Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de xuño de 2017

O alcalde destaca a aposta do Goberno local "polo tecido creativo" e a proxección da Coruña "como cidade da música" a través do XXXI Festival Noroeste Estrella Galicia, no que participarán máis de 100 artistas

Xulio Ferreiro presentou esta mañá o cartel do evento, que contará con Kaiser Chiefs e The Jesus and Mary Chain no escenario da praia de Riazor “e que servirá como plataforma para bandas locais e galegas”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá a 31ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, a cita musical que se celebrará entre os días 8 e 13 de agosto en distintos espazos da cidade. "O Noroeste é sen dúbida o festival urbano máis importante do Estado e que ten as prazas e as rúas da Coruña como escenario", afirmou o rexedor, quen lembrou que se trata dunha cita na que participarán máis de 100 artistas, e que contará con Kaiser Chiefs e The Jesus and Mary Chain como principais cabezas do cartel, que xa conta coa confirmación de bandas como Surfin' Bichos, Eladio y los Seres Queridos, Rosalía & Refree ou Los Mambo Jambo, "e que se ampliará nas próximas datas". "Este festival é unha aposta pola música, pola cultura e pola proxección estatal e internacional da Coruña como unha cidade de vangarda", destacou Ferreiro, quen aseverou que o evento "é unha cita única para vir e e gozar da música da cidade". "O festival leva tres anos medrando en días, artistas e horas de música ao vivo, o que demostra a aposta esencial deste Goberno pola cultura como mascarón de proa na proxección de cidade, e que afonda na idea da Coruña como cidade da música", sinalou o rexedor, quen engadiu: "Estamos a consolidar un evento que está a ter repercusión en todo o Estado, cada verán atrae novos visitantes e xa é unha cita imprescindible para moitas persoas que se achegan á nosa cidade".

Así, do día 8 ao 13 de agosto, máis de 100 artistas e bandas actuarán na cidade, das que "practicamente a metade son locais ou galegas", destacou o alcalde, que estivo acompañado polo concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento no acto. "Esta iniciativa confirma de novo o compromiso deste Executivo polo tecido creativo local. O Noroeste debe ser unha plataforma que tamén proxecte o talento coruñés e galego", sinalou Ferreiro. Esta asociación co sector cultural materializarase tamén este ano a través da colaboración de cinco axentes locais galegos na confección da programación  do evento, como son Clubtura, Cuac FM, Desconcierto Cultural, Músicos ao Vivo e Nave 1839. Así mesmo, o alcalde, agradeceu a Estrella Galicia --e ao seu marketing manager, Santiago Miguélez, quen tamén participou na presentación--, o apoio da compañía ao evento "para situar o festival como unha cita imprescindible".

A edición de 2017 do Festival Noroeste manterá o seu carácter aberto á cidadanía e desenvolverase en distintos horarios ao longo da xornada, desde a mañá e até a noite, introducindo deste xeito as sesións matinais --nas que participarán artistas e bandas da escena musical independente galega e estatal -- e o nomeado Noroeste+ --sesións con DJ's locais e visitantes nos locais da cidade--, "contribuíndo á dinamización da cidade e do sector hostaleiro durante esta cita, que abrangue novos públicos", lembrou Ferreiro. Como é habitual, durante todo o día o Noroeste celebrarase en numerosos espazos públicos, como son o Campo da Leña, Casa Museo Casares Quiroga, Castelo de San Antón, Fundación Luis Seoane, Paseo das Pontes, Praia de Riazor, as prazas das Bárbaras, Galera, José Sellier e San Nicolás, ou as rúas Torreiro, Capitán Troncoso. Praza das Bárbaras, praza da Galera, entre outros. Ademais, este ano ofrecerá un complemento de pago a través da Selección Noroeste, que terá lugar en dous espazos singulares da cidade e de xestión pública, como son o Teatro Rosalía de Castro e o Teatro Colón, nos que actuarán Swans e Rodrigo Leao, respectivamente. As entradas para estes dous concertos sairán á venda nas próximas datas.

Para coñecer toda a programación e horarios do Festival Noroeste Estrella Galicia 2017, pode visitarse a páxina web www.festivalnoroeste.com.

Documentos:

Cartel do Festival Noroeste Estrella Galicia 2017 (2 MB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión