Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de xuño de 2018

O Concello e a Deputación asinan a cesión do Teatro Colón, cuxa nova programación apostará “pola excelencia e a vangarda”

O alcalde, Xulio Ferreiro, avanza que o recinto acollerá este verán a residencia dunha compañía escénica e concertos do Festival Noroeste e contará cunha directora, que se presentará nas próximas semanas.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín asinaron hoxe o convenio para a cesión temporal do Teatro Colón ao Goberno local, "que integrará a súa programación para que complemente a oferta existente na cidade e no que se apostará pola excelencia e a vangarda". O rexedor avanzou que o espazo contará cunha nova directora, que se anunciará nas próximas semanas xunto coas liñas xerais da programación para o próximo curso. A cesión do teatro farase efectiva o día 2 de xullo e para este período de transición está prevista unha actividade conxunta entre a Deputación provincial e o Concello, como é a presenza de John Strasberg. Para os meses de verán, nos que tradicionalmente a actividade do recinto non é tan intensa, o alcalde avanzou que o Colón acollerá a residencia dunha prestixiosa compañía escénica e algunhas actuacións do Festival Noroeste.

O rexedor indicou que será a partir de setembro cando o Teatro Colón teña unha "programación completa e deseñada coa nova dirección" que seguirá as liñas de actuación marcadas pola Concellería de Culturas. O Goberno local busca converter o recinto, que pasa a formar parte do IMCE, "nunha oportunidade para mellorar a programación da cidade, un teatro que complemente a oferta que xa existe na cidade". Neste sentido, Ferreiro apuntou que o Colón "contribuirá a unha estratexia cultural ben definida e tamén á diversidade e á excelencia cultural".  Nesta nova etapa, serán relevantes os procesos artísticos, a través de residencias, tanto con convocatorias específicas como para institucións e entidades, "para acadar esa finalidade de excelencia, vangarda e innovación". O teatro ofrecerá tamén programación musical e escénica, con espectáculos contemporáneos que complementen a do Rosalía, e dará máis impulso ás actividades cinematográficas e á programación infantil e familiar, a cultura inclusiva e ás alianzas con outras institucións.

O responsable da Concellería de Culturas, José Manuel Sande, indicou que o IMCE está a traballar en todos os trámites necesarios para formalizar esta nova etapa, a nivel administrativo, laboral e económico, antes de que se formalice a cesión o próximo 2 de xullo. Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación lembrou que o convenio estipula a creación dunha comisión de seguimento, conformada por representantes tanto do Concello como do ente provincial, que terá á súa disposición 30 días de uso ao ano "para manter a produción propia e axudar ás entidades que estaban realizando parte da súa actividade" no Teatro Colón. Ao fío, o alcalde quixo poñer en valor a cooperación entre as dúas administración públicas, "que referendan hoxe un acordo no que se leva traballando moitos meses e que é unha mostra máis da boa colaboración" entre elas. "É unha mostra máis de cando dúas administración son quen de traballar cos vista posta no ben común e en mellorar os servizos e os dereitos da cidadanía as cousas saen", rematou.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión