Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de abril de 2017

Culturas presenta a programación de '1+1 Play. Artistas en microresidencia', proxecto que forma parte de 'Cultura de Barrio', "convocatoria que abre o necesario camiño da concorrencia competitiva"

O concelleiro José Manuel Sande presentou a proposta de actividades da asociación cultural Sen Ánimo de Nome, que se desenvolverán desde esta semana e até o mes de novembro

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a proposta 1+1 Play. Artistas en microresidencia, o programa de actividades creativas e abertas á cidadanía que a asociación Sen Ánimo de Nome desenvolverá, coa colaboración do Concello, desde a primeira fin de semana de abril ata final final de ano cunha periodicidade mensual. A iniciativa, que arrincará este xoves cunha tríade de eventos nos barrios de Monte Alto e Peixería, é un dos 17 proxectos seleccionados na primeira convocatoria do programa de apoio a entidades culturais e colectivos informais Cultura de Barrio, que ten como obxectivo facilitar o deseño e o desenvolvemento da programación do mundo do espectáculo e da cultura nos distintos barrios da cidade para este ano 2017. Sande incidiu na idea que esta convocatoria "abre a programación do Concello á cidadanía, así como o camiño da concorrencia competitiva e a posibilidade de análise obxectiva dos proxectos que se presenten", ademais de fomentar a descentralización da actividade cultural polo termo municipal. "A cartografía final que se dá nesta primeira convocatoria mostra unha distribución axeitada dos proxectos, con moi diversas perspectivas, e cuxas propostas manterán a actividade cultural nos distintos barrios e espazos da cidade ao longo do ano", aseverou o edil.

O programa presentado esta mañá, 1+1 Play. Artistas en microresidencia é unha proposta que que ten como obxectivo ofrecer a artistas estatais e internacionais emerxentes "a oportunidade de desenvolver unha experiencia creativa conxunta, na que poidan compartir as súas propias técnicas e crear sinerxias entre espazos culturais e disciplinas artísticas", segundo expresou o responsable do proxecto, o xestor cultural Fabrizio Rosano. Ao longo de todo o ano, a asociación Sen Ánimo de Nome ten proxectadas numerosas intervencións, nas que haber videoproxeccións, performances, exposicións de artes plásticas ou música electrónica.

Deste xeito, a programación do proxecto Artistas en microresidencia que terá lugar esa fin de semana en distintos espazos da cidade, contará coa participación do polifacético artista granadino Rase Tapándari --que desenvolve o seu traballo a través de disciplinas como slam poetry ou o rap--, e o poeta coruñés Luix Kaf, membro da banda The Fulans. Así, este xoves, 6 de abril, ás 21.30 horas horas, Sen Ánimo de Nome organiza unha jam session de poesía, un recital aberto á participación do público no que participarán tanto Tapándari como Kaf. Ao día seguinte, o venres 7, o Centro Cívico de Monte Alto acollerá, ás 11.00 horas, un obradoiro de poesía na rúa impartido polos dous poetas, que rematará cunha intervención artística nun mural e, finalmente, o sábado 8, o granadino ofrecerá ás 13.30 horas, no mesmo barrio, un concerto acústico no que misturará música e slam poetry.

De cara vindeiras intervencións, Sen Ánimo de Nome organizará eventos como Audio+Visual Play, que terá lugar o 6 de maio e no que misturará espectáculo audiovisual con música electrónica. No mes de xuño, e co gallo do Día Internacional do Medio Ambiente, a asociación promoverá unha xornada que terá como eixe central o cambio climático, a través de charlas, obradoiros creativos, proxeccións de vídeo e actuacións de teatro, música e poesía. Xa no verán, no mes de xullo, celebrarase un Combate poético, no que 16 poetas de Galicia enfrontaranse, dun xeito lúdico, nun ring situado no espazo público, e no que a veciñanza xogará un papel fundamental ao decidir que persoa é a gañadora.

A programación de 1+1 Play regresará no mes de setembro cunha exposición colectiva de arte de pintura e escultura de agrupacións que traballan con crebas --restos de residuos que se atopan nos areais--, como son Mar de Fábula, RetoqueRetro e Marea Baixa. Previamente, a asociación organizará xornadas de limpeza de praias e charlas  de sensibilización para a veciñanza. En outubro continuará a actividade expositiva, cun intercambio cultural no que que as artistas coruñesas Alejandra Martínez, Paula Morales e Julia Aguiar compartirán espazo co creador portugués Fernando Carlos. Finalmente, e xa no mes de novembro, a Sala Plataforma14 do Fórum Metropolitano acollerá unha exhibición de video-instalacións, no que se convidará a artistas emerxentes e afeccionados ás artes visuais a crear vídeos en forma de instalación artística, en particular aqueles que sexan innovadores na comunicación sensorial.

Todas as actividades da iniciativa presentada por Sen Ánimo de Nome, así como todas aquelas que se realicen no marco da convocatoria de Cultura de Barrio, son gratuítas para o público asistente.

Documentos:

Programación abril '1+1 Play. Artistas en microresidencia' (1 MB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión