Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de abril de 2017

Culturas presenta o ciclo de primavera de Poetas Di(n)versos, que comezará o próximo luns 10 de abril no Centro Ágora

O poeta islandés Sjón e o cangués Elías Portela abrirán da primeira sesión da tempada, na que se darán cita voces de Irlanda e México

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá no Pazo de María Pita na presentación das sesións de abril, maio e xuño do ciclo de recitais Poetas Di(n)versos, a cita mensual coa poesía, aberta á cidadanía, que acolle o Centro Ágora desde hai oito anos. O edil destacou a "necesaria aposta" do Goberno local polo sector da literatura e dunha iniciativa "na que participan non só representantes da lírica de Galicia, senón tamén de todo mundo, e que nesta nova tempada achegará voces de Islandia, Irlanda ou México".  Neste sentido, a directora do ciclo, Yolanda Castaño, quen acompañou ao concelleiro na presentación, sinalou que neste trimestre Poetas Di(n)versos "mantén o seu compromiso polas propostas de calidade e de sólida vocación, abrindo os ouvidos a todo o que se escribe no panorama internacional mentres poñemos en valor a produción poética feita en Galicia", e ofrecerá ao público coruñés "grandes voces consagradas, pero tamén as últimas revelacións".

As sesións de primavera comezarán o próximo luns, 10 de abril, cunha proposta na que Islandia será o eixe central, coa asistencia dos poetas Sjón e Elías Portela, ambos residentes no país nórdico. O primeiro deles, considerado unha das plumas máis brillantes de Islandia, "e un dos poucos poetas candidatos as Premios Óscar", explicou Castaño, é tamén autor de parte das letras da cantante Bjork. Pola súa banda, o cangués Portela, cuxo alter-ego islandés é Elías Knorr, "está considerado un dos poetas máis representativos da lírica actual do país boreal", afirmou a directora do ciclo, quen explicou que Portela é tamén o responsable da tradución ao castelán e ao galego da obra de Sjón.

Xa no mes de maio, o día 8,  Irlanda, e en concreto a cidade de Cork, será o fío que unirá ás dúas voces que asistan á cita lírica: Eiléan Ní Chuilleanáin, considerada "unha das máis importantes poetas contemporáneas do seu país", aseverou Castaño, e o poeta de Noia Martín Veiga, director do Centro Irlandés de Estudos Galegos na Universidade de Cor e gañador dos premios Fiz Vergara Vilariño ou Esquío. Finalmente, no mes de xuño, "dúas revelacións da poesía de Galicia e México", aseverou Castaño, "como son Antón Blanco e Gerardo Grande", formarán a parella de autores convidados no último dobre recital da tempada. "Mocidade, agudeza e moita paixón definen dúas obras poéticas que veñen pisando forte", sinalou. Todas as citas de Poetas Di(n)versos, de entrada libre e gratuíta, serán ás 20.30 horas no auditorio do espazo municipal e, como vén sendo habitual, en cada sesión poderán adquirirse exemplares dos libros das e dos poetas participantes.

Museos Científicos

Antes preguntas dos medios de comunicación sobre o servizo de atención ao público dos Museos Científicos Coruñeses, José Manuel Sande detallou os compromisos adquiridos tanto polo Goberno local como pola empresa adxudicataria que xestiona o servizo, que manterá a continuidade do mesmo unha vez remate o contrato público que o rexe --o vindeiro día 14-- e durante o tempo que sexa necesario para a preparación, adxudicación e formalización dun contrato "ponte", de próxima licitación, así como a estabilidade do emprego do cadro de persoal adscrito ao mesmo, mantendo as súas condicións actuais, e a retirada do Expediente de Regulación Temporal de Emprego. "Este acordo, que se levará mañá a Xunta de Goberno local, permitirá tanto a retirada do ERTE como desconvocar a folga anunciada para esta fin de semana e os dos días finais do contrato, os días 13 e 14 de abril", sinalou Sande.

O executivo comprometerase tamén a iniciar o expediente de contratación do contrato transitorio, o que supón o comezo dunha nova licitación, e, ao tempo, á posta en marcha dos traballos preparatorios para a licitación, mediante procedemento aberto, do futuro contrato de atención ao público, "entendendo que, neste contrato histórico, hai elementos susceptibles de perfeccionamento e mellora", especificou o concelleiro,  coa finalidade de formalizar o mesmo "no prazo máis breve posible, de acordo con todos os actores implicados no proceso, e de maneira que se poida convocar neste 2017".

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión