Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de maio de 2017

O Concello ten xa listo e validado por Patrimonio o proxecto para a adecuación dunha serie de espazos na antiga prisión provincial, para a súa posta en uso

O Goberno local abre a convocatoria para seleccionar o proxecto de dinamización sociocultural dos espazos que se abrirán ao uso no cárcere da Torre

O proceso, aberto a entidades sen ánimo de lucro, ábrese en réxime de concorrencia competitiva e busca a “interrelación de proxectos que se queiran desenvolver no inmoble”, salienta a concelleira de Participación, quen apunta a un “modelo distinto de xestión”

Os concelleiros de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentaron este xoves as bases da convocatoria pública para a cesión de usos de espazos no antigo cárcere provincial da Torre para o desenvolvemento de proxectos de dinamización cultural e sociocultural nas zonas rehabilitadas deste recinto. Trátase, como expuxo Delso, dun proceso que o Goberno local abre en réxime de concorrencia competitiva, "para favorecer a concorrencia pública para entidades sen ánimo de lucro e tamén a interrelación entre proxectos que estas queiran desenvolver no inmoble". "O que plantexamos é un proxecto integral e de dinamización, e non tanto un programa de actividades. Poñemos o foco na xestión interna, na gobernanza que as entidades que queiran presentar un proxecto vaian a desenvolver, no modelo de toma de decisións", sinalou. Como observou,  á hora da valoración dos proxecto atenderase tamén á relación que as entidades que se presenten acrediten con outras asociacións e co barrio, e igualmente a comunicación do proxecto coa cidade e o Concello e a mediación social coa veciñanza. As bases, que desde hoxe están dispoñibles para consulta na web municipal, abren un prazo de 45 días para a presentación de propostas, a contar desde a súa publicación oficial, que terá lugar en días vindeiros

A cesión dos espazos, tal e como indicou a concelleira, estará destinada ao desenvolvemento dun proxecto de dinamización de actividades sen fins lucrativos e de carácter artístico, educativo, sociocultural e lúdico, dentro das cales caben cursos, obradoiros, actividades de artes vivas (danza, teatro, circo, música...), presentacións, residencias, investigacións, actividades recreativas ou exposicións, entre outras, e onde si caben certas actividades económicas, sempre que os ingresos que xeneren revirtan no propio proxecto ou na mellora do recinto, e non no lucro persoal. Entre os requisitos cóntase a obriga de reservar un 40% dos contidos a accións relacionadas coa recuperación da memoria histórica e a promoción da creación local e de actividades que non teñen espazo con carácter regular na cidade. Ademais, tal e como se especifica nas bases, o proxecto deberá contribuír "á difusión dos valores de convivencia, inclusión social, igualdade entre persoas e respecto á sustentabilidade ambiental e o comercio xusto" e propoñer unha fórmula de gobernanza  "que garanta a máxima participación e pluralidade nos procesos de toma de decisións e de dinamización das actividades que se realicen". "Entendemos que con isto, avanzamos cara outros modelos de xestión", valorou Delso.

Neste mesmo sentido, o concelleiro de Culturas salientou desta convocatoria a "transversalidade" coa que se está a desenvolver desde as distintas áreas do goberno, e a procura dese novo modelo de xestión. "O papel do Concello pode ser variado, como complemento, apoio, respaldo loxístico ou tamén de titularidade responsable dun inmoble, e a xestión e actividade poden corresponder a grupos organizados, algo que representa un cambio de visión fronte ás dependencias, dirixismos e  tutelaxes tan habituais en anteriores gobernos", observou, despois de poñer en valor o papel do activismo cívico nos procesos de conversión deste e outros espazos para o seu uso cultural en toda a península. "O que a nos parece máis importante neste caso é o reaproveitamento artístico, cultural e social dun espazo con connotacións históricas e significación tantas veces represivas", fixo notar Sande e, a este respecto, incidiu de novo na atención a actividades relacionadas coa recuperación da memoria, "algo que ten que ver coa esencia do espazo e dos usos que tivo ata agora, e coa reivindicación que se está a facer e co valor simbólico". Tal e como se recolle nas bases, deberá reservarse o 40% dos contidos da programación a este fin, así como á promoción da creación local e a promoción de actividades que non se realizan habitualmente ou con regularidade noutros espazos da cidade.

A convocatoria, segundo se expuxo durante a presentación desta mañá, está destinada a seleccionar unha entidade cesionaria para realizar e xestionar o proxecto de dinamización. Non obstante, co obxectivo de que o proxecto resultante sexa o máis inclusivo posible, a comisión de valoración encargada de decidir poderá propoñer distintos proxectos que poidan ser "compatibles e fusionables", apuntou Delso, quen abriu a porta a unha "negociación" para que varias propostas poidan integrarse. Ao fío, a responsable de Participación anunciou unha sesión informativa, que terá lugar o vindeiro martes, ás 18.00 horas, na Casa Museo Casares Quiroga, aberta a todas as entidades interesadas nesta convocatoria, para clarificar e resolver dúbidas sobre a mesma.

Obras de acondicionamento

O proceso para a cesión de usos desenvolverase, segundo expuxo este xoves o concelleiro de Rexeneración Urbana, en paralelo aos traballos para a rehabilitación dos espazos do cárcere que se abrirán a actividades, e que se realizarán en virtude do convenio asinado co SIEP -a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios SA, dependente do Ministerio do Interior- para a cesión do inmoble ao Concello durante dous anos prorrogables, para a realización de actividades sociocomunitarias e culturais, e polo que ambas institucións acordaron realizar un investimento conxunto  de 300.000 euros para acondicionar parte do inmoble para dotalo de todas as condicións de seguridade. Como explicou Varela, o proxecto para a rehabilitación destes espazos xa está redactado e conta coa aprobación municipal e tamén de Patrimonio, de xeito que os traballos poderán adxudicarse no prazo aproximado de mes e medio, a través dun procedemento negociado, e realizarse nos tres meses seguintes.

Segundo informou o concelleiro desta área, nesta primeira fase acometeranse obras por un orzamento de 240.000 euros, "para deixar un remanente para outro tipo de actuacións se é necesario". As zonas que nas que se intervirá para poñer en uso supoñen unha cuarta parte da superficie do recinto e inclúen espazos de distinta condición e entidade, para permitir a "polivalencia de usos e funcións", para o que se buscou acondicionar espazos de distinto carácter e entidade. O proxecto abrangue a rehabilitación do vestíbulo e as celas vinculadas, o patio primeiro, cos soportais e os anexos dos extremos, e a chegada ata o centro do panóptico, "para permitir visualizar a configuración completa do edificio," e con el habilitarase dentro deste recinto un local municipal.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión