Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de marzo de 2017

O alcalde presenta a XVI edición da Bienal de Teatro da ONCE, "un evento cultural que visibiliza as diversidades" e que terá na Coruña a súa sede principal

Xulio Ferreiro salienta o compromiso do Goberno local coas iniciativas “que favorezan o acceso á cultura da veciñanza en igualdade de condicións”. O Teatro Rosalía de Castro será o escenario central do festival, que acollerá catro estreas entre o xoves 30 e o domingo 2

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá ante os medios de comunicación a a XVI Bienal de Teatro ONCE, unha iniciativa que se celebrará entre os días 30 de marzo e 2 de abril por toda Galicia e que terá a súa sede na Coruña. "É un pracer colaborar con iniciativas como esta Bienal, que terá no Teatro municipal Rosalía Castro o seu escenario central", explicou Ferreiro, "un evento co que colaboramos en base ao compromiso deste Goberno con actividades culturais que poñan de manifesto e potencien as diversidades". "Este Concello colabora coa Fundación ONCE, e con outras entidades locais, co obxectivo de construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e accesible para xente que posúe diversidades funcionais ou sensoriais", afirmou o primeiro edil. A este respecto, o rexedor lembrou o desenvolvemento por parte do Goberno local de programas como Cultura Accesible e Inclusiva, que puxo en marcha coa Fundación Emalcsa, "para facilitar actuacións conxuntas entre o tecido asociativo do ámbito das diversidades e do mundo cultural e permitir que todas as persoas, en igualdade de condicións, poidan acceder á cultura", ou A Pé de Barrio, que a área de Medio Ambiente promoverá "para mellorar a calidade de vida nos barrios e nos que se conseguirán acadar espazos accesibles".

O alcalde coruñés estivo acompañado na rolda de prensa polo conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o Delegado Territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, o director artístico da Bienal, Esteve Ferrer, a xefa de departamento de promoción cultural de braille da ONCE, María José Sánchez, e a actriz coruñesa do grupo Valacar Yésica Val, quen participou cunha actuación. Durante a presentación deuse a coñecer o cupón do 2 de abril da ONCE, que levará a imaxe da Bienal en máis de 5 millóns e medio de boletos, "o que suporá tamén unha importante promoción para a nosa cidade e o noso país en todo o Estado", destacou Ferreiro.

A sede principal da Bienal, que comezará o 30 de marzo, será o Teatro Rosalía de Castro, que acollerá unha estrea diaria até o domingo, 2 de abril. O festival tamén chegará a distintas localidades de localidades de Galicia, como son Burela, Carballo, Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Ourense, Pontevedra e Vigo. En total, participarán oito compañías de teatro de todo o Estado que inclúen no seu elenco actrices e actores con discapacidade visual, "mostra que a diversidade, non é sinónimo máis que de pluralidade", aseverou Ferreiro. La Luciérnaga (Madrid), La Ruina (Albacete), Muxicas (Ourense), Orozú Teatro (Cádiz), Sa Boira (Baleares), Samaruc (Valencia), Sarau (Barcelona) e Valacar, que é da Coruña, serán os grupos que participen nesta edición.

As entradas desta XVI Bienal de Teatro serán gratuítas e os convites poderán recollerse desde mañá na sede da Fundación ONCE ou, no mesmo día da representación, no Teatro Rosalía Castro. Na Coruña poderán verse as representacións de El manantial, de John Millington Synge, interpretada polo Grupo Sa Boira o día 30, e Arsénico por compaixón, unha adaptación de Tito Asorey sobre o texto de Joseph Kesselring, que levarán ao escenario membros do grupo Muxicas o día 31. Xa na fin de semana, o sábado 1, La Luciérnaga representará Caricias, de Sergi Belbel e, o domingo 2, o grupo Orozú Teatro interpretará En black-Vivir en Negro, de Belén Pérez Daza. Todas as obras comezarán ás 20.30 horas.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión