Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de xuño de 2018

O Concello presenta a Oficina de Cooperación Audiovisual e pon en marcha un Manual de Rodaxes "para apoiar e dinamizar ao sector creativo e afondar na idea da Coruña como epicentro do audiovisual galego"

José Manuel Sande deu a coñecer a proposta, elaborada coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual a través dun convenio que mantén coa entidade, e que dará pé a un plan de formación

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de poñer en marcha unha serie de iniciativas co obxectivo de favorecer a realización de gravacións e rodaxes no termo municipal, así como promocionar e difundir o traballo do sector creativo. O edil José Manuel Sande presentou esta mañá o resultado do convenio asinado coa Academia Galega do Audiovisual (AGA), que permitirá a creación de protocolos de filmacións na cidade, ademais dunha Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO) e un plan de formación.

"O compromiso do goberno local co apoio e dinamización do sector audiovisual, especialmente coa Academia Galega do Audiovisual, é firme desde o inicio deste mandato", salientou Sande, quen lembrou que o Concello ampliou este ano o convenio que mantén coa entidade, por valor de 80.000 euros, e que permitirá poñer en marcha, ao longo deste 2018, propostas como a III Semana das Músicas no Audiovisual, promocionar o proxecto Papeis da Academia, ou organizar a vindeira edición dos Premios Mestre Mateo na Coruña. "Despois de tres anos de estreita colaboración, hoxe certificamos de novo o compromiso co tecido audiovisual a través da creación da ACO, que atenderá a diversidade e necesidades do sector, así como de habilitar un Manual de Rodaxe que permitirá materializar un procedemento que facilite e unifique toda a información vinculada á organización e xestión das solicitudes de permiso de gravación na cidade", sinalou o responsable municipal, que estivo acompañado polo presidente da AGA, Carlos Ares, na rolda.  

"Desde 2015, no Concello estamos a traballar para que o audiovisual teña un maior coñecemento na cidade. Unha das iniciativas foi liberar as taxas de gravacións e rodaxes non publicitarias para facilitar o desenvolvemento de elementos de promoción cultural así como de filmación de material na cidade, un aspecto que redunda na propia promoción e imaxe do municipio. Agora, coa colaboración da Academia, chega unha proposta que fará práctico, accesible e sinxelo todo o que ten que ver co procedemento da posta en marcha de rodaxes na Coruña, así como, posteriormente, a produción e difusión destes traballos", explicou o concelleiro de Culturas.

O Manual de Rodaxe, que estará dispoñible na Sede Electrónica do Concello da Coruña a partires do vindeiro martes 26 --e ao que tamén se poderá acceder a través da web de Culturas, www.coruna.gal/cultura--, recolle os distintos procedementos e protocolos a seguir para formalizar a solicitude de permisos de rodaxe, así como as normas e obrigas que se deben cumprir no momento de levala a cabo. A iniciativa tamén inclúe documentos específicos, como un formulario abreviado de comunicación de rodaxe, para filmacións de equipos de menos de 10 persoas e que non impliquen reservas de espazo ou estacionamento, co obxectivo de axilizar así tanto as solicitudes como as concesións de autorizacións, ademais de ter un rexistro completo e ordenado de todas as solicitudes que se xeren. Nunha segunda fase do proxecto, crearase unha base de datos que recollerá fotografías e información das localizacións máis representativas da cidade, así como dun directorio de empresas e profesionais do sector audiovisual local. "Estamos a falar dunha ferramenta que visibilizará o traballo creativo, á vez que xerará beneficio económico en distintos sectores, incluído o turístico", apuntou.

Por outra banda, a presentación tamén serviu para dar a coñecer a Oficina de Cooperación Audiovisual así como a plataforma web que dá soporte á mesma, www.aco.gal, "unha proposta que responde, dun xeito completo, a todas as necesidades que require o audiovisual galego, e que sitúa así á cidade no epicentro do sector en Galicia", tal e como apuntou o concelleiro. O web, dispoñible desde hoxe, ofrece asesoría profesional para proxectos en fase de desenvolvemento e/ou difusión, a través un equipo de asesoras e asesores vinculados ao mundo do cinema, televisión, produción, creación audiovisual contemporánea así como narrativas interactivas, transmedia e videoxogos. Tamén conta cun repositorio de recursos, que presenta un directorio de páxinas web con elementos que dan conta dos distintos pasos necesarios á hora de poñer en marcha un proxecto audiovisual, e un espazo de consultoría fiscal, laboral e xurídica para sociais e socios da AGA.

Tal e como apuntou o seu presidente, "con esta plataforma queremos potenciar a Academia no seu sentido máis humanístico, o da aprendizaxe e ensinanza, a través dun espazo web que, á vez, resulte novidoso, sinxelo e útil para a cidadanía". A este respecto, Ares, apuntou que a ACO "é unha plataforma interesante non só para xente do audiovisual, senón tamén para todas aquelas persoas interesadas no mesmo".

Plan de formación

Ademais destas dúas iniciativas, tanto o Concello da Coruña como a AGA impulsarán neste 2018 un Plan de Formación "ambicioso", segundo apuntou Carlos Ares, que estará acompañado pola celebración de distintas accións vinculadas coa educación e a formación audiovisual. Así, contra o último trimestre do ano, ofertaranse actividades de reciclaxe para profesionais en activo, "coordinado con todas as asociacións profesionais do sector audiovisual galego", salientou o presidente da AGA. En paralelo, e de cara ao inicio do curso escolar, impulsarase a celebración dun espazo de encontro, debate e reflexión dirixido ás persoas docentes que imparten contido audiovisual nos centros educativos, co obxectivo de promocionar a cultura audiovisual nas aulas.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión