Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de outubro de 2018

Culturas apoia a celebración do II Festival Escena Muller, que dinamizará en novembro a Agra do Orzán visibilizando as creadoras

O vindeiro sábado, día 3, tamén terá lugar unha nova iniciativa do proxecto ‘1+1 Play’, que proporá unha xornada de portas abertas no taller de catro artistas no barrio de Monte Alto

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento impulsa, de cara ao mes de novembro, a segunda edición do Festival Escena Muller, unha iniciativa para visibilizar a mirada feminina sobre as artes e concienciar á veciñanza sobre a necesidade de avanzar cara á igualdade. A proposta, promovida pola Asociación Exempla, forma parte da segunda convocatoria de concorrencia competitiva Cultura de Barrio, que ten como obxectivo favorecer a descentralización da programación cultural na cidade, á vez que apoia o desenvolvemento de iniciativas do tecido asociativo e colectivos informais da Coruña.

O festival desenvolverá a súa programación os xoves e venres do mes de novembro en diferentes espazos socioculturais da Agra do Orzán, como son o local da asociación veciñal do barrio, a libraría Suevia ou a sala Gurugú. Contará con exposicións fotográficas, mostras audiovisuais e espectáculos, nos que participarán as fotógrafas, escritoras, actrices e creadoras audiovisuais das mesmas, coa finalidade de achegar o seu proceso artístico e derivas do mesmo. Así, a iniciativa contará con cinco seccións diferentes: En común, unha charla coloquio na que se procurará a reivindicación da muller como eixe vertebrador da sociedade, das artes e da súa comunicación; Exposición, cunha mostra fotográfica na sala Gurugú; En pantalla, que inclúe, a través dunha sesión monográfica, o visualización de traballos audiovisuais da creadora en cuestión; Escrita, na que se presentarán diferentes propostas literarias, e Escena, coa escenificación de creacións, acompañadas sempre de introducións e debate coas creadoras participantes.  

O Festival Escena Muller 2018 arrincará o xoves 1 de novembro coa inauguración na Sala Gurugú dunha exposición fotográfica da artista muldisciplinar Maribel Valdivieso. De seguido, ás 20.30 horas, proxectarase no mesmo recinto, traballos da actriz e directora Sonia Méndez. O venres 2, ás 21.00 horas, tamén na Sala Gurugú, Estíbaliz Veiga presentará o espectáculo Golpes, interpretado por ela mesma.

Na seguinte semana, o xoves 8 ás 20.00 horas, terá lugar a charla de Clásicas e modernas, un colectivo feminista que abordará a situación das mulleres no ámbito da cultura co obxectivo de promover a reflexión sobre a marxinación e invisibilidade das mesmas. A cita terá lugar no local da AVV Agra do Orzán. Ao día seguinte, venres 9, ás 21.00 horas terá lugar a representación, na Sala Gurugú, do traballo Judy Garland. Alén do Arco da Vella, unha sorte de biopic e presentación de personaxes relevantes na vida da actriz, que interpretará isabel de Toro.

A vindeira cita do FEM 2018 será con Dores Tembrás, na libraría Suevia, o xoves 15 de novembro, ás 20.00 horas. A sesión permitirá dar a coñecer a postura creativa da escritora, quen presentará o seu traballo e as razóns das súas decisións creativas. O venres 16 será a quenda de YIN, un espectáculo de Nekane Fernández de cantos e contos que abordan a aceptación do feminino. A cita, como é habitual, será ás 21.00 horas na sala Gurugú. Finalmente, o festival pecharase o xoves 22, ás 20.00 horas, coa charla Muller e sociedade na sede da asociación veciñal da Agra do Orzán, e o concerto-espectáculo Con 10 poemas por barba de Aldaolado. O recital do dúo conformado por Lucía Aldao e María Lado terá lugar na Gurugú, o día 23, ás 21.00 horas.

Exposición colectiva

Por outra banda, o vindeiro sábado, 3 de novembro, o proxecto 1+1 Play, impulsado pola asociación Sen Ánimo de Nome e que tamén forma parte da convocatoria Cultura de Barrio, terá unha nova cita no barrio de Monte Alto. Tras a posta en marcha este outubro da iniciativa 1+1 Play Mural --que se desenvolve na parede do primeiro depósito de auga na Coruña desde a pasada semana--, a iniciativa propón a xornada Tras a porta do garaxe, unha exposición colectiva efémera, dun só día, de pintura, escultura, collage, instalación e videocreación realizada por Laura Pazos, Antón López Bazarra, Nacho Martínez e Olalla Franco no seu propio taller, situado na rúa Xustiza, 6.

Esta xornada de portas abertas, que comezará ás 18.30 horas e permitirá á veciñanza coñecer a obra no seu lugar de xestación ou abordar coas e cos artistas o seu proceso creativo, incluirá tamén as actuacións musicais, en acústico, de Zapa, ás 20.00 horas, e de Luis Moro, ás 21.00 horas.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión