Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de xullo de 2017

O Concello suma dúas novas liñas de axuda á programación musical e escénica da cidade a través dos Plans de apoio a axentes culturais de proximidade

José Manuel Sande salienta as medidas de acompañamento á actividade cultural e deportiva postas en marcha desde a Concellería de Culturas, que suman 1,3 millóns de euros a través de sete convocatorias e que seguirán aumentando nos vindeiros meses

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este venres os Plans de apoio a axentes culturais de proximidade I e II ,  dúas convocatorias de subvencións en concorrencia competitiva dirixidas, por unha banda, a salas de artes escénicas e musicais da cidade de titularidade privada e, por outra, a salas destas mesmas características de entidades sen ánimo de lucro. A súa finalidade, apoiar e fomentar a realización de ciclos de actuacións de artes escénicas -actividades teatrais ou de danza- ou musicais en espazos con licenza para tales actividades e cun aforo igual ou menor a 500 persoas, "nese propósito de apostar e dar respaldo á intensa actividade cultural da cidade, a través de  procesos de concorrencia competitiva que sirvan para garantir a igualdade de oportunidades e ordenar a concesión desta clase de axudas mediante procesos máis xustos, equilibrados e igualitarios", sinalou o responsable municipal. Neste sentido, Sande deu conta do conxunto de plans de apoio, "inéditos neste Concello", postos en marcha desde a Concellería de Culturas neste exercicio, que suman 1,3 millóns de euros de investimento e que abranguen tanto o ámbito deportivo -a través da convocatoria Activa o Deporte, dirixida a regular a relación entre o Concello coruñés e o tecido deportivo local e organizar de forma conxunta o calendario de eventos deportivos do ano- como o cultural, co Plan de Apoio a Entidades de Arraigo -destinado a agrupacións musicais e culturais tradicionais-, Facemos Comunidade -convocatoria vinculada á organización das festas dos barrios por parte das entidades veciñais-, Cultura de Barrio -centrada nas actividades culturais e socio-comunitarias nos barrios- e o recente Plan de Apoio a Festivais Audiovisuais, presentado esta mesma semana, aos que seguirán nos vindeiros meses novas axudas á creación local.

No caso dos dous novos Plans de apoio a axentes culturais de proximidade, os requisitos que se estipulan para optar a estas axudas para salas -que terán que estar validamente constituídas e deberán ter a súa sede social ou delegación no termo municipal- pasan por que estas inclúan un mínimo de 4 días de programación e 4 actuacións artísticas de diferentes formacións e, así mesmo, por que a proposta de programación contemple un mínimo do 30% de actuacións en lingua galega, ou ben de creadores e creadoras locais. A programación deberá celebrarse ademais entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro deste 2017. Como sinalou durante a rolda o concelleiro, a  solicitude de subvención poderá realizarse no prazo dun mes a partir do día seguinte da publicación das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

En canto aos criterios de valoración, como puxo de relevo o responsable municipal, a avaliación terá en conta a traxectoria da sala, a súa antigüidade e o volume de programación do ano pasado, así como a calidade da proposta artística, en atención ao grao de especialización e diferenciación respecto doutros espazos, o carácter innovador e a presencia de creación local e novos creadores e creadoras. Do mesmo xeito, puntuarase a contribución á creación local e en lingua galega, así como a amplitude da programación e a súa capacidade para crear novos públicos, en especial á mocidade e a público escolar, a través de actividades complementarias. A difusión de valores de igualdade de xénero, respecto á diversidade cultural, inclusión social e conservación do medio tamén será tida en conta na valoración, como tamén o uso do galego na presentación, realización e difusión do ciclo ou da programación artística.

As convocatorias, que contan cada unha delas cun orzamento de 30.000 euros, contemplan subvencións de ata 15.000 euros, para as salas de teatro e/ou danza con espazo para un máximo de 500 persoas. No caso de recintos privados, a cantidade suporá ata o 75% do custe total da programación, mentres que no caso de entidades sen ánimo de lucro acadará o 100%. No relativo ás salas de música, a convocatoria dirixida a espazos privados establece un máximo de 8.500 euros (un 75% do custo total da programación) para espazos con aforo de ata 120 persoas, ata 5.000 (un 60%do custo) nas salas de entre 120 e 350 persoas e de 3.000 (50% do custo) nas de aforo superior a 350 e igual ou inferior a 500. Pola súa banda, a liña de axudas dirixida a entidades sen ánimo de lucro, marca un máximo de 15.000 euros (75% do custo da programación) para espazos de ata 120 persoas; de ata 9.000 (60% do custo)  para recintos de entre 120 e 350 persoas, e de 6.000 (50% do custo) para salas de entre 350 e 500.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión