Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de xuño de 2018

O alcalde, Xulio Ferreiro, destaca que a cooperación entre entidades e administración é un “mecanismo imprescindible para fortalecer o tecido social” do municipio

O Concello colabora coa Fundación María José Jove para a realización dun concerto e dúas exposicións "que contribuirán a facer a cultura máis accesible para toda a veciñanza"

O Pazo da Ópera acollerá o espectáculo gratuíto ‘Concierto para Zapata y Orquesta’ e na sala Salvador de Madariaga exhibiranse obras de arte accesible para persoas cegas. Unha mostra no Parrote repasará os 15 anos de traballo da fundación cunha selección de fotografías

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá dous convenios de colaboración coa presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, para a realización de dúas exposición e un concerto que "contribuirán a facer a cultura máis accesible para toda a veciñanza". Ferreiro resaltou que este tipo de acordos entre o Concello e as entidades sociais "son un mecanismo imprescindible para fortalecer o extenso e diverso tecido social, creativo e cultural que nutre a cidade". En virtude dos dous convenios asinados hoxe, A Coruña acollerá nos próximos meses tres eventos "que alimentarán a premisa de ter unha cultura máis accesible para todos e para todas". "Unha premisa que encaixa co noso desexo e co rumbo que marcamos dende o Concello para ter unha Coruña máis próxima", apuntou Ferreiro.

O primeiro dos actos culturais a celebrar é un espectáculo gratuíto que mistura humor e música, o Concierto para Zapata y Orquesta, que se levará a cabo nun espazo municipal, o Pazo da Ópera, e coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia. A iniciativa, aberta a todos os públicos, terá lugar o mércores 27 de xuño ás 19.00 horas. As entradas para o espectáculo poderanse retirar entre o 11 e o 22 de xuño no despacho de billetes do Pazo da Ópera, até esgotar os 1.700 convites dispoñibles.

A segunda das propostas chega da man dun libro de fotografía editado en conmemoración do 15º aniversario da Fundación, e que inclúe retratos das usuarias e dos usuarios dos distintos programas da entidade. Estas fotografías, realizadas nos dous últimos anos, poderanse ver, en gran formato, na Mariña entre o 19 de xullo e o 31 de agosto.  Por último, durante o mes de novembro, a exposición Mirar con tacto. Espazo de Arte Accesible instalarase na sala municipal da Casa da Cultura Salvador de Madariaga, situada en Durán Loriga. A mostra contará con obras de Dalí, Juan Genovés e Cristino Mallo, ademais de distintas reproducións da colección propia da Fundación, "unha iniciativa na que se ofrecerán vías para que as persoas cegas poidan coñecer e experimentar obras de arte do último século", destacou o alcalde.

Pola súa banda, Felipa Jove agradeceu esta mañá "a boa predisposición e sensibilidade do goberno local á hora de apoiar a celebración do 15º aniversario da Fundación con toda a cidadanía". A responsable da entidade salientou que a programación para festexar estes quince anos, "nos que milleiros de familias de toda Galicia, en particular nenas, nenos e persoas con diversidade funcional se beneficiaron de distintos programas de lecer, saúde, educación ou promoción cultural", ten como finalidade achegar á veciñanza o traballo que están a realizar "para acadar unha sociedade inclusiva, en si mesma". O alcalde, que felicitou á fundación polos seus 15 anos de traxectoria, apuntou que, "sen que as administración públicas deleguen as súas responsabilidades de crear unha sociedade integradora e que non esqueza as necesidades de ninguén, sempre é fundamental contar co traballo de entidades que non só melloran a nosa sociedade senón que crean un tecido social máis forte, máis implicado e eleva o noso nivel de esixencia como sociedade".

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión