Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de setembro de 2017

O Fórum Metropolitano acollerá desde outubro os ciclos de artes escénicas 'Todo Público' e 'Sen Numerar’'

O edil José Manuel Sande salienta que os dous programas de outono, que contarán con obras do Grupo Chévere, Caramuxo Teatro ou Alberto San Juan, “son elementos fundamentais da actividade escénica na Coruña”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita a programación de outono dos ciclos Todo Público e Sen Numerar, dúas propostas de artes escénicas que acollerá a partir do mes de outubro o Fórum Metropolitano. Tal e como fixo constar o edil, esta programación, que complementa a actividade de artes ao vivo que se ofrece desde a área de Culturas a través de iniciativas Bebescena, Fórumáxico ou Ilusiooóh!n, "son dous dos activos fundamentais da programación escénica da cidade". Tanto Todo Público, dirixido a públicos de todas as idades e que contará coa estrea de obras de compañías locais, como Sen Numerar, teatro de pequeno formato e que complementa a programación que ofrece o Ciclo Principal do Teatro Rosalía Castro, "dan boa conta da efervescencia cultural que está a vivir a cidade", sinalou Sande.

Así, o próximo 7 de outubro, coa representación de Goldi Libre, do Grupo Chévere, dará comezo a programación de Sen Numerar, que este ano terá a temática social como fío condutor. "Esta tempada presentamos varios espectáculos que, aínda que non deixan de estar implicados na realidade actual, ofrecen diferentes puntos de vista para reflexionarmos e mesmo rírmonos", explicou Begoña Llamosas, directora do Fórum Metropolitano e responsable da programación escénica presentada esta mañá. Tras a estrea da obra que recolle a propia experiencia persoal e testemuño do actor César Goldi tras o seu paso polo cárcere da Coruña, chegará na fin de semana do 27 e 28 de outubro a representación de Mosca, de Sudhum Teatro, un traballo que trae a escena o acoso escolar. Xa no mes de novembro, o día 10, o ciclo programará Helena, xuízo a unha lurpia, un traballo de Miguel del Arco no que a compañía Teatro do Atlántico, baixo a dirección de Xulio Lago, e con María Barcala no papel de Helena, reivindicará a dignidade da muller. Finalmente, o sábado 25 de novembro, Alberto San Juan levará ao Fórum Metropolitano a peza España Ingobernable, unha iniciativa na que, coa compañía de Fernando Egozcoue, o artista porá de manifesto, a través de textos e cancións, a loita cidadá na historia do Estado, desde a segunda República até a actualidade.  

Como é habitual, as representacións de Sen Numerar tamén terán lugar en horario lectivo para o alumnado de educación secundaria e Bacharelato da cidade. A actividade recibiu este ano preto de 11.000 solicitudes, segundo indicou Llamosas durante a rolda de prensa. "Iniciativas como este ciclo permiten achegar a todos os públicos, en particular á mocidade, as artes escénicas dun xeito máis próximo, nun ambiente case íntimo", destacou.

Por outra banda, o próximo 21 de outubro dará comezo a programación de outono do ciclo Todo Público, a programación de artes escénicas para todos os públicos que ten como finalidade, segundo incidiu a directora do Fórum, "en ofrecer as rapazas e rapaces, a partir dos tres anos, a oportunidade de internarse en mundos artísticos e vivir unha experiencia emotiva a través de espectáculos teatrais de gran calidade, co obxectivo de favorecer o desenvolvemento do seu pensamento creativo". A programación, que tamén ofrece pases para o alumnado de centros educativos en horario lectivo e na fin de semana para todos os públicos, contará coa estrea de traballos das compañías locais Caramuxo Teatro e Pérez&Fernández.

Deste xeito, Todo Público comezará o venres 6 de outubro coa estrea de Ela, un traballo de Caramuxo que crea un mundo fantástico a través das cores, a arte e o universo creativo da pintora Maruxa Mallo. Na semana seguinte, na festividade do 12 de outubro, o Fórum programará a estrea tamén de Aguratrat!, a adaptación de Pérez & Fernández do conto Esio Trot, de Roald Dahl. A continuación, o sábado 21, terá lugar a representación de Malas Palabras, da compañía arxentina La Galera Encantada, mentres que o día 28 será a de Bala Perdida, da galega Títeres Cachirulo. Esta última trasladarase, excepcionalmente, ao centro Ágora.

Xa no mes de novembro, o día 4, Todo Público ofrecerá Retahilando, de Eugenia Manzanera, traballo que vén de recibir o Premio ao mellor espectáculo de pequeno formato Fetén 2017. Finalmente, en decembro, a compañía Zum-Zum Teatre presentará La gallina de los huevos de oro o sábado 2, mentres que La Pera Limonera ofrecerá o espectáculo Lágrimas de Cocodrilo o sábado 16. Todas as representacións deste ciclo terán lugar ás 18.30 horas.

As entradas para os dous ciclos xa están á venda nas canles habituais, e poden adquirirse, por 6 euros --2 euros no caso das entradas para menores de tres anos do ciclo Todo Público--, no despacho central de billetes da praza de Ourense (de luns a venres, agás festivos, de 9.30 a 13.00 horas, e de 16.30 a 19.30 horas), a través de www.ticketea.com ou do teléfono 902.044.226 (de luns a venres de 9.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas) ou no Fórum Metropolitano o propio día da representación desde unha hora antes, sempre e cando queden entradas dispoñibles. No caso de Sen Numerar, o día da función o prezo será de 9 euros, agás para as persoas desempregadas, maiores de 65 ou posuidoras do Carné Xove, que aboarán 7 euros por cada espectáculo.  Ademais, tal e como é habitual noutros ciclos de artes escénicas para todas as idades, Todo Público ofrece a posibilidade de adquirir o Abono 3, tres entradas para a mesma función, por 15 euros.

Documentos:

Programación Sen Numerar - Outono 2017 (253 KB)

Programación Todo Público - Outono 2017 (301 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión