Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de abril de 2019

A Xunta de goberno local encarga a Emvsa a prestación dos servizos externalizados na rede de bibliotecas municipais, o que permitirá “mellorar a eficiencia e acometer novos retos futuros, como a súa ampliación”

A encomenda á Empresa Municipal de Vivenda comprende tamén a subrogación das traballadoras e dos traballadores da empresa que até a actualidade xestiona as cinco bibliotecas que están suxeitas a un contrato de prestación de servizos, así como a futura celebración dun proceso selectivo

A Xunta de goberno local, que se celebrará este venres, encargará á Empresa Municipal de Vivenda (Emvsa) a prestación dos servizos da rede de bibliotecas municipais que até o de agora eran dispensados por unha empresa privada nos espazos de Ágora, Fórum Metropolitano, Sagrada Familia, Os Rosais e a biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga. Os servizos de apoio técnico e operativo da rede de bibliotecas muncipais tamén pasarán a ser xestionadas por este ente municipal. Desta forma, o executivo municipal acometerá a demandada internalización de todas as bibliotecas, algo que, segundo sinala o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, "posibilitará reordenar o servizo, contribuíndo á mellora da súa eficiencia e incrementando as prestacións ofrecidas á cidadanía, á vez que se traducirá nun aforro para as arcas municipais". O edil recorda que "os traballos de elaboración do Plan Estratéxico de Bibliotecas referendan que este procedemento permitirá, ademais, acometer novos retos como a apertura de novas bibliotecas de proximidade en Novo Mesoiro e Riazor, así como a creación dunha biblioteca central".

A internalización das bibliotecas que conforman a rede municipal supón tamén o dereito dos e das traballadoras actuais a ser subrogadas nas mesmas condicións salariais, laborais e sociais que tiñan até o momento. Non obstante, e de acordo co informe elaborado pola Asesoría Xurídica Municipal sobre esta encomenda a Emvsa, "a empresa municipal debe levar a cabo, nun marco temporal axeitado, as probas selectivas que resulten necesarias para que os servizos bibliotecarios sexan prestados por empregadas públicas". Este procedemento estará tamén aberto ao persoal subrogado. "O que intentamos en todo momento con este proceso é garantir a estabilidade das condicións laborais á vez que asegurarnos de que se levará a cabo un procedemento selectivo que siga uns criterios de igualdade, mérito e capacidade, e que asegure a cobertura dos postos de traballo necesarios para a prestación dun servizo de calidade", esgrimiu Sande.

A XGL tamén acordará que Emvsa dispoña, anualmente, do crédito preciso para poder levar a cabo esta encarga que ten unha duración inicial de cinco anos, prorrogables. O Concello entregará á empresa pública de vivenda unha cantidade anual de case 2,3 millóns de euros. O titular de Culturas salienta que o proceso de internalización non só servirá para mellorar a calidade do servizo, senón que ademais "suporá un aforro para as arcas municipais de máis de 300.000 euros anuais sobre o crédito reservado para este servizo no proxecto orzamentario para 2019, que ascendía a 2.616.000 euros".

A Xunta de goberno local tamén designará a unha responsable municipal que actuará como interlocutora entre o Concello e Emvsa. O acordo comezará a ser executado o día posterior a súa publicación na Plataforma de Contratación do Estado, que se producirá tras a adaptación dos Estatutos de Emvsa á Lei de contratos, tal e como se recolle no acordo que será aprobado pola XGL.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión