Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de maio de 2017

O Goberno local aposta por achegar á cidadanía a figura de Alexander von Humboldt "e poñer en valor a súa relación coa Coruña" coa creación do 'Foro Humboldt'

O concelleiro de Culturas avanza que a xornada, que terá lugar o 5 de xuño e que nace “con ambición e afán de continuidade”, será a primeira dunha serie de actividades vinculadas ao científico alemán

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e a edil de Medio Ambiente, María García, participaron esta mañá na presentación do Foro Humboldt, unha oportunidade para reflexionar sobre o Medio Ambiente, unha iniciativa promovida polo Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) coa colaboración do Concello, e que conta tamén co apoio da Universidade da Coruña e da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, arredor da figura do alemán Alexander von Humboldt, e que se desenvolverá o próximo 5 de xuño na Coruña, coincidindo co Día do Medio Ambiente. A xornada, aberta á cidadanía e que terá lugar no Paraninfo, ten como obxectivo "dar a coñecer e investigar a traxectoria dun xeógrafo e naturalista de importante relevancia científica, como é Humboldt, e poñer en valor a súa vinculación coa cidade, xa que un 5 de xuño de 1799 saíu do porto coruñés cara á realización dunha das expedicións científicas máis importantes de todos os tempos", explicou Sande. O titular da área de Culturas salientou que este Foro, que "nace con ambición e afán de continuidade", será o punto de partida dunha serie de actividades vinculadas a Humboldt, e avanzou que nos próximos días o Goberno local descubrirá unha placa na rúa que leva o seu nome, "na que se explicará o papel fundamental dun investigador que estableceu principios fundamentais ambientais, que seguen vixentes hoxe en día". A este respecto tamén se pronunciou a edil María García. "Este foro supón un xeito diferente de abordar o Día do Medio Ambiente, a través da recuperación e posta en valor dunha figura que exemplifica a educación e a defensa ambiental desde un punto de vista modélico, e da que podemos seguir aprendendo", afirmou a concelleira, quen valorou positivamente a celebración da xornada, "que pretende ter proxección non só local e metropolitana, senón internacional".  "No Foro Humboldt porase o foco sobre temas que hoxe están de actualidade e sobre os que o naturalista sentou as bases para o seu estudo, como o cambio climático ou a biodiversidade e distribución das especies" , sinalou García.

Os directores do CEIDA, Carlos Vales, e do Instituto José Cornide acompañaron a Sande e García na presentación deste luns, e salientaron o papel de Humboldt como "pai do pensamento global do medio ambiente", así como a súa vinculación co porto coruñés. "A celebración deste foro na cidade, da que un dos científicos máis relevantes da historia partiu para iniciar as súas pescudas, reforza a idea da Coruña como unha cidade de cultura e cun compromiso coa divulgación científica excepcional", sentenciou Vales. Pola súa banda, Xosé Antón Fraga, destacou "a vixencia da mensaxe de Humboldt", tanto a través dos seus avances no eido da investigación e a súa defensa ambiental "como a súa visión aberta e posicionamento, moi moderno para a época, a favor do intercambio cultural". "Cando recuperamos o nome de Humboldt, non é unha acción de nostalxia, senón de futuro. Este será un Foro no que se reflexione e debata sobre os retos que hoxe, 200 anos despois, seguen a estar presentes", afirmou Fraga.  

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, xunto ao reitor da UDC, Julio Abalde, será o encargado de inaugurar a xornada o día 5 de xuño, ás 12.00 horas. A continuación, o director do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, Xosé Antón Fraga, e o escritor e divulgador ambiental Antonio Sandoval, pronunciarán dúas conferencias sobre o papel do científico alemán e a súa relación coa cidade da Coruña. O acto pecharase con lectura e músicas inspiradas na aventura científica do alemán, coa participación de Estíbaliz Espinosa e Isabel Gómez.

Documentos:

Programa Foro Humboldt (1 MB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión