantares Gallegos, Asociación Cultural Donaire, Cantigas da Terra, Coral Polifónica Follas Novas, Canticorum, Grupo de Gaitas Xebre, Agrupación Folclórica Os Gaiteiriños, Asociación de Coros e Danzas Eidos e a Tuna de Veteranos da Coruña actúan tanto en Tolerancia como na praza de Pablo Iglesias.

Do mesmo xeito, as festas rematarán tamén cos eventos musicais programados na Romaría de Santa Margarida, que terá lugar a fin de semana do 25 e o 26 de agosto. O sábado está prevista a actuación de Dúbidadúo Trio Band, Os Melidaos, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Tanxugueiras, mentres que o domingo tocaralle a Xacarandaina, un grupo de gaitas e baile participativo, Samarúas e a Orquestra Folc Sondeseu, que actuará con convidados como Xuacu Amieva, Vanesa Muela e Luis Peixoto. Esa xornada, a Banda Municipal de Música tamén realizará unha sesión matinal nos exteriores da Casa das Ciencias.

Artes escénicas e obradoiros medioambientais

A segunda metade das Festas de María Pita 2018 tamén está marcada polas artes escénicas "e a súa democratización, poñéndoas ao alcance de toda a cidadanía no medio do espazo público". Así, dende o día 15 e até a gran gala final do 19 en Santa Margarida será a quenda de Manicómicos que levarán a súa oferta escénica a 10 localizacións distintas da cidade entre Campo da Leña, praza de Azcárraga, As Bárbaras, praza da Constitución, Paseo das Pontes, Mariña, Santa Margarida e Méndez Núñez. Ao mesmo tempo, a oferta escénica e circense compleméntase co mantemento das actividades da programación FamiliRúa, que se adaptarán aos carteis festivos dos barrios con actuacións na Gaiteira, na praza da Pablo Iglesias, no parque de Eirís e en Novo Mesoiro entre os días 15 e 25.

No ámbito dos talleres educativos, e tamén programadas de acordo coa celebración das festas nos barrios, discorrerán os obradoiros medioambientais de Coruña Viva, que se realizarán en horario de mañá e a primeira hora da tarde. O día 15 na Gaiteira, o 17 en Pablo Iglesias, e o 25 en Pedralonga e Novo Mesoiro.

Festas barriais

As Festas de María Pita compleméntanse coas festas propias de distintos barrios da cidade, neste caso as Festas de Oza-Gaiteira-Os Castros (que terán lugar os días 14 e 15 de agosto), as do Castrillón-Urbanización Soto (15, 16 e 17), as de Uxío Carré-Eirís (22), as de Novo Mesoiro (24 e 25 de agosto) e as de Pedralonga (25 de agosto). O concelleiro de Culturas destacou o traballo desenvolvido polo Concello e o seu departamento coas entidades veciñais que concorreron as liñas de axudas habilitadas pola administración local para ofrecer "unha oferta festiva e cultural atractiva e que reflicta as diversidades e especificidades de cada barrio".

No Castrillón, a programación festiva estenderase tres xornadas. Iniciarase o 15 coa tuna de veteranos, o pregón da concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán e o concerto de Los Mecánicos. O día seguinte haberá actividades para os e as nenas, con inchables, ademais de intercambio de libros, a festa da escuma e o concurso de tortillas. Haberá tamén actuacións musicais, adicadas neste caso ao swing, coa realización de obradoiro de baile e a actuación dos Hot Chocolates. O último día, o 17, estará marcado polos obradoiros medioambientais, o de elaboración de marcapáxinas, o de xogos tradicionais, a programación de FamiliRúa, o teatro clásico de Noite Bohemia e a actuación da Orquestra Compostela.

Pola súa banda, en Oza/Gaiteira/Os Castros, o día 14 están previstas as actuacións de Cuarta Xusta e Zenzar, mentres que o 15 haberá obradoiros ambientais, pasarrúas con gaitas e sesión vermú con Los Versionetas e a Caravana de Xogos Infantís, para rematar co cine ao aire libre da Cinecleta.

En Eirís a oferta festiva contará con actividades infantís, inchables e obradoiros mediambientais, ademais das actividades da Asociación Astronómica ÍO, a tradicional 'Festa da Fresa', coa exposición e degustación dos ditos amorodos, así como unha exhibición de actividades deportivas, o torneo de chave e o III torneo de fútbol feminino. Neste caso, tamén haberá actuación enmarcada dentro da programación do FamiliRúa, concerto de música folk e outro de verbena, coa actuación de Los Satélites.

A festas de Pedralonga terán lugar o día 25 con obradoiros ambientais, inchables, actividades escénicas dentro do FamiliRúa, a actuación da Asociación de Coros e Danzas Eidos e a verbena coa Orquesta Chanel.

Pola súa banda, as de Novo Mesoiro (onde, neste caso, o Concello asumiu a programación), o día 24 haberá inchables, a actuación do teatro de Noite Bohemia no Centro Cívico de Novo Mesoiro e os concertos de Exit, Obús e Metal Tribute. Ao día seguinte haberá inchables, a animación musical de Zumbalacazán, obradoiros medio ambientais, actuación de FamiliaRúa e o cinema ao aire libre da Cinecleta.

Batalla Naval

Con respecto da celebración da Batalla Naval, este martes 14, Sande recordou que terá lugar a partir das 23.00 horas. Os fogos partirán da zona das Escravas e Matadoiro e obrigarán, como en pasadas edicións, a restrinxir o tránsito, de vehículos e a pé durante 25 minutos nas rúas Matadoiro, así como en determinados tramos da rúa Cantábrico, Santa Teresa e Adelaida Muro, información que está a ser trasladada á veciñanza.

O evento pirotécnico consistirá nunha sesión de fogos cos que se recrean a entrada e o desembarco das tropas inglesas por vía marítima na cidade en 1589 e a resistencia dos e das coruñesas, até rexeitar a invasión.  O espectáculo durará 20 minutos e contará, coma sempre, cos dous minutos previos de 'tronos de aviso'.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión