Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de xullo de 2017

Culturas presenta o Ciclo Principal de Outono do Teatro Rosalía, que inclúe a estrea de 'Elisa e Marcela', obra "que ten un episodio relevante da historia da Coruña como protagonista"

José Manuel Sande destaca o aumento de mulleres directoras da nova programación, “na procura dun maior equilibrio de xénero nos escenarios municipais”. Os abonos poderán renovarse desde o luns 17

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a nova programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía Castro para o próximo outono, que se desenvolverá entre os días 22 de setembro e 23 de decembro. O edil, que estivo acompañado polo responsable do recinto, Paulo Rodríguez, salientou o aumento de mulleres na dirección neste programa. "Este outono o Ciclo contará con tres obras dirixidas por mulleres, unha porcentaxe que debemos ter en conta de cara a o acordo que establecemos no mes de marzo con Tempadas de Igualdade, e quen como obxectivo garantir que a programación escénica e artística que se leva a cabo nos recintos municipais teña en conta a perspectiva de xénero e busque un equilibrio entre homes e mulleres na programación", dixo. O titular de Culturas tamén destacou, de entre as 10 obras que se representarán neste marco, a estrea o próximo 14 de outubro de Elisa e Marcela, de Esther Carrodeguas, Gena Baamonde e A Panadaría, "unha obra escrita, dirixida e protagonizada por mulleres, e que presenta un episodio moi relevante e pioneiro na historia desta cidade, como foi a voda de Marcela e Elisa". A este respecto, Sande sinalou a implicación do Concello nesta produción, a través da colaboración coas áreas de Igualdade e de Participación. "Este Goberno entendeu como fundamental apoiar e acompañar o desenvolvemento dunha obra que ten a cidade, e un dos seus fitos referenciais, como protagonista", afirmou o edil.

O Ciclo Principal conta cunha programación "equilibrada en canto a formato, xénero e discurso", segundo aseverou Paulo Rodríguez, e que achegará ao Rosalía "as distintas expresións das artes escénicas actuais que se están a facer nas distintas rexións do Estado". Así, a tempada comezará coa representación, os días 22 e 23 de setembro, de La autora de las meninas, de Ernesto Caballero, unha reflexión irónica sobre a concepción da arte que ten como protagonista a Carmen Machi.

A proposta La velocidad del otoño, de Eric Coble, e que conta con Lola Herrera e Juanjo Artero no reparto, iniciará as representacións do mes o propio 1 de outubro. Dará pasado á revisión de Teatro del Temple do clásico La vida es sueño, de Calderón de la Barca, os días 6 e 7 e, á semana seguinte, o día 14, A Panadería, baixo a dirección de Gena Baamonde, mostrará a súa montaxe Elisa e Marcela. Pechará o mes a proposta Soka, de Mikel Gurrea, un monólogo "que enche todo o escenario", salientou Rodríguez,  e que xira arredor do bullying.

No mes de novembro chegará ao Teatro Rosalía Todo el tiempo del mundo, a nova proposta do dramaturgo Pablo Messiez -- venres 3 e sábado 4--, na que conta a historia de Flores, un zapateiro que cada noite, ao botar o peche do seu negocio, se atopa coas persoas que forman, ou formaron parte, da súa vida;  e Normas para saber vivir na sociedade actual --venres 17 e sábado 18--, na que Ánxeles Cuña dirixe esta montaxe, na que Sarabela Teatro se adentra nunha crítica feroz da sociedade a través da obra de Jean-Luc Lagarce.

Federico García Lorca será o protagonista da primeira representación de decembro. En Lorca, la correspondencia persoal, Gema Matarranz e Alejandro Vera interpretarán ao escritor, "nunha viaxe entre a literatura, a poesía e a vida do autor moi honesta", segundo afirmou o director do Rosalía Castro. Á semana seguinte, a compañía galega Il Maquinario levará a escena a súa nova produción, Resaca, baixo a dirección de Tito Asorey, os días 5 e 6. Finalmente, La ternura, a última obra de Alfredo Sanzol e "unha delicia do teatro barroco", tal e como cualificou a obra Paulo Rodríguez,  pechará a tempada os días 22 e 23 deste mes.

Abonos  e entradas

Como é habitual no Ciclo Principal do Teatro Rosalía Castro, existen dous días de función que dan orixe ás dúas opcións de abono: venres e sábado. O abono, que representa un desconto do 25% sobre o prezo da entrada --que van desde os 6,50 até os 21,50 euros--, inclúe todas as funcións dobres programadas en venres e sábado, e ten un prezo desde os 47,25 euros, até os 103,88 euros, en relación á situación da butaca. Haberá dous espectáculos con tarifa especial, --Elisa e Marcela e La velocidad del otoño-- que non forman parte do abono, pero cuxas entradas poderán ser adquiridas co mesmo e contarán cun 25% de desconto sobre o prezo establecido para esa función de localidade.

O prazo de renovación de abonos comezará o próximo luns, 17 de xullo, e rematará o 1 de setembro. Poderá facerse no despacho de billetes da praza de Ourense de luns a venres --agás  na festividade do 15 de agosto-- en horario de 9.30 a 13.00 horas, e de 16.30 a 19.30 horas. Tamén poderá renovarse a través do servizo de televenda 902 044 226 --de luns a venres de 09.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas, e domingos e festivos de 16.00 a 21.00 horas--.

Cada persoa abonada terá reservada a localidade que ocupou no ciclo na temporada de primavera 2016, coa condición de que manteña o mesmo tipo de abono: V ou S. As persoas interesadas en cambiar de asento, de localidade ou de día, deberán proceder á súa renovación nos días e horarios establecidos, podendo optar só ás localidades non ocupadas por outros abonados. Para acceder ás localidades que deixen libres as abonadas que non renoven, as interesadas deberán acudir ao despacho de billetes  da praza de Ourense o día  4 de setembro.

Os novos abonos poderán formalizarse os días 5 e 6 de setembro, e a venda de entradas para os diferentes espectáculos comezará o 8 de setembro. Como é habitual nos espectáculos municipais, haberá bonificación --dun 20%-- nas entradas para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou posuidoras do Carné Xove.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión